Etiquetas
Unha das características das clases dirixentes españolas, políticas ou económicas, é ter tan claros os obxectivos para mellorar e absolutamente escuros os camiños para conseguilos, quitado as insinuacións ao cidadán de que poña algo da súa parte. Iso, cando non a chamada de atención directa a que o faga o propio cidadán. Está o caso da productividade, que sempre reclaman como se no fondo estiveran berrando para que traballásemos máis, cando do que se trata fundamentalmente é de mellorar a organización do traballo, aspecto que non depende precisamente dos currantes. Ou o caso das novas tecnoloxías, con esas campañas de promoción para que a xente as use, entre o ridículo e o paternalismo, sen que unha cousa quite a outra. A min paréceme que nunha houbo necesidade de promover o uso de adiantos como a electricidade ou o automóbil. Outra cousa son os servizos e os prezos, que é onde os que mandan podían realmente facer algo.
Por exemplo, a Comisión del Mercado de Telecomunicaciones (CMT), organismo nada alternativo, acaba de informar que Telefónica é o operador máis caro de Europa en servizos de banda ancha, os que realmente constitúen a base de internet. Segundo a CMT, a oferta do antigo monopolio no tramo de velocidade baixa é un 19% máis caras ca media europea, e para quen quere vicios, é dicir velocidades medias ou altas, os prezos son un 70% e un 63% maiores. E estamos a falar de cartos absolutos, sen ter en conta niveis salariais ou de vida de cada país. Non é soamente Telefónica, a media dos prezos en España é superior á media europea nun 6% nos servizos con máis demanda, pero a multinacional española é tamén líder noutro estudio que non ten valor científico ningún: o de queixas de coñecidos meus.
Unha amiga, por exemplo, fíxose cliente da división de telefonía móbil atraída polo glamouroso e atractivo terminal que tiñan en exclusiva, o iPhone. Glamouroso e atractivo tamén para os ladróns, como comprobou aos tres meses de ser propietaria do aparato. Afortunadamente, tíñao asegurado. O malo é que, logo dos trámites e denuncias pertinentes, cando cobrou os cartos e pretendeu facerse con outro aparato, o operador que a acollera tan amablemente tres meses antes díxolle que nada. Pasou un mes enteiro chamándoos, escoitou toda a gama de acentos do idioma español, falou con Vanessas, Cinthias, Pacos e Daríos, e cada un lle daba unha escusa ou argumento diferente para non solucionarlle o problema. Porque o problema é que ela estaba atada a ese operador, pero o terminal non llo daban nin llo vendían. Nun par de ocasións, non sabe se porque deu con becarios ou con axentes comprensivos, dixéronlle que si, e estaba a dar os datos cando se cortou a chamada. Pediu falar con encargados, mandou cartas, denunciouno á OCU. Nada. Que soamente se vendía un terminal por DNI. Estaba pagando unha liña que non podía usar porque non tiña aparato, e da que non se podía dar de baixa. Finalmente, optou por comprar un teléfono nos Estados Unidos, por internet. Un amigo ao que llo contou díxolle que el tivera que insistir algo, pero que lle venderan un iPhone de 16Gb para substituír ao seu de 8Gb, sen que llo mangaran nin nada. Outro contoulle dun que extraviara o iPhone dos narices no verao, e logo de moito teimar, estes días acababan de darlle un novo, sen pagar nada.
Co cal, en Europa en asuntos de novas tecnoloxías, terán mellores prezos, pero atención personalizada e axeitada ao cliente como a que dan aquí, en lado ningún.
(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado, 19 de decembro de 09)
E iso que dan-che a elexir lingua e depois falante en castelán, xa levan 20 días de atraso polo o adsl. En quanto nos prezos, aquí na españa os monopolíaos teñen gran vencello, e pode-se dizer que motivo de honores nacionais.Contou-me unha amiga os numerosos españois que ían fotografiarse ledos a sé do banco Santander en Caracas ledos de tal símbolo de supremacía .Os galeguiños a pagar tudo isto que para iso os votamos, e nos gosta. saudos
Xa postos, e rematando de estreitar os meu vínculos de amizade con vostede do comentario ao post anterior: todo iso, señor meu, pásalle á súa amiga por querer un ifón, que é igual de pijo e de inútil que pillar un ipod en vez dun simple emepetrés.
Foi o mismiño que lle dixen eu (claro que non sei se esporeado pola envexa. Iso é que meterse en Movistar é como facersa da Ciencioloxia. Afortunadamente, en R ofrecen tamén o ifón.
No tema ese da competitividade, digo eu, ¿tardarán moito en darse conta que a xornada partida, ademáis de fastidiarlle o día completo ó personal, é unha das causas de falla de productividade en España?