Yoko Ono (a que foi muller de John Lennon, e á que se lle atribúe a separación dos Beatles), os medios de comunicación (en xeral) e o Goberno (o concreto que corresponda en cada sitio) son os culpables de todo. Escoiteillo esta semana no debate que abriu a Feira Galega das Artes Escénicas a un escritor/xornalista, e referíase ao (mal)trato que recibe o teatro nos medios, pero pódese aplicar a calquera outra actividade humana. E estes días ben que se aplica a resultas do tratamento informativo que recibiu a manifestación do pasado domingo a favor do idioma galego e contra a política da Xunta a respecto del.

En efecto, e en xeral, o tratamento informativo que se lle deu ás mobilizacións preparatorias non foi precisamente xeneroso. E o concreto que recibiu a manifestación, aquí e fóra de aquí, semella que é un feito máis ou menos habitual que 50.000 seres humanos decidan meterse un tanto a presión en Compostela. O certo é que o primeiro non impediu que a asistencia fose esmagadoramente masiva, co que uns e outros deberían de reflexionar sobre a importancia e influencia dos medios tradicionais. E con respecto ao segundo, non son dos sorprendidos. Normalmente, a xente tende a esixir que os medios de comunicación sexan obxectivos e imparciais, e mesmo os medios adoitan argumentar que o son. Algo tan auténtico e verdadeiro como cando un amante recente asegura “amareite sempre” e o outro pregunta “de verdade?”. Xa hai máis dun século, un xornalista mítico como Ambrose Bierce definía sarcasticamente “imparcial” como “incapaz de percibir promesa de vantaxe persoal na adhesión a un dos bandos dunha controversia, ou na adopción dunha entre dúas ideas en conflito”. Ningún medio ou xornalista é imparcial ou obxectivo: o que ten que ser é plural e veraz. Con respecto ao tema que nos ocupa, por poñer o exemplo máis de actualidade, Carlos Luis Rodríguez non foi imparcial nunca (ou polo menos desde que eu recorde), como tampouco o son eu. E desde logo, en CSI Miami conseguen que confesen un asasinato con interrogatorios moito menos agresivos que o que el lle fixo na TVG a Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización. Pero o que se lle debe esixir eticamente non é que sexa amable ou educado, senón que esa contundencia que desenvaiñou nesa ocasión a siga tendo a man para utilizala contra outros entrevistados, sexan críticos co Goberno ou favorables.

O problema é que os medios públicos teñen unha traxectoria tan pouco exemplar que nin siquera se repara en que os chamados privados son en realidade empresas que desempeñan un servizo público en réxime de concesión. E dentro desa traxectoria está o papel que teñen de capote para o Goberno correspondente, de pano de cores que atrae e distrae a acometida de obxectivos máis importantes. Por exemplo, un dos episodios máis chuscos e máis denigrantes da cativa historia da democracia española foi a campaña do PP (de España toda), cando o lideraba Fraga, contra RTVE. Mesas petitorias polas rúas, inspeccións xudiciais nos arquivos de militantes do PSOE e do persoal de RTVE para comprobar a filiación política dos redactores (non apareceu ningún, milagrosamente). Fraga, acometendo eses capotes, non chegou á Moncloa (e cando chegou, sen el, o seu partido, inaugurou unhas das etapas máis sectarias da televisión pública, pero esa é outra). Aquí e agora, o debate non é sobre a xestión do éxito da marcha dos 50.000, senón sobre a parcialidade dun presentador e dun medio. Demasiado pouco para tanta manifestación.

(sábado 24 de outubro de 09)

Advertisements