Etiquetas
A noticia que máis me estremeceu nos últimos tempos –descontando a torpeza da ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, que aínda que sexa para estremecerse, non é noticia- é a da detención do alcalde da localidade valenciana de Polop, acusado de participar no asasinato do seu antecesor. E non polo delito en si, que tamén, senón porque de telo feito, fíxoo para poder perpetrar os negocios urbanísticos que efectivamente perpetrou en canto chegou ao cargo, segundo as investigacións. A noticia pasou un tanto desapercibida, a pesar de que –ou quizais por que- contén elementos que a todos nos soan.
O asunto é que o alcalde-de-toda-a-vida de Polop era Alejandro Ponsoda, do PP, e o seu responsable de urbanismo era Juan Cano, ata que en 2002 o cacharon dúas veces nas patacas. Ben, nas patacas exactamente non: foi gravado cando supostamente tentaba cobrar unhas comisións a uns promotores. Baixo a ameaza de publicar a cinta, non foi nas listas en 2003, pero fíxose con control do PP local e volveu ao concello en 2007. Sen embargo, Ponsoda opúxose a un proxecto de Cano de permitir unha urbanización de 5.000 vivendas (Polop ten uns 4.000 habitantes), en outubro dese mesmo ano matárono e Cano chegou a alcaldía. Agora, a maiores da súa suposta intervención na morte do seu xefe e compañeiro de partido, descubriuse que Cano tiña 24 contas correntes e a súa muller 25, e que entre os dous tiñan catro empresas. A Axencia Tributaria detectou que lle cobraran 220.000 euros a promotores. O de “descubriuse” é un eufemismo, porque nun lugar de 4.000 habitantes, medio mundo sabía o das gravacións e o outro medio debía saber o dos cartos, sen que tal coñecemento fose impedimento para que o partido e o electorado o apoiase.
Este caso é outras desas excepcións ao traballo calado e honrado da práctica totalidade dos alcaldes e corporacións locais. Claro que a trama urbanística soamente se descubriu porque o alcalde e os seus socios foron tan presuntamente animais que, para obter os seus fins, non se pararon en barras (ou máis ben si: argallaron a operación nun club de carretera chamado Mesalina). Se non fose porque houbo unha morte, Cano (gravado en plena extorsión como os de Gondomar) aínda andaría facendo declaracións sobre o progreso que trouxo a Polop (como o que quixeron levar a Muxía, cunha urbanización de 2.000 vivendas). Contra o que di Zapatero, que as corrupcións urbanísticas que saen á luz proban que o sistema funciona, o único que proban é que o sistema é incapaz de impedir as corrupcións urbanísticas. E menos cando as medidas que se propoñen por un lado chaman á ética, e por outro supoñen un reforzo da discrecionalidade municipal. “Os corruptos saben moi ben que as súas operacións non son éticas, o que lles pode é a súa paixón por gañar diñeiro. O freo ha de ser externo: a denuncia, a prensa, os xuíces. Quen falta á ética non necesita un curso teórico sobre ela: só o medo aos xornalistas e aos xuíces evitará a corrupción”, dicía xa hai quince anos o banqueiro Luís Valls Taberner. Desde entón, non parece que teña medrado nin a ética, nin o medo á prensa ou aos xuíces.
La Opinión de A Coruña leva días revelando que o goberno local, socialista/nacionalista asinou hai uns días un convenio cos promotores A, B e C polo que un millón de metros cadrados de solo rústico pasan a ser urbanizables, e de valer catro euros o metro a valer 222 euros. A cambio, A, B e C farán un parque e unha cidade da tecnoloxía que meterá medo (e que se ignoraba que se necesitara). Xusto ao lado, o anterior goberno municipal, socialista/lerrouxista, xa lle outorgara en 2003 ao citado empresario A a concesión para executar de forma privada un polígono de 700.000 metros cadrados que, segundo destacaba entón o alcalde Vázquez, esgotaba a bolsa de chan comercial da cidade. Non era así, porque en 2007, A, acompañado de B e do irmán de C, obtiña permiso municipal para erguer, noutra parcela anexa a este conxunto de terras eréctiles, un macrocentro comercial nunha superficie duns 100.000 metros cadrados, adquirida en parte coa familia política do alcalde como intermediarios. O concello declarou os terreos zona urbana consolidado, a pesar da rusticidade evidente de boa parte dela, co que A, B e o irmán de C aforráronse os gastos de urbanizalos. Ata conseguiron que se desviase unha rolda que os atravesaría.
Non descubro nada que a prensa non diga –e mesmo celebrase, nalgúns casos- e, polo tanto, que os xuíces non saiban. Tampouco digo que haxa nada ilegal, ou que, de habelo, se fixese a cambio de cartos. Pero é curioso que o libre mercado é libre, pero sempre ganan os mesmos. Como di un coñecido meu, habitual dos preitos, de ganar xa non digo nada, pero polo menos empatar algún.
→Aquí a versión coruñesa
Moi bo, que magoa o bng, unha forte liberalización e transparencia,tudo urbanizable,coas excepcións explícitas, con regulamento sinxelo no como e qué urbanizar, pode ser a solución. O grave problema sr pereiro você o dizé “sen que tal coñecemento fose impedimento para que o partido e o electorado o apoiase”. Gosto moito da ironía “Este caso é outras desas excepcións ao traballo calado e honrado da práctica totalidade dos alcaldes e corporacións locais” eu digo-lle si home si. saudos
Extraordinario artigo para unha cidade onde non existe a crítica política.È sempre máis doado criticar á Unión Europea ou ó Presidente do Governo que ós caciques locais e na Coruna,por se ascaso,non critica ninguén.
A realidade é a que é:un alcalde(agora ex-alcalde)de riqueza asiática e unha cidade estancada nos 240.000 habitantes e mozos emigrando a Madrid ou ás Canarias.A manipulación de prezos é a eliminación da competencia é o que tenen.
E mentres os economistas oficiais a insultar a intelixencia de todos nós con:”A cidade onde se crea máis riqueza de todo Galicia”.E un déitase todo fachendoso porque parece que entre todos os da Coruna parece que se fai máis que entre todos os de Lugo ou entre todos os de Ourense ou mesmo que entre todos os de Paiosaco.O certo é que en termos relativos dende 1980 Lugo e Ourense (Paiosaco non sei) medraron moito máis tendo unha potencialidade económica moito menor.
As estadísticas manipúlanse para que non se vexa que Vigo avanzou moito máis dende os oitenta.Coller a comarca é sempre unha boa solución.(Alí hai alcaldes que,coitados,fixeron menos cartos) e nos últimos tempos xa teno visto “análises” que collen A Coruna e máis Ferrol.Isto é como se os vigueses sumasen o desenvolvemento de Pontevedra para nos contar que “Vigo vai ben”.
E todo dentro dun aldeanismo abafante.O da Voz dalle un premio ó alcalde,o alcalde un premio ó da caixa de aforros,o da caixa de aforros un premio ó da Voz.E seguimos nesta roda de riqueza para uns poucos e estacamento para moitos
Por certo, este era o post número 666
Primeiro de todo, convidaría ó Sr. Pardo a pasar unha tempada na contorna de Vigo, lendo «o decano da prensa nacional»… apóstolle eu o que sexa a que percibiría exactamente a mesma realidade, pero invertida (en termos Vigo-Coruña, enténdese).
O caso, é que agora eu tamén vivo nun concello co alcalde imputado por prevaricación, e non porque me movera eu de sitio, senón porque se moveu o interventor do concello ó xulgado, e sorpréndeme que a única sorpresa sexa que finalmente era verdade, non que haxa «excepcións ó traballo calado…», que por algunha razón empeza a callar a presunción de culpabilidade hasta para os candidatos, senón que era verdade que antes ou despois
pasenpoidan chegar a pasar polo xulgado.En fin, que me xorde agora a curiosidade de se haberá unha estadística territorial, por autonomías (tipo relación «concellos corrompidos/nº concellos») para saber un pouco máis… sobre as características dos votantes de cada recuncho do estado.