Por fin, home! Xa era hora de que a clase política se ocupara dos asuntos verdadeiramente importantes que nos afectan. Non falo do futuro das Caixas (as que se adoita chamar “as nosas Caixas”, con esa xenerosidade e amplitude que ten o idioma galego para os posesivos), que total, para que se vai discutir, se vai acabar pasando o que teña que pasar, e as nosas forzas vivas a aplaudir, que é o seu. Tampouco do vento, que para ser de balde e de todos, hai que ver os cartos que rende, ou iso se desprende de que cada goberno mude o sistema de conceder o seu aproveitamento (primeiro foi o dedo, despois o concurso, agora virá… o escalafón?). Non señor, falo da relación entre Democracia e Festas, decisivo debate proposto polo concelleiro do ramo (Festas, non Democracia) da Coruña.

Festas en concreto é a Fiesta. Os “toros”, vamos (os “touros” son uns animais, o de “tourada” parece que falamos dunha enchente. Eu e o concelleiro referímonos ao mundo dos toros, ao planeta taurino). Segundo o concelleiro do ramo, criticar ou opoñerse os toros non é democrático, e non dubida en atribuír esa pouca disposición taurina a unha incompatibilidade ideolóxica e de bandeiras, en concreto á tradicional presenza da española nos ruedos. Independentemente de que a relación das bandeiras co sangue e os instrumentos punzantes, canta menos mellor, eu voulle dar as razóns polas que me manteño afastado deses sitios, se abandeiren como se abandeiren. Foi culpa do meu avó, que me levou de pequeno a unha corrida. Vinme rodeado dunha chea de energúmenos, parapetados detrás duns puros e alentados polo alcohol, que berraban barbaridades contra o home e o bicho que proporcionaban o espectáculo co risco das súas vidas (aínda que a dun máis ca do outro). Se tivese coincidido con sensibles expertos na chamada arte de Cúchares, o conto posiblemente sería distinto. Non é elitismo ningún, tampouco me presta o ballet clásico (agora que o penso, quizais sexa que teño algo contra os homes en mallas).

E logo, xa de maior, e sen ser especialmente amante dos animais (en liñas xerais, considero que os que non están destinados ao prato, deben estar ao seu aire) non me gustan que os maltraten, e iso inclúe a matanza do porco (da que non se pretende que sexa un espectáculo público) e as pelexas de cans (que si o son, aínda que ilegal). Podemos falar de gustos maioritarios ou minoritarios, como xa dicía Wenceslao Fernández Flórez en tempos en que había praza de toros fixa e bandeira única, “¿afición a los toros en Galicia?, hay un aficionado en Monforte y se sospecha de otro”. Podemos teorizar sobre se paga a penar manter todas as tradicións, ou hainas felizmente superadas, como as cencerradas aos matrimonios de idades dispares. Podemos debater sobre o destino dos fondos públicos. Pero en cuestión de gustos, como de opinións, o democrático é poder expresalos, aínda que sexan deleznables, como sen dúbida sabe o concelleiro do ramo, que seguramente dixo todo o que dixo ou porque lle pasou como a min na corrida á que me levaron de neno, ou por ese síndrome “¡papá, mira que bien lo hago!” ante a presenza de papá.

Pódese debater todo, menos que Raphael ou El Consorcio teñan ningún tipo relación co pop-rock, sexa do noroeste ou do centroesquerda, tal e como tamén defende o concelleiro ramista. Como lle atribúen uns ao político Talleyrand e outros ao toureiro El Gallo,  “lo que no puede ser, no puede ser, y además es imposible”.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, 8 de agosto de 09)

Advertisements