Etiquetas

Como posiblemente ignoren, porque non é unha noticia de imperiosa difusión como as incidencias do ser aproximadamente humano coñecido como Belén Esteban, este ano non haberá Culturgal. E que?, dirán. Pois nada, a min tampouco me vai nin me vén nada en se hai unha feira das industrias culturais ou deixa de habela. Non traballo no sector –este dos medios de comunicación enténdese que é outro-, non visitei a feira nunca, e os produtos culturais que consumo adquíroos nos establecementos comerciais propios de cada un. Se tanto lles ten, teñen toda a razón, pero logo non me choren.

A percepción imperante é que a cultura é un luxo, e polo tanto algo prescindible. Aínda máis: que os creadores culturais –a partir de agora, os artistas- son uns folgazáns supersubvencionados que viven do conto (anque traballen outros xéneros literarios e outras disciplinas artísticas). Eu tamén, cando escoito a algún queixarse das agonías do traballo creativo, danme ganas de aconsellalo que, se quere ser feliz, se enrole no Gran Sol ou meta doce horas tras da barra dun bar. Pero os que difunden esa teoría da hipersubvención son uns señores que teñen uns salarios máis que aceptables e non poucas prebendas, a cambio unicamente de figurar nunhas listas electorais, e que se logo traballan, moi ben, pero se se limitan a premer un botón cando e como lle di o xefe de filas, ou mesmo nin aparecen, cobran igual. Ou outros señores coma min, que tampouco necesitamos traballar precisamente no Gran Sol nin servir cañas para ganar a vida. E claro, prescindible é todo menos comer. Tan superfluos son os libros, a música e o teatro como o fútbol, a relixión, os coches, os medios de comunicación, o abandono de producións agrogandeiras, o exército, as deputacións e as verbenas, entre outras moitas actividades e tinglados que agora se me escapan, que están igual de subvencionados ou moitísimo máis, e son de uso e consumo máis restrinxido ca os produtos culturais.

E cada un renuncia ao que quere ou ao pode, e hai quen pode vivir sen coche, anque non sen libros, pero o da feira das industrias culturais ten que ver coa economía. A cultura como sector produtivo representaba en 2006 o 2,5% do PIB da Unión Europea, porcentaxe superior ao da industria química, e empregaba ao 3,1% da poboación europea. Nos Estados Unidos, as cifras en 1999 eran do 7,33% e 4,2%, respectivamente. En Galicia non hai estatísticas –para que, se as autoridades xa saben de sobra o que hai-, pero si estimacións: o 2% do PIB e uns 25.000 empregos. O 11% das empresas de edición en España e o 10% das audiovisuais son galegas. Os proxectos empresariais creados polo concello de Boiro supuxeron 50 empregos en catro anos. Que un sector que move case dez veces mais cartos que o de transformación do leite, e que é o que nos identifica no mundo, non sexa de atención preferente por parte da Xunta non soamente é grave, senón que é inexplicable, e o que é peor, torpe.

Hai anos eu buscaríalle a explicación de que as autoridades prefiren cidadáns obtusos e non agudos, porque é máis doado manexalos. Hoxe, vacinado polos portavoces parlamentarios do PP, xa non creo que haxa quen queira prexudicar conscientemente a Galicia nin noutras teorías da conspiración. Postos a buscarlle explicación ao fenómeno, habería que adxudicarlle un chisco de responsabilidade ao propio sector da industria cultural, que non se moveu como debera. E un monte de culpa ás institucións, que ou ben seguen a considerar a cultura como desafecta e sospeitosa, ou xogan a alquimistas tentando disociar a cultura de Galicia da galega. Como se fose posible –a cultura é a que é, non a que quixesen que fose-, e como se servira para algo. Ben, para algo si que sirve: para xustificar o facer pouco ou non facer nada.

(Faro de Vigo/La Opinión de A Coruña, sábado, 19 de setembro de 09)

Advertisements