Etiquetas
Posiblemente non se enteraron, mergullados na resaca das celebracións etílicas ou familiares, pero estamos nun mundo novo, completamente distinto ao que despedimos antonte, con máis rutina que consciencia de que estabamos a despedir unha maneira completa de entender a vida. Estamos no 2010 e, como dicía o outro, temos visto naves ardendo máis alá de Orión e raios-C brillar na escuridade cerca da Porta de Tannhäuser, pero non sei se estamos preparados para isto: a Televisión Española de toda a vida sen anuncios e os bares sen fume.
TVE non ten publicidade “porque alguien lo quiere así”, din na promoción, e parece un velado e queixoso lamento contra a decisión do Goberno, ata que aclaran que quen o quixo foi “tú”, é dicir, nós. Ben, a min paréceme que quen o quixo o que quería era facilitarlle a vida as canles privadas, pero de todas formas penso que podemos felicitármonos por esa medida que se nos ocorreu, porque de entrada xa sabemos canta publicidade había: cinco horas diarias. 300 minutos, que a unha media de 20 segundos cada un, dan 900 spots que papabamos por xornada, ou para ser máis estritos, algo máis de cen nas tres horas que adoitamos pasar diante da tele. Cinco horas de creatividade ao servizo da intención de facernos mercar cousas, que agora poderán ser substituídas por cinco horas de creatividade ao servizo de informar, formar e divertir, eses principios da televisión pública. O malo é que pase o que dicía Enrique Jardiel Poncela, de que o teatro sirve para educar ao público, pero se fas teatro educativo, podes quedar sen público ao que educar.
O bo é que poderemos comparar co outro extremo. A sobredose. O PSOE vén de acordar con CiU e CC unha emenda á Lei Xeral Audiovisual que reduce a 19 minutos por hora a publicidade que poden emitir as cadeas de televisión (12 de publicidade, cinco de autopromocións e dous de telepromocións). Digo reducir, pese a que é un quinto da programación, porque a idea inicial do Goberno era permitir 12 de publicidade, cinco de autobombo e 12 minutos de telepromocións. É dicir, 29 minutos, ou sexa, que a metade do que botan pola tele podía ser propaganda. Con todo, eses 19 minutos son sete máis dos que indica a directiva europea de Televisión sen Fronteiras (e arredor dun cuarto de hora máis do humanamente soportable). De todas formas, tanto ten, porque as televisións non adoitan cumprir as leis, aínda que estean feitas ao seu xeito e acomodo.
O que non sei é cal será o grado de cumprimento da nova normativa antitabaco. Teño que recoñecer que hai anos me sorprendera o nivel de obediencia daquela primeira lei antitabaco, polo menos nos primeiros momentos. De todas formas, por moi novo que sexa, o mundo é como é, e non vai cambiar, que nos dicían os vellos, coa razón toda. Por exemplo, como resume o ano Ignacio Escolar, neste 2009 de crise e case un de cada cinco traballadores parados, os ricos fixéronse máis ricos. As grandes fortunas españolas, esas amparadas nas sociedades de investimento de valores que tributan un 1% dos beneficios, fixéronse en 2009 un 27% máis grandes e máis fortunas. O vello principio de que non é que haxa pobres e ricos, senón que hai pobres porque hai ricos e viceversa, parece que sigue vixente. Modernidades, as xustas.
(sábado 2 de xaneiro de 10)
Anda que non dera tertulia, a lei antitabaco vella nesta casa súa (bueno, na anterior), he he. Desta volta, teño a sensación que a polémica non vai chegar nin a asomar porque (falo por intuición, non por coñecemento), creo que os fumadores empezan a admitir ter abusado dun privilexio que non lles correspondía.
En calquera caso, con publicidade ou sen ela, os medios xerais seguirán a adicarlle bastantes máis horas/páxinas a cousas sumamente cruciales para a sociedade, como cánto lle afecta ó cidadán de a pé que se prohiba fumar nos bares, e non a cales foron as persoas e institucións responsables das decisións que nos conduciron á crise, e cal é o propósito de enmenda que eses actores teñen feito para este novo ano.
Si que dera, si. Case chegamos ás maos. De todas formas, eu penso que será menos polémica porque me fío menos do seu xeral cumprimento. En todo caso, quen si teñen razóns para queixarse son os hosteleiros que fixeron reformas hai tres anos para adaptar os locais á lei vella.
Os fumadores, querido Míguez, nin temos conciencia diso nin farrapos de gaita. O que pasa é que xa aburre o tema, e a ver que ten pelotas de poñelo en práctica en según onde. A ver se van ter máis éxito que co botellón.
Por outra banda, a lei vella tivo tantismo éxito que medrou o número de fumadores.
Finalmente, déase unha voltiña polo país basco, por exemplo (creo que por andalucía pasa o mesmo), e verá o caso que lle fan á lei anterior. Eu teño visto nun bar de bilbao a zona de fumadores delimitada cunha raia pintada no medio da barra.
PS. Vostede coide os pulmóns, que xa lle reventará o fígado con tanta merda botada na comida.
PS2. Xa postos, e pese a que continúo coa folga, fíxense nunha cousiña ao fío do que comenta o gurú do reparto de publicidade. Se os anunciantes fosen listos (e non o dubido) pagarán a tanto o teleespectador que vexa o anuncio en cuestión. Pois digo eu: se suprimen a publi na española, o normal é que aumente o seu número de espectadores, co que os ingresos de publicidade das outras canles deberían descender. Ou,non, eu que sei…..
O mundo ao revés: moito republicán de palleiro veña de recibir agasallos e os monárquicos de pro coma min nin unha triste calcomanía (e aínda por riba traballando….)
Co tema da tele, que se poñan as pilas porque, con internet polo medio, baixas ou ves series, pelis e o que che pete sen publicidade e, se se anda espabilado, con subtítulos, un par de días despois de que boten os capítulos onde corresponda. Quen se vai poñer a ver unha peli, con anuncios polo medio, existindo internet???
Co do tabaco… que levante a man (fumadores incluídos) quen acepte volver a fumar, por exemplo, no traballo.
Se eu non é polos pulmóns, é porque hoxe teño a gorxa rouca e dolorida, e un cesto de roupa para a lavadora polo cheiro, por culpa do fume do tabaco de amigos e non amigos cos que compartín jarito onte pola noite.
Xa vai sendo hora de que se enteren: MOLESTAN E ABUSAN, e non vale aquilo de “sempre apaguei o pitillo cando mo pediron”, porque saben que pouca xente ten o sangue frío de ir un por un a todos os parroquianos dun bar pedíndolles que apaguen a fumata.
Respecto ó dos locais que sí fixeron as inversións precisas para a lei vella, claro que é inxusto, pero a culpa non é de ninguén máis que dos seus colegas que non as fixeron, ou directamente se pasaron a lei polo forro… Dacordo con María en que, dentro de un tempo (agardo que pouco), nin os fumadores botarán de menos o fume nos locais.
Pordiós, Miguez, non me ande provocando, agora que eSedidió debeu reflexionar ou tomar as pastillas e andaba acougado, a ver se se me pon en folga outra vez…
1.- Sigo en folga, aínda que non o pareza.
2.- Eu as pastillas que tomo son para darme marchilla, non para aparvarme (e non son azuis, non me sexa malpensado).
3.- Miguez, é vostede un pequeno talibán, con todo respeto. Se non quería fume na roupa haber quedado na casa, ou entrar con mascarilla nos tugurios.
4.- Haberá algún día algún cerebrito que bote a conta na perda de produtividade derivada das chiquicientas paradas para botar un pito? (boten unha ollada á porta de San caetano, aínda que non é o caso máis axeitado, ou acaído como din agora, para falar de produtividade).
5.- No meu curro fúmase, faltaría máis e ata aí poderíamos chegar, e que non me sae dos collóns que veña un ministerio a dicirme o que teño que facer cos meus pulmóns. En paralelo: unha vez entrei por equivocación nun cuarto de enfermeiras dun centro hospitalario e case teño que poñer os antinéboa. A ver se se enteran: a prohibición de fumar nos lugares de traballo lévase a cabo daquela maneira.
6.- Non fumen, déixense pasar polo escáner, baleiren os petos, quiten o cinto, descálcense, non baixen pelis do internet, coman cousas sen graxa, non pensen, non se queixen… todo é polo seu ben. Anda e que lles dean, joderrrr.
Ah, manda carallo, agora van ter máis dereitos os que tragan fume voluntariamente que os outros. ¿Por qué son eu o que ten que quedar na casa?
Iso sí, estou completamente de acordo co da produtividade nas paradas para fumar; eu suprimirías. ¿Acaso estaría igual de ben visto que se dixera “vou sair un minuto a tomar un coñac” ou “vou sair un minuto ó puticlube da esquina”? Descansos, os que teñan que ser, pero privilexios para certos vicios… como que non vou estar de acordo.
Respecto do punto 6, hai un matiz importante: non se trata de que a xente non fume, trátase de que non amolen, que é distinto.
Sr. Pereiro, prégolle que me desculpe, pero é que a provocación é mutua.
Hehehe….. caeu vostede, Sr. Miguez. Fágase mirar os biorritmos.
De todos modos non son capaz de quedar calado. Propoño que, ademais de vir fumados de casa, os traballadores veñan cagados e mexados, non vaia ser o conto…..
Home pois no Brasil seica hai tanto motel porque a xente,na metade da xornada,vai facer “uma rapidinha”.A produtividade baixa pero a felicidade medra dous palmos.Ademais, a ver quen tira a primeira pedra da virtuosa produtividade…
Moita paz e feliz ano companeiros…
eSedidió, teño os biorritmos exactamente como vostede cre (ou como eu creo que vostede cre).
Eu apoio a proposta do Sr. Pardo, máis que produtividade habíamos ter reprodutividade.
Pois vaia, sr. miguez, véndolle a vostede tan primaveral e biorrítmico supoño que non terá nada contra o dereito ao pitillo “de despois”, aínda que os moteles brasileiros teñan a consideracíon de establecementos públicos…..