Etiquetas

, , , ,

Se ese suposto marciano do que en ocasións botamos man os articulistas -e en especial o colega e irmán Rivas que tomou posesión como membro da Real Academia Galega- para mirar a nosa realidade terrestre e terreña baixara aquí e pretendese coñecer esta sociedade vendo o que todos vemos, teríao certamente peludo. Ata o teño eu, que non son marciano senón de Monforte.

Se o marciano fose non como os pequenos rabudos de Mars Attacks, senón como aqueles educados e ilustrados viaxeiros británicos que viñan por aquí a observar e sorprenderse, interesaríase polo principal medio de comunicación e de coñecemento que temos: a televisión. Se mirara nela vería, por exemplo, unha chea de anuncios, que é o que máis botan, e quedaría estupefacto ou, como dirían os viaxeiros británicos, chocado. Pola proximidade. Porque os anuncios, aínda xulgados con ollos de monfortino, son unha marcianada. Os de móbiles, por exemplo, que semellan un perenne canto á alegría de vivir, son un canto á estupidez colectiva, como é doado de ver polo método de quitarlles o son. Imaxino que o marciano veríao lóxico: soamente un estúpido pensa que se fan inxentes campañas publicitarias para asegurar a felicidade, a comodidade e a liberdade dos clientes. Os de perfumes, esencias e colonias deixaríano pampo: ver tanta señorita esmacelada, esmaiolada, esbrancuxada e esvaída, desmaiándose, retorcéndose, abrandándose ou pintando a cana verde, tanto efebo doente con cara de friso exipcio, tanto cabaleiro con morros de chupar limóns, tanta, en resumo, parvada, rematando coa pronuncia final do produto que ninguén usará para pedilo na tenda (daría algo por escoitar: “déame ‘Einourecsia’, de ‘Keiroulina Erera’).

Claro que, mirando os programas, tampouco é que se sentira alleo. O último que vin eu, ao chou –sen escoller, vamos- era unha variante do xénero “vengo a dar testimonio de mi dramita”, pero con hipnotizador. Era unha rapaza, convenientemente andaluza, que se queixaba de que seu pai non a quería tanto como á irmá, alí presente, xunto coa nai. A nai era tamén convenientemente nai, ou sexa que consideraba que había que querer aos fillos por un igual, maiormente, claro. As rapazas vestían como se Beyoncé comprara a roupa nos chinos. Desconectei cando o hipnotizador durmiu á presunta malquerida e lle empezou a sonsacar cousas de seu pai. A ética -profesional, persoal e colectiva- que permite que se dea semellante exhibicionismo tamén é bastante marciana.

E se o marciano, farto de que lle sexan tan familiares desde a fantasía publicitaria á realidade sociolóxica ou viceversa, procura, por exemplo, a análise política, recibirá dúas cuncas de caldo extraterrestre. Os mentideiros da Villa y Corte non ferven co caso de Aminatou Haidar, senón polo de Hermann Tertsch.  Tertsch, que coa excelente mestura de ser de moi boa familia e de formarse no Partido Comunista de Euskadi fixo unha boa carreira profesional, a meirande parte en El País, é agora un líder de opinión do liberalismo extremo en Telemadrid. O outro día apañou unha patada alevosa no lombo, que o mandou ao hospital (paso previo pola casa, como parece ser habitual na sanidade madrileña, porque na primeira revisión non lle atoparon nada). As consecuencias da agresión en Tertsch son varias costelas fracturadas, e na situación política son que lle deron por razóns ideolóxicas. “Que un periodista sea muchas veces es crítico con el Gobierno central no puede en absoluto justificar la agresión física”, dixo Esperanza Aguirre, sen que ninguén poda asegurar o contrario. Unha insinuación que os de Nuevas Generaciones pillaron á primeira, así que onte concentráronse perante o hospital no que se recupera o novo José Calvo Sotelo, co lema: “La Sexta y ZP: no más patadas contra la libertad”. Naturalmente, circulan versións contrarias que atribúen a agresión  -que a vítima de momento non denunciou- a unha consecuencia dos ambientes ou sustancias que frecuenta o agredido.

O que en realidade se sabe é nada, nin siquera se en realidade lle deron a patada, pero para min que tal e como está a cousa por eses ambientes, é perfectamente plausible que lle meteran por razóns ideolóxicas. Como dicía o novo académico cando era un rapaz inconsciente: “Madrileños, pedid la independencia!”

(sábado 13 de decembro de 09)

Advertisements