Unha vez solucionado o problema do AVE, e botado máis terra sobre o sepultado asunto das cercanías/transporte metropolitano, a nosa clase política está a piques de resolver o intríngulis dos aeroportos. Xa saben, no último cuarto do século XX non había nin as estradas propias da metade do século e as vías férreas databan do primeiro cuarto, pero en Galicia fixéronse tres aeroportos. Conseguíronse polo método habitual do século XIX (as influencias en Madrid), no medio de batallas dialécticas nas que se esgrimían como estacas agravios comparativos entre cidades. Eran os tempos de “yo también quiero uno/una”, fosen polígonos industriais ou universidades, felizmente pasados (agora, por exemplo, só hai dous portos exteriores). Foi un logro histórico nas demandas sociais, a pesar de que aquelas imprescindibles infraestruturas servían para pouco máis que para que fosen a Madrid en avión os que podían pagar prezos similares aos de ir en taxi.

Despois, primeiro a competencia e logo as compañías low cost democratizaron os voos, e as comunicacións aéreas deixaron de ser tan radiais como as terrestres, de obrigado paso por Madrid. Parecía o momento de sacarlle rendemento ás pistas. Claro que, coa popularización do transporte aéreo, fixéronse patentes as carencias das vías terrestres asociadas. Mentres se voabas desde Porto traíante a levábante de balde en taxi á casa, aquí ningunha das terminais tiña transporte público. O que hai agora nas tres cidades vén sendo unha liña cada media hora, que utiliza como moito un dez por cento dos usuarios.

Claro que tampouco o transporte privado é que estivese potenciado, porque desprazarse en coche desde A Coruña a Alvedro a determinadas horas leva máis tempo que ir pola autoestrada a Lavacolla, a pesares de que a saída para o aeroporto compostelán está estratexicamente situada de forma que hai que atravesar un dos núcleos de poboación que máis medran de Galicia. Non se sabe se foi adrede ou cadrou (ou sexa, se foi con mala intención ou por ignorancia). Aposto polo primeiro, porque parece ser que tamén houbo un proxecto de facer unha conexión ferroviaria coa terminal de Santiago que se desbotou precisamente para non alterar o statu quo das tres opcións. Os espelidos do aeroporto Sá Carneiro anunciaron que en breve poñerán en marcha liñas de autobuses con todas as cidades galegas.

Desafortunadamente, nesas estabamos, facendo equilibrios entre o servizo e as carencias, cando chegou a crise. Agora ata os do low cost piden subvencións para vir ou quedarse (e menos mal que o AVE, aínda estando solucionado, pasarán uns aniños ata que se poda viaxar nel). Os responsables de turismo das cidades –por que os aeroportos dependen de turismo?–, os tres do BNG, denuncian que a Xunta non ten máis plan de promoción das conexións aéreas que enfrontalos entre eles. O PSdeG propón actuar como que en Galicia hai un aeroporto só e verdadeiro, pero con tres terminais. Núñez Feijóo advirte/ameaza que haberá unha única política aeroportuaria, con ou sen os alcaldes. E o Goberno central estuda o traspaso na xestión dos aeroportos, agora que está claro que non son negocio.

En resumo, e segundo entendo, todos veñen a dicir o mesmo: que hai un problema (ou para ser exactos, tres) e que por moito que digan os outros, serán firmes á hora de facer o que teñan que facer, anque sen concretar que farán. Que sexa o que queiran, pero que non volvan os tradicionais métodos de promoción aeroportuaria: considerar un traidor a quen non use o que ten máis preto da casa e discutir en público e sen recato quen a ten máis longa. A pista.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 5 de setembro de 09)

Advertisements