Unha vez solucionado o problema do AVE, e botado máis terra sobre o sepultado asunto das cercanías/transporte metropolitano, a nosa clase política está a piques de resolver o intríngulis dos aeroportos. Xa saben, no último cuarto do século XX non había nin as estradas propias da metade do século e as vías férreas databan do primeiro cuarto, pero en Galicia fixéronse tres aeroportos. Conseguíronse polo método habitual do século XIX (as influencias en Madrid), no medio de batallas dialécticas nas que se esgrimían como estacas agravios comparativos entre cidades. Eran os tempos de “yo también quiero uno/una”, fosen polígonos industriais ou universidades, felizmente pasados (agora, por exemplo, só hai dous portos exteriores). Foi un logro histórico nas demandas sociais, a pesar de que aquelas imprescindibles infraestruturas servían para pouco máis que para que fosen a Madrid en avión os que podían pagar prezos similares aos de ir en taxi.
Despois, primeiro a competencia e logo as compañías low cost democratizaron os voos, e as comunicacións aéreas deixaron de ser tan radiais como as terrestres, de obrigado paso por Madrid. Parecía o momento de sacarlle rendemento ás pistas. Claro que, coa popularización do transporte aéreo, fixéronse patentes as carencias das vías terrestres asociadas. Mentres se voabas desde Porto traíante a levábante de balde en taxi á casa, aquí ningunha das terminais tiña transporte público. O que hai agora nas tres cidades vén sendo unha liña cada media hora, que utiliza como moito un dez por cento dos usuarios.
Claro que tampouco o transporte privado é que estivese potenciado, porque desprazarse en coche desde A Coruña a Alvedro a determinadas horas leva máis tempo que ir pola autoestrada a Lavacolla, a pesares de que a saída para o aeroporto compostelán está estratexicamente situada de forma que hai que atravesar un dos núcleos de poboación que máis medran de Galicia. Non se sabe se foi adrede ou cadrou (ou sexa, se foi con mala intención ou por ignorancia). Aposto polo primeiro, porque parece ser que tamén houbo un proxecto de facer unha conexión ferroviaria coa terminal de Santiago que se desbotou precisamente para non alterar o statu quo das tres opcións. Os espelidos do aeroporto Sá Carneiro anunciaron que en breve poñerán en marcha liñas de autobuses con todas as cidades galegas.
Desafortunadamente, nesas estabamos, facendo equilibrios entre o servizo e as carencias, cando chegou a crise. Agora ata os do low cost piden subvencións para vir ou quedarse (e menos mal que o AVE, aínda estando solucionado, pasarán uns aniños ata que se poda viaxar nel). Os responsables de turismo das cidades –por que os aeroportos dependen de turismo?–, os tres do BNG, denuncian que a Xunta non ten máis plan de promoción das conexións aéreas que enfrontalos entre eles. O PSdeG propón actuar como que en Galicia hai un aeroporto só e verdadeiro, pero con tres terminais. Núñez Feijóo advirte/ameaza que haberá unha única política aeroportuaria, con ou sen os alcaldes. E o Goberno central estuda o traspaso na xestión dos aeroportos, agora que está claro que non son negocio.
En resumo, e segundo entendo, todos veñen a dicir o mesmo: que hai un problema (ou para ser exactos, tres) e que por moito que digan os outros, serán firmes á hora de facer o que teñan que facer, anque sen concretar que farán. Que sexa o que queiran, pero que non volvan os tradicionais métodos de promoción aeroportuaria: considerar un traidor a quen non use o que ten máis preto da casa e discutir en público e sen recato quen a ten máis longa. A pista.
(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 5 de setembro de 09)
O de sempre: boísimo artigo.
para cando unha pista en Lugo ou Mondoñedo?
e unha en Ourense ou Celanova, “aeroporto Baltar”?
Van facer falta, para emigrar a Lanzarote, Baviera, Suiza, etc…
Concordo con vostede, como é habitual. E non coñezo a ningunha persoa máis ou menos informada ou experta en temas de territorio e transporte que non formule argumentos parecidos. Infelizmente moito temo que seguiremos nas mesmas porque a “nosa” chamada “clase política” acumula un grao de incompetencia e ignorancia dificilmente igualable.
Supoño que a solución pasa porque todos os vos -vaian a onde vaian- fagan escala en Madrid. Entón acabaranse tódolos problemas.
e como decimos polo sur, porque primeiro non se poñen dacordo os da provincia da Coruña que teñen dous aeroportos a menos de 60 km – 40 minutos e logo xa falaremos?
Eso, eso, alvarez, e ademáis dende Vigo é costa arriba
Sr. eSedidió, vou ter que aplicarlle o pensamento LERInista e vetarlle o paso por Rande.
Neste caso, e sen que sirva de precedente, non lle agradezo a retranca do artigo. «No es por ti, que es por mi», que dicen por ahí, e é que estou un pouco de mala uva (non ten que ver coa vendima) con esa materia. Cando queira, déase por invitado a comer/cear en Redondela e recibir explicación visual das razóns da miña congoxa.
O caso é que xa vai sendo hora de chamarlle ás cousas polos seus nomes, e dicir claramente que aquí, políticos, empresarios de certos sectores e editores de certos xornais comen nas mesmas mesas, e uns páganlle o plato a outros en agradecemento por adxudicacións e alardes de progreso varios, que os terceiros reclaman e aplauden segundo as indicacións dos outros comensais.
Vai sendo hora de dicir abertamente que aquí se perderon a vergoña e as formas, e aproveitando certas ignorancias que vostede apunta, estanse movendo cartos con bulldozer para o peto dos mesmos de sempre, a expensas doutras inversións que ninguén parece reclamar (¿acaso vale ese método de acabar coas listas de espera no sergas limitando a admisión nas mesmas a corenta días, ou os que sexan?) e, sobre todo, de escarallar todo con tanto afán «modernizador».
Desculpe o mini-exabrupto, mestre, pero o primeiro paso para solucionar un problema é identificalo correctamente.
Tamén no entorno coruñés lle podo dar exemplos do asunto.
Non se me desculpe, Míguez. E con respecto dos negocios privados disfrazados de intereses públicos pódeme contar cousas que non saiba, pero non que me sorprendan. (E se ten probas, mándemas, que eu vivo diso, de publicar cousas)
Coido que non me expresei correctamente, xefe. Se tivese probas de tales cousas, ademáis de mandarllas a vostede gostoso, seguramente tamén llas mandaría ó xuíz de garda, que tamén vive diso.
Eu referíame a ensinarlle as consecuencias de tanta modernización, en concepto de esnaquizamento do territorio, e cómo esta se fai saltándose unha serie de normas, do cal hai probas e denuncias. Tamén lle podo ensinar un pouco de cómo se emprega ós técnicos para xustificar esas obras aínda que sexa con… digamos linguaxe confusa. Evidentemente, estas cousas sonlle menos suculentas que destapar un cazo ben feito, pero eu non lle gaño a vida con esas cousas. En calquera caso, e isto recoñecido por un colega seu da Voz de Galicia, o problema está precisamente en centrarse na inmediatez das cousas espectaculares e non tratar de divulgar as estruturales. (Como vexo que non estou moi fino co diccionario, xa lle aclaro que non se trata de un reproche ó oficio.)
¡porto exterior para ourense xa!…e pra lugo capital tamén claro…