Etiquetas
Non querería facer demagoxia sobre as consecuencias das forzas da natureza aquí e en Haití. O temporal de frío no que andamos eses días pasados e o terremoto que arrasou o país caribeño. Non querería comparar en concreto as consecuencias de cada fenómeno, senón o tratamento mediático que recibiu cada un. Non querería pero non vou ter outra que facelo. Porque desde o temporal teño, ademais da friaxe nos pés que é herdanza paterna, a cabeza quente por como se poden facer informativos monográficos sobre que neva. E porque a inmensa desgraza de Haití non contribúe a que teña mellor opinión do que se informa, ou mellor de cómo se informa. Así que non me teñan en conta. É un desafogo.
http://www.antena3.com/PortalA3com/swf/A3PlayerEmbed.swf
Non sei cando os medios, particularmente as televisións, experimentaron un frechazo pola meteoroloxía, pero o caso é que acabou derivando no actual estado de amor pasional e descontrolado por todo canto fenómeno atmosférico se produza, sexa en grao de tentativa, coa súas alertas de coloríns, sexa efectivamente perpetrado, con agravantes ou sen elas. O caso é que, á mínima alteración das isóbaras, as pantallas inzan de arriscados reporteiros, rapazas pizpiretas de sorriso perenne ou mozallóns de aspecto sanote e decidido, que irrompen aló onde faga falta. De acordo coa tendencia reporteiril imperante, son omnipresentes e aparecen en todas as imaxes, facendo dengues e espaventos, entoando igual que as megafonías dos grandes almacéns, e en definitiva, facendo que a noticia sexa que eles están alí, non polo que están alí. “Llegamos a este pueblo incomunicado” pon o foco no mérito de chegar, non que o lugar estea incomunicado (que non o está, xa que se pode chegar). De feito, os presuntos cidadáns afectados actúan de comparsas do protagonista real. “¿Nieva mucho, no?”, “¿qué frío, no?”, pregúntanlles. “Pues sí”, non teñen máis remedio que contestar. Iso no caso dos lugareños. Os urbanitas adoitan protestar porque Alguén fallou. Un ente impersoal e xenérico que vén sendo o Estado, a alcaldía ou Protección Civil, é dicir, o substituto da protectora figura paterna neste sociedade infantilizada e a-responsable. Un Alguén que “nos debería haber avisado de esto”, ou que “no ha tomado las medidas necesarias”. En canto chega o inverno, toda canta institución sospeitosa de ser ese Alguén vive nun sinvivir, disparando avisos contra todo o que se mova. En propoño que a mediados de novembro se promulgue de serie unha alerta beige ou branco roto, e quede vixente polo menos ata que abril dea sinais de que non vai ser chuvioso de máis.
Nos periódicos comparten espazo estes días as queixas porque non se avisou de que ía ventar, esa excitación mixiriqueira da invernía como estado alterado, co relato do drama haitiano, ese desgraciado país que non precisa de terremotos para ser un inferno. E nas teles, onde antes soamente había paisaxes nevadas, agora hai imaxes da traxedia co mesmo tratamento: un sinfín de imaxes descontextualizadas, un fondo para tertulias e para informacións a medio cociñar e a medio contrastar. Un recurso emocional e gráfico que se aproveitará ata que non renda máis ou chegue ao punto de sobresaturación, o que pase antes. Eu diría que no medio de tanto brinco na neve podería reservarse un chisco de tempo e de esforzo a informar de vez en cando como están as cousas por eses mundos que soamente saen nas noticias cando producen máis mortos da dose habitual. Neses sitios nos que teñen Alguéns de sobra a quen botarlle a culpa do que pasa, desde as inxerencias de fóra ás clases dirixentes propias que se bastan e se sobran para arruinar o país. Pero case non o vou dicir para non facer demagoxia.
(16 de xaneiro de 2010. La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo)
É clave o que pós da sociedade infantilizada , que bota en falla ao pai e a nai protectora, e culpa a Alguén de calquera problema.
Hai dúas ideas totalmente en vigor. Non asumir responsabilidades propias e a seguridade por riba de todo.
Cas dúas xuntas temos o cóctel perfecto. A culpa de calquera problema, teñea Alguén ou os demais.
Pois por non limitarme aplaudirlle, que o fago, eu quería sinalar unha preocupación: a de que non existe alternativa informativa.
Podería darse o caso de que algunha cadea de televisión apostase por outros contidos informativos, pero non, todos iguais. A extensión “sin publi” do telexornal de TVE ven sendo o telexornal de antes pero con máis tempo para falar do mesmo, incluso as canles informativas do TDT (24h e CNN+) pasan boa parte do día a falar das mesmas cousas que se condensan nos informativos de 40 minutos. Un case se sinte forofo dese “pre-xornal” da TVG coas súas novas tipo “os veciños dunha parroquia de Castro Caldelas alarmados porque un can lle trabou ó carteiro e temen que se suspenda o servicio”; polo menos, ofrecen outra perspectiva da realidade… ou non.
A pregunta é se a competencia verdadeiramente mellora os servicios ou, pola contra, vai permitindo “optimizar” o humbral do mínimo esforzo.
Hai algo que falla: Neva — menos que antes — e xa é noticia na portada dos informativos. E a botar sal nas estradas!. Avanza a “civilización” e o que é natural, estórbanos. Hai anos nevaba, a xente metíase na casa coma as formigas e pasaba o inverno. No Courel, se morria alguén e habia un metro de neve, non podían soterralo. Pois poñíano no tellado e conservábase conxelado ata o desxeo. A prioridade agora son os autos. E mentras a xente se preocupa polo tempo meteorolóxico, non pensa noutras cousas. Eu lembro que desde a miña casa, víase unha ringleira de altos choupos. Cando se inclinaban cara á dereita significaba que iba chover. Cara á esquerda, dias de sol. Sen parte meteorolóxico.
Viva a neve! Decía Novoneyra: “Neva para atenuar o mundo”. E así debería ser.
Lectura recomendada: “Guia del observador de nubes”, de Gavin Pretor-Pinney, Ed. Salamandra, 2007
O único ou case o único que me manten nisto de bloguear é a calidade dos comentarios. Para mostra estes.
Como sei que escribo no blog do meu admirado presidente do Colexio de Xornalistas do noso país, gustaríame que coñecese de primeira mau o que me fixo o portal Vieiros.com. Síntome estafado con ese medio. http://bifidus.blogaliza.org. Aí teño datos
Ser é unha cabronada, pero non precisamente informativa. Sintolle ben, pero non tanto como as circunstancias polas que están pasando os que alí traballan.
Seino ben e xa o dixen no que escribín, pero que me fixeran de menos nun medio para min bastante exemplar doeume- Graciñas pola súa contestación!
Os medios sonlle exemplares ata que deixan de ser exemplares, Brais. Ten vostede toda a razón. Se o están a pasar mal economicamente en Vieiros, mala sorte (non son ou únicos) pero eso non quita para que o traten co mesmo respecto que se fosen unha empresa de telefonía.
En canto a vostede, Sr. gurú, déixese de tuíteres e demais gilipolleces e faga o favor de escribir algunha cousiña especial para os lectores do seu blog, como facía en tempos, que xa está ben de tanta reciclaxe, e se lle bota de menos.
Por comentarios que non sexa, pero non nos deixe ós seus fregueses (algún pilla cada palabra para o galego…) sen sermón.
graciñas pola súa comprensión
Eu súmome a tódalas reivindicacións.Ordenador e máis lacón xa!
Pingback: TELÚRICA SOCIAL – Mesón do Forno