Etiquetas
A medida esa de igualar a fiscalidade das futbolistas estranxeiros que ganan máis de 600.000 euros coa dos futbolistas españois que ganan máis de 600.000 euros, é criticable por todos os lados. Por exemplo, porque se toma agora, cando a crise sigue caendo como ballón en outono –é dicir, sen trazas de que escampe en breve-, e non se tomou antes. Porque non é para tanto, xa que soamente suporá que o Estado ingrese uns 100 millóns de euros anuais, e non afecta máis que a un cento de contribuíntes. Porque é o chocolate do loro que o PSOE lle dá aos grupos de esquerda, IU e BNG, para compensar outras medidas progresistas que debería tomar e non toma. Porque as medidas fiscais necesarias non son esa miudeza, senón as que equilibren a desproporción actual de que o 70% dos ingresos do IRPF poñémolo os asalariados, que pagamos ademais de media o triplo que os empresarios. Pódenselle facer as críticas que queiran a esa decisión, quitado unha: que non é xusta.
Esa rebaixa ás fichaxes foráneas da metade do tramo impositivo que lle correspondería, do 43% ao 24%, estaba pensada, suponse, para atraer todo tipo de talentos, pero debeuna argallar o daquela presidente Aznar nun palco do Bernabeu, porque os únicos coñecidos que se acolleron a ela foron os futbolistas, de aí que lle chamen “a lei Beckham”. Colou porque daquela reinaba a impresión de que eramos ricos, porque todo o que teña que ver co fútbol comporta unha suspensión da razón e das normas, e porque en xeral, aquí cola todo. Pero en realidade, non deixaba de ser un descaro e un agravio comparativo. De entrada para os outros millonarios con pasaporte español que comparten vestiario cos privilexiados, e por esa razón, un señor tan mandado e tan de orde como Raúl está de acordo coa medida de quitarlles a rebaixa. E desde logo, éo para o resto dos contribuíntes, quitado en todo caso os multimillonarios que teñen sociedades de investimentos, que soamente tributan o 1% dos beneficios. Apálpese cada un a declaración do IRPF ou a nómina para ver que porcentaxe paga, pero aqueles que non teñan ese vicio, saiban que ese 24% dos ingresos que Cristiano Ronaldo cede a Facenda, é o mesmo tramo impositivo que lle corresponde a calquera milepicoeurista.
E a maiores, aqueles devotos que encadean responsos para que CR7 dea saído axiña do seu leito de dolor, ou pretenden bautizar ao fillo co nome de Messi, non sufran. Eses superhomes seguirán tributando como homes e mulleres correntes, porque a medida non é retroactiva, e soamente se lles aplicará aos novos, aos contratados no futuro. Para maior tranquilidade, nin sequera realmente lles afectaría, porque eses seres superiores que atesouran o talento nos pés adoitan negociar os cartos netos, e tanto lles ten se os clubs a maiores e pola súa conta cumpren ou non coas normativas, fiscais ou doutro tipo. De feito, aquí os clubs maioritariamente non as cumpren, e non pasa nada.
Ben, con algo si que cumpren, e á perfección. Nunca defraudan as expectativas. Os empresarios do asunto, a Liga de Fútbol Profesional (LFP), ameaza co que chama unha folga (e en realidade é un peche patronal). Aseguran que se o proxecto igualador vai adiante, a liga española perderá competitividade, porque medidas así hainas noutros países, e deixará de ser a mellor do mundo. Pódese dicir máis claro, pero non con máis mentiras. En Europa –nos países normais, non sei se en Eslovenia- nacionais e estranxeiros pagan o mesmo, que vai do 40 ao 50%. O de que esta é a mellor liga do mundo, ignoro cando ganou ese título, pero desde logo a hemorraxia de fichaxes non contribuíu precisamente a que fose máis competitiva, e si a que sexa máis previsible. Claro que a LFP defende o seu, aínda que sexan os seus privilexios (parte deles). Non se sabe que defende o PP, que criticou a medida, quitado que defenda o sagrado principio aquel de “de que se trata, que me opoño”. Tanto berrar que os nacionalismos provocan diferenzas de trato entre a cidadanía, e non aplauden retirar unha norma que discriminaba aos xogadores españois. Non sei onde se meten os patriotas cando se precisa deles.
O que si hai que criticar é que algo ou moito debe ir ben mal cando unha cousa que debería ser normal arma tanto rebumbio.
(Faro de Vigo/La Opinión de A Coruña, 7 de novembro de 09)
Todos os días escoito que a inglesa é a mellor liga do mundo. Dende logo, no que atinxe a facturación, non hai comparanza: a española é unha liga de segunda, con algunhas anomalías.
Existe unha variable máis, e é se é prefirible que CR7 tribute un 23% en territorio español ou un X% en territorio andorrano. Sen entrar no feito de se prefiro que pague os cubatolos e as chatis en Madrid ou en Milán.
vostede usa argumentos incontestaveis, máis,Sr pereiro unha boa política tamén sería deixar o 24% a todos saúdos
Ou unha máis: nun país onde Caixanova lle perdoa a débeda ao Celta, por que non perdoarlle os impostos a CR7? Polo menos el dá alegrías nun sentido amplo da palabra…
CR7 é un desleigado que o que tiña que estar a facer era defender a independencia das Madeira.
Cesare e Duarlivre: Perdoen, son un cavernícola que aínda pensa -porque non escoitei bos argumentos que o desmonten- que os impostos deben ser progresivos para ser progresistas. E tamén o bastante maior como para non caer no arroutismo xuvenil de considerar que as inxustizas xustifican todo. O feito de que ao Celta lle perdoen a debeda ou a Arancha Sanchez Vicario lle pagasen un pastón por asistir de espectadora aos partidos da Davis mentres cotizaba en Andorra non exime a CR7 de ter o mesmo tramo impositivo que eu. Xa o confesei. Isto é persoal.
Figo. Ese si que era un proletario. E internacionalista, por iso xogou no Barça e no Madrid.
Isto…falando de Figo, por que son tan repeinados os tugas?
Sihomesi, ademáis de argumentos ideolóxicos-morais sobre a necesidade de baixos impostos.Si há bos argumentos para impor un irpf linear,máis neutralidade fiscal,sinxeleza,menos incentivos para o fraude,etc.Lembro que isto o dixo o psoe no 2003, e o rodrigo rato atacoulles demagoxicamente por liberais.Cousas veredes niste partidos españois.Outra cousa é que esta norma só afecte aos futbolistas, unha vergoña,tes razón “as inxustizas xustifican todo”, máis isto parece cada vez máis un sistema arbitrario e de xustiça a carta,unha razón máis para un menor e máis simples regulamentos na economía.Saudos
“o 70% dos ingresos do IRPF poñémolo os asalariados, que pagamos ademais de media o triplo que os empresarios”.
Ilmo. Sr. Decano: como vexo que insiste vostede na barrila esta ano tras ano, e non hai maneira de facerlle virar de opinión, vamos facer unha cousa: collemos o conxunto dos seus ingresos, os que proveñen de nómina e os que non proveñen de nómina, collemos os meus, idem, comparamos as dúas cifras e despois comparamos o total dos impostos que pagamos. E calculamos as correspondentes porcentaxes. E se resulta que eu, empresario, pago máis en total e en porcentaxe que vostede, sufrido explotado, vostede vai e deixa o conto dun raio dunha vez.
PS. As noites sen durmir, os agobios para buscar diñeiro con que pagar as nóminas e os impostos e os malos tragos en xeral mellor con os computo, que iso con diñeiro non se paga.
Mire, como o tema dá moito de si mellor busco números por aí e preparo un post cariñoso. Así ao mellor consigo que pase a facer unha visita pola miña.
Aghasús, eu non o dicía por nada persoal, que a min, persoalmente, non me vai nin me ben (como parece que si lle vai a outros comentaristas).
O único que pretendía dicir é que nun país onde a fraude fiscal é xeneralizada, onde non hai un autónomo que pague o irpf que lle corresponde (onde cada vez hai máis autónomos), e onde os verdadeiramente ricos non pagan nin un 40, nin un 20, nin un 3% de impostos, pararse a discutir se o sucesor de CR7 pagará ou non pagará, ou se a lei beckham pretendía ou conseguiu, é ridículo. E non só ridículo: é como vostede dicía antes, un enganaparvos: os progresistas, se os hai, deberían dicirlle a zapatero que isto é un enganaparvos.
Prás arcas do estado é un problema máis gordo a débeda dos clubes de fútbol cós impostos de CR7. Pero aquí o digo ben claro, pra que CR7 me escoite: “cristianiño, cando che falte de algo, ven onda min que cho dou eu, xa verás”.
Xenial
Moi españois alguns comentarios: fagamos o menos posible contra os delincuentes, como así aumentan, entón decidimos que iso non é crime, asi igualamos a delincuentes e inocentes.
Por que non aplicarllo… eu que sei, a “violencia domestica” que tampouco parece que se consiga reducir.
Ou mellor ainda, a eses ladrons que roban a poucas persoas de cada vez:
poderíase poñer un limite, mais de 1000 euros non é delicto, 😛
Curiosamente, ese tipo de ladrons si produce o efecto de que se pida mais policia. Esta claro que ainda hai clases 😀
Ui lo quemadicho! Como se pon o personal cando lle tocan os cartos… eSedidió, haberá empresarios/empresas raspadas e outras con beneficios folgados, digo eu que non todo será sufrir, tamén haberá quen conte as ganancias. Eu tamén sei dunha dentista que soamente ten, ou tiña, un pasar mediano.
🙂 🙂
outromais. A min o “español” paréceme tomar esta medida. Identificación do problema = non hai diñeiro na caixa do estado. Solución = dobrarlle a taxa impositiva a 10 cidadáns, que hoxe son cidadáns e mañá non o son. Reacción social = aplauso ou indignación.
Non me sexa impaciente, espere a que xunte datos e verá como lle paso polo morro iso de xeneralizar. Revise o entrecomiñado, que é seu, non meu, e verá como non fai distingo ningún.
A fin da lei Beckham amosa que,malia ter papado xa 6 anos de mandamáis,aínda ten reflexos,amais de sorte,Zapatero.Imaxínese vostede ao vello González:”Pois isto non o lira nos xornais” ou “Eu adícome principalmente aos temas globais”.
Se cadra nos temas fiscais andará todo estrado e haberá que darlle unha boa xeira,pero non debe ser moi doado.Nun blog pequeno coma este (en comparación co de Pérez Hilton)vemos que hai diversidade de opinións.Non quero pensar como estarán as cousas no mundo real.O que sería bo é pensar ó mesmo tempo nas dúas caras da moeda e ver canta sanidade,policía,educación e atención ós vellos queremos.
PS.E Ronaldo que arree.Iso si,os cartos que tan ben gañaron o noso Bebetiño e o noso Mauro Silva que non llos toquen estes socialistas.
PS.Como e vostede sHs,primeiro deixa a eSedidió sen lacón e agora quere queimalo a impostos….
eSedidió non papou lacón porque non quixo. E aínda está a tempo.
Hai que joderse…….
a diario Pereiro está bastate ben (o que escribe suponse), as veces está o que diríamos sublime. hoxe é un deses días.