Etiquetas

, , ,

Prefiro dicilo de entrada, para que saiban a que aterse: non teño unha especial predilección polo xuíz Garzón. Tampouco é que o teña enfilado, claro. Pásame con el o mesmo que me pasou con Victoria Abril: que nin tan boa me pintaba cando dicían que tan boa era, nin tan necia me pareceu cando se evidenciou que un pouco rallante si que era. Pero a que lle teñen preparada (a Garzón, non a Victoria Abril), ou na que o meteron, é como para pedir calquera outro pasaporte da UE (quitado o italiano, evidentemente), á espera de que, despois de que España entrara nas institucións europeas, Europa entre por fin nas institucións españolas.

Como o home sempre anda nos titulares, e ao mellor non están ao tanto polo que está agora de actualidade, explícolles por riba o asunto. A súa instrución sobre os crimes do franquismo foi denunciada por uns herdeiros ideolóxicos dos encausados. O Consejo General del Poder Judicial, que é quen entende en primeira instancia das posibles irregularidades procesais, non atopou ningunha, e tampouco a fiscalía. Pero os querelantes, uns coñecidos e promocionados demandantes das silveiras, seguiron teimando ata que atoparon un xuíz disposto a seguirlles a corrente, sorprendentemente. Sorprendentemente non porque non haxa xuíces que parecen recén desembarcados de Marte, senón porque o atopado é o pontevedrés Luciano Varela, a quen tiña por un señor asisado. O caso é que o que temos é a un xuíz da Audiencia Nacional que está imputado penalmente por prevaricación, a resultas de instruír un sumario con máis ou menos corrección. Para que comparen, este mesmo mes, unha xuíza de Motril que mantivo máis de 400 días en prisión a un home ao que absolvera foi inhabilitada por un ano, e o xuíz responsable de que estivese solto e sen cumprir condena o asasino de Mary Luz Cortés, multado con mil euros.  Ou sexa que esa teoría de que Garzón se senta no banquillo porque todos somos iguais diante da lei é tan falsa, ou máis, do que parece. Unha persecución así non se lle fai a calquera.

O que se evidencia é a infamia de boa parte da sociedade, que considera revanchismo que as familias dos asasinados queiran descubrir e honrar os seus restos, e o esperpento da utilización das máis altas institucións da Xustiza para resolver agravios persoais. Como se dous xenerais enemistados resolveran as súas diferenzas facendo combater os seus batallóns. Sei que en ambientes xudiciais Garzón ten fama de instruír azarapalladamente e non son quen para discutirlo, pero os resultados están aí. Posiblemente outro tería dado golpes máis certeiros ao narcotráfico, e desvelaría mellor o terrorismo de Estado dos GAL, ou tería conseguido que Pinochet ingresara en prisión e non quedara na casa, ou imputaría a máis torturadores militares arxentinos, ou faría unha demolición máis garantista do entorno etarra, ou ataría mellor a investigación da corrupción do caso “Gürtel”. Pero foi el só quen fixo todo iso, e non precisamente porque houbera carreiras entre maxistrados a ver quen o facía máis rápido e mellor.

Así que, independentemente de cómo nos caia a persoa, non hai máis que facerlle a ola ao seu traballo. E recoñecer tamén que o seu labor non consistiu en facer amigos ou xustiza de parte, e quizais por iso agora lle pasa o que lle pasa, porque, como dicía Lord Byron, un home que morreu loitando por unha causa que non era a súa, “a consecuencia de non pertencer a ningún partido será que os molestarei a todos”.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 26 de setembro de 09)

Advertisements