O outro día aprendín un concepto novo: “graxa”. Soltábao o líder dunha sociedade financeira internacional nun suplemento de economía, e como era de supoñer nese tipo de persoa e de entrevista, non o utilizaba para comentar que estaba gordo ou para describir os seus gustos culinarios. Chamáballe “graxa” ao exceso de persoal dunha empresa. Na nova terminoloxía do asunto dos cartos –hai pouco atopei outra vez a expresión, ou sexa que non era invento do líder aquel- “graxa” son as rémoras de todo tipo, as adiposidades que lastran o bo funcionamento do corpo económico. Non escoitara unha expresión tan sincera e tan descarada desde que representantes do sector inmobiliario se queixaban da a moratoria da construción no litoral porque suporía “matar a la gallina de los huevos de oro”.

A expresión, como todas as que agora pretenden substituír con slogans as argumentacións, é tremendamente atinada, sen deixar de ser cruel. Nesta época en que se estipulan as calorías que se inxiren, non para calcular se son bastantes para o esforzo que hai que realizar, senón cantas hai que queimar, o da graxa é non é discutible: sobra. Non hai debate posible, moito máis aló de recordar que de sempre, ata onte, a función da graxa era a de ter reservas para cando viñan mal dadas, é dicir, a xente era a mellor e máis barata forza de traballo. Pero na realidade, claro, o que é graxa e o que é músculo, por moito que se vista de terminoloxía obxectiva, é algo subxectivo, e non unha definición anatómica. Por exemplo, para a Xunta, graxa son as garderías que xa estaban creadas e que non se poñerán en marcha por falta de presuposto, e quen teña nenos e non os poida atender, que vaia vivir onda os avós. Músculo é subvencionar a aqueles pais que consideran imprescindible que os seus fillos se eduquen en centros onde hai separación entre nenos e nenas. Graxa é retirar ou recortar as axudas, uns miles de euros cada unha, ao Festival de Poesía do Condado, ao a Mostra de Teatro de Cee, ao Festival de Jazz de Cangas, ao Outono Fotográfico de Ourense… Músculo é renovar as subvencións á compra de vehículos, ata sumar, de momento, uns 10 millóns de euros. En política, o touciño pode ser xamón ou viceversa, como lle pete ao dono do porco.

Pero a min é que me fascinou o de graxa. Tanto que eu propoñería outros conceptos anatómicos para aplicalos á economía. Por exemplo, “apéndice”. O apéndice vermiforme, ese anaco de tripa que non se sabe para que sirve, nin siquera se sirve para algo. “Apéndice” poderían ser eses postos ou organismos que hai nas grandes corporacións, dos que non se coñece máis función que a de ser ocupados por alguén a quen se lle quere facer un favor. Así podíamos dicir: “A sociedade X non está mal xestionada, pero non lle viría mal unha apendicectomía”. Ou “tumor”. Xa saben, calquera alteración dos tecidos que supoña un incremento substancial e desordenado de volume. Temos unha chea de exemplos, pero os máis malignos son aqueles que se producen nas empresas en crise, aquelas que deciden reducir a graxa, pero aumentan o volume do tecido directivo, ben mediante a incorporación de novos expertos en liposucción, ben mediante grandes indemnizacións aos que levaron á sociedade á situación na que está. Así, na cadea de montaxe ou na sección de empaquetado, escoitariamos conversas coma esta: “Sabes o último que fixeron estes? contrataron outro tumor! E logo din que hai exceso de graxa…”

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado, 29 de agosto de 09)

Advertisements