Hai unha chea de anos fun aos Países Baixos, sector Holanda, representando a este periódico nunha viaxe oficial organizada para que un grupo de gandeiros visen os adiantos do ramo. Sorprendeume ver que os gandeiros coñecían de sobra os adiantos. Agora acabo de chegar dos outros Países Baixos, de Bélxica, dunha viaxe oficiosa con bloggers (esa xente á que lle dá por contar en internet o que lle pasa) e penso que sacamos en Bruxelas conclusións moi parecidas ás que sacaban os gandeiros en Amsterdam. Que na xeografía e en autoestima podemos estar no cabo do mundo, pero en cuestións como as vacas (entón) e as novas tecnoloxías (agora) estamos perfectamente ao día.
Iamos convidados no Parlamento Europeo a un seminario sobre Activismo Político na Rede organizado polo grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea, e en concreto por Esquerra Republicana de Catalunya, o BNG (a súa hiperactiva e eficaz futura eurodeputada, Ana Miranda) e o Partido Pirata sueco. Teño que recoñecer que eu un pouco cohibido si que ía, pola importancia do sitio e pola responsabilidade. En canto ao sitio, será grande (segundo Ana Miranda, o Europarlamento é do tamaño físico de Caldas de Reis), pero para rexistrar os portátiles que entran utilizan un formulario con papel carbón (ferramenta oficinesca que non vía desde que se xubilou meu pai).
Os souvenirs da tenda de souvenirs eran a cousa máis fea e máis cutre que vin en anos (iso si, no demais son politicamente moi correctos). E na sala de comisións onde pasamos case oito horas debatendo da internet, non había internet (parece ser que por decisión da mesa do Europarlamento, que acouta as redes wi-fi). E sobre o reto, sinceramente, os dez galegos que eramos falamos e intervimos máis ca o resto dos asistentes xuntos, quitado un galés que recriminou varias veces e con distintas escusas o uso case exclusivo do inglés, habendo tantas linguas como hai. E ademais, non fixemos iso tan galego de discutir entre nós. No capítulo de lercheo, case tropezo con Alejo (antes Aleix) Vidal Cuadras nun corredor, e compartín ascensor con Magdalena Álvarez, a do “Plan Galicia de mier…”, á que confundín con Celia Villalobos.
En canto ao que escoitei, cousas tan interesantes como que no Partido Pirata (que naceu en Suecia hai tres anos, en internet, e tivo o 7% dos votos nas eleccións europeas) calquera internauta pode propoñer e levar a cabo iniciativas. A un dos cataláns, promotor dun portal comarcal que agrupa a 400 blogs, alardear de que na zona vivían do porco, e comían del ata as orellas. O poñente sobre a blogosfera flamenga, asistente do vicepresidente de Bélxica (ou de Flandes, non o teño claro) recoñecía que o seu xefe non tiña blog, nin falta que lle facía, e que en internet tes máis visitantes se falas do teu can que se falas de temas sociais. Os dous poñentes escoceses, ben simpáticos, comentaban que reclaman o dominio .scot non para falar do territorio e da paisaxe escocesa, “nin de Rob Roy e todos aqueles aos que matou”, senón como punto de encontro de todos os que se recoñecen como escoceses ou queren selo, sexa en Glasgow ou na China (momento no que os galegos fregamos as mans pensando en todos cantos galegos hai ciscados por aí adiante).
E dúas cousas que tamén me sorprendeu que me sorprenderan, porque debería supoñelas. Unha, que unha chea de emigrantes cualificados que temos en Bruxelas (xornalistas, enxeñeiros, tradutores, funcionarios europeos) se agrupen nunha asociación cultural (O Couto Mixto) creada cos seus propios medios, porque a institución que sostemos con fondos públicos para que promova Galicia en Europa ten outras prioridades (imaxino que moi respectables). Outra, que moita tecnoloxía e moitas redes sociais, e xente que nos coñecemos bastante nese ámbito quedamos sorprendidos do que une o que agora se chama o presencial: verse, tomar cervexas, mercar bombóns, perder cousas. E que, sendo veciños, teñamos que ir a Bruxelas para ser conscientes de que mellor xuntos que cada un polo seu lado. Debe ser que viaxar ilustra.
(La Opinión de A Coruña, sábado 14 de novembro de 09)
Aupa, ha sido una iniciativa que me ha parecido muy interesante y enriquecedora para conocer lo que se cuece en internet en otros lugares, como Galicia. Como bien dices, lo bueno de internet es juntarte para tomarte unas cañas, desvirtualizar. A ver si se puede repetir 🙂
Habrá que poner a las instituciones ante la clásica alternativa “más vale pedir que robar”…
si, home, si….. que subvencionen con cartos públicos (aínda que sexan do parlamento europeo) que se xunten vostedes outra vez para tomar unhas cañas, desvirtualizar e falar do mal que está todo…. menos mal que eu pago a terceira parte de impostos que vostedes, que se non íame mosquear.
eSedisió, se quere unha análise seria do -moito- que nos aproveitou o seminario, mire nos links. En canto ás cañas, pagámolas nós. E non vai ter bombón ningún, por borde.
1.- Tamén jodería que as cañas as pagara esquerra republicana
2.- Xa mirara os links antes de facer o comentario (teño ese pernicioso costume)
3.- Bombón…. rima con lacón?
En definitiva, non teño nada con que os invitaran á xuntanza esa e tal, pero querer recuncar xa é vicio.
Para o lacón, haberá que agardar polos de Bruxelas
Pois estache o conto ben.Eu xa pensaba que ía facer os seus artigos de pago.Menos mal que voltou a luz,e voltou de balde.
En fin coa gratuidade dos seus artigos e coa laconada,malo será que non cheguemos a unha entente cordiale.
E vostede,que é un experto en temas bascos,bótelle unha ollada ó blog do Paul Ríos,benquerido eSedidió.
Dende logo sHs é unha caixa de sorpresas.Ou a casa de tócame Roque…:)?
Tarde piou, Sr. Pardo. Ollada botada e engadido aos meus favoritos hai un cacho. E eu experto, nin en temas bascos nin galegos nin mediopensionistas. Só un pouco de mal xenio.
Pero canta maldá. Se o Guru vaise uns días a respirar un pouco fora e lonxe da parentela e demais aderidos pois…., bendito sexa dios. E si o consigue de balde pois mellor que mellor que prefiro que os impostos dos que pagamos o triple se gasten en cañas que en balas, como desgraciadamente ocurre decote.
Menos mal que hai alguén con sentido. Moi agradecido, alvarez
álvarez, é vostede un cipaio, dito sexa sin acritú….
Paseime. Retiro o apelativo. Deixémolo en “algo complaciente cos seres superiores”…..
Pero si cipaio é case cariñoso comparado co que me chaman de cando en vez a muller e os fillos…
Ás veces dáme vostede medo, álvarez…..
Sr. eSedidio, o que mete medo e lidiar tódolos días con tres adolescentes e xa mais de 30 anos de matrimonio pero non se me preocupe que o levo con moita resignación cristiana, uns paseos polo Vao e unhas pingas de lao tse.
Gustoume o flamengo (casi ten aire de brasileiro), con eso “”dos cans (e a falta que teñen de blog). Estará tamén de acordo en que a política perdeu clientela, desde que trasladou os mítines da taberna ás “politicroom”?
Simply wanted to say this blog is quite good. I always prefer to hear new things relating to this because We have the same blog within my Country with this subject and this help´s me a lot. Used to do searching on the issue and located a great number of blogs but nothing beats this. Many thanks for sharing so much inside your blog..