Etiquetas
Hai días coma este no que non sei de que escribir. Porque, igual ca o burro de Buridán, que morreu de fame por non darse decidido a escoller cal herba pacer, non sei a cal de dúas obviedades importantes atender. Igual que o tal burro, se non me decido non como, pero cheguei a conclusión que o do decreto do galego é a estas alturas non é outra cousa que claro un exemplo de obstinación asnal-gubernamental, así que me vou centrar no outro. Na concertación social que parece que os chamados axentes sociais (aguilloados polo Goberno) van afrontar.
O primeiro paso para a concordia deuno o experto que na patronal se encarga dos estudos económicos, que oportunamente se apelida Feito. Feito, só ou con axuda de outros, chegou á conclusión de que a destrución do emprego en España ten a súa causa en que os salarios e as indemnizacións por despido son dos máis altos de Europa. Así que a mellor maneira de rematar co paro é baixar os salarios e as indemnizacións. A Feito non lle falta razón en que, posiblemente, se os empregados traballaran pola metade dos soldos actuais, ou pola comida, habería máis contratos, pero acábaselle aí, ou mesmo antes. Eu imaxino que, en liñas xerais, os empresarios teñen os empregados que precisan, e non terían de máis por moi baratos que lles saísen. O máis difícil de entender é por que habería menos despedidos se fose máis barato despedilos.
Segundo Feito, a súa argumentación baséase en “simples leyes de la aritmética”, o que non deixa de ser un consolo para os que doutras non entenderemos, pero destas si. O día anterior, Adecco, que é unha multinacional do traballo temporal e de salarios algo debe saber, sinalaba que o soldo medio bruto aquí era de 21.500 euros anuais, a metade exacta que en Alemaña, Holanda ou o Reino Unido, e mesmo un 20% menos ca media da UE (27.036 euros), onde hai países ricos pero tamén ben máis pobres. Segundo as leis da aritmética que sei, 21.500 é unha cifra inferior a 27.036, e tamén a 40.000. (Xa postos, segundo o INE, o salario medio dos galegos é de 1.313 euros mensuais, creo que inferior aos 1.908 euros que cobran en Madrid, e penso que tamén aos 1.538 da media española. Claro que a cambio non teremos que gastar en academias e viaxes para aprender inglés). E non debe ser máis complicado ou caro despedir aquí ca en Europa, porque aquí os contratos temporais, os que se despiden eles soíños, son o 32%, e en Europa o 12%.
Eu non quixera contribuír a que o señor Feito pase a formar parte dos despedidos, co caro que probablemente sairía botalo, pero o que posiblemente ocorre é que a Comisión de Economía da CEOE soamente ten un estudio, que airea en canto llelo piden. Porque haxa frío ou calor, vacas gordas ou fracas, o remedio que propoñen é sempre o mesmo: baixar os salarios e abaratar o despido. Certo é que unha herdanza do franquismo son unhas boas condicións laborais para unha minoría de traballadores (xunto coa inoculación da mansedume no código xenético do común dos asalariados) e habería que igualar condicións. E que o sistema laboral é inextricable. Pero tamén se herdou un crecemento empresarial moito máis baseado no aproveitamento dos contactos e oportunidades de todo tipo que na estrita competitividade do produto ou servizo ofertado. Ou sexa que a maiores de mirar para as pallas nos ollos dos demais, hai que revisar os propios. Á conclusión de que ás empresas lles iría mellor se a xente traballara máis e cobrara menos chega calquera burro, sexa o de Buridán ou presida algo.
(La Opinión de A Coruña, 23 de xaneiro/ Faro de Vigo, 26 de xaneiro)
Vexo que non perde vostede ocasión ningunha de insistir na teima do número gordo e as contas da leiteira. Dado que sei abondo que é vostede un tipo listo terei que concluir que, neste tema e só neste, ten vostede unha conexión sináptica de menos. Eu explicaríalle gostoso, mesmo facéndolle un croquis, por que o feito de termos un sistema de relacións laborais digno da Carta di Lavoro (e o seu descendente Fuero del Trabajo) e un despido equivalente en custe, complicación e mala baba a unha separación matrimonal, incide no desemprego e na omnipresenza da economía sumerxida. Pero tería que ser cun lacón por medio, e como vostede seica é vexetariano moito me temo que daquí a un par de meses estaremos na mesma liorta.
Xa non estaba eu moi seguro do que escribira, e mesmo temendo a reacción dun empresario comprometido coma vostede, cando me coincidiu asistir a un café de redacción con Guillermo de la Dehesa. Pregunteille polo informe de Feito, e dixo que desde logo os salarios en España eran baixos ou moi baixos, entre outras cousas pola pouca preparación do persoal (ou polo exceso, caso dos universitarios subempregados) e pola contratación temporal, sobre todo da xente nova. As empresas, conscientes de que durarán pouco, non os forman, e eles, sabedores do mesmo, tampouco é que se maten no traballo, e por riba non consumen. Eu listo non serei, pero non son malo de todo escollendo árbores ás que arrimarme.
Puxo vostede dúas patas da mesa, pero quedoulle sen poñer a terceira. Salarios baixos por escasa preparación e contratación temporal (ou precaria, ou lixo, chámelle como queira). As empresas non forman porque van durar pouco e os currelas non se matan polo mesmo. E por que duran pouco? Esa é a terceira pata que lle falta, meu. Pois ao mellor porque a diferenza entre traballar dous anos cun contrato en prácticas para un titulado superior e traballar, digamos dous anos e un día, é dun 17% de indemnización sobre o total do que o traballador en cuestión cobrou durante eses dous anos. E esa cantidade medra e medra e medra…. Se despois veñen problemas, digamos, como os de agora e non hai curro, e ten unha plantilla de dez traballadores fixos con digamos 15 anos de experiencia, bote contas e verá como o imbécil que os contratara ten que pechar o chiringo, vender a súa casa para pagar indemnizacións e vivir debaixo dunha ponte, porque dereito ao paro non ten. E os EREs son para quen son, amiguete. Se, despois de todo, o barco non termina de naufragar, a conclusión é obvia: é preferible un millón de veces ter traballadores sen experiencia, facer un traballo cunha calidade de merda, pero non xogarse o tipo casando con xente que se atopa unha cousa mellor vai marchar con 15 días de preaviso, ou sen iso. Que a todo isto, xa o sabe, teñen dereito a coller unha excedencia para ir a outra empresa e volver aos tres anos con reserva do posto de traballo. Con dos cojones.
Mentres tanto, vostede, De la Dehesa e San Pitopato sigan a elucubrar do por que neste pais levantas unha pedra e sáenche trescentos parados.
PS. O meu caso é o de moita xente: 90% de traballadores fixos, e polo de agora nin un só despido, non vaia pensar, que seremos uns miserábeis, pero non somos gilipollas. Iso si, teño un tipo que está excedente aproveitando un sueldazo nun chiringuito da xunta. Agora: o día que queira volver antes queimo o tenderete. E dixit.
Outra cousa: non é certo que as empresas non formen aos traballadores mozos. Iso depende do sector. En todos os tecnolóxicos (consultorías, enxeñerías, calidade, etc) unha gran parte da rotación do persoal prodúcese por baixas voluntarias. Os pobriños e explotados mozuelos, en canto lle pillan o tranganillo, dedícanse a botar curricula tras curricula con destino a multinacionais que así aforran a formación. E non digo que fagan mal, pero é o que hai. Pregunte, pregunte, e ao mellor leva unha sorpresa.
eSedidió ten mais razón cun santo
O de que as empresas sí forman aos traballadores mozos serálle de máis utilidade sabelo a este señor http://www.guillermodeladehesa.com/ que escribe libros gordos, que a min, que fago artigos de dous folios sobre o que se me ocorre. E o de que logo de formados buscan que os contraten multinacionais debe ser por ese egoismo que lles inoculan agora de querer medrar e ganar máis cartos. Como está el servicio!…
Pode vostede darlle todas as voltas que queira, pero o papel que xogan as multinacionais como drenantes do potencial humano deste país non é para tomalo a coña.
E, xa para acaber pola miña parte coa trifulca, heille de dicir unha cousa: eu non poño en dúbida que nos medios de comunicación se dea unha circunstancia de explotación salvaxe, escasa ou nula formación dos xornalistas novos, etc etc. Pero o mundo non remata nas cabeceiras dos xornais, como vostede sabe.
Non meu sector, poño por caso, estamos afeitos a que os novos técnicos nos veñan formados da casa (algúns dannos mil voltas nese sentido). O que teñen que aprender é o oficio. E seriámos gilipollas se non houbera interese en que o aprenderan co menor número de vicios posíbel, que para servir cafés xa están os bares.
Teñen que desculpar, vostede e os seus moitos lectores, o meu tono desabrido destes comentarios. Seguramente teño que cambiar de novo a medicación. Unha aperta.
Nada de desculpas,eSedidió. Vostede é un ser mítico neste e-hábitat.
Si, home, si, sonlle o Gargantúa do ciberespazo.
Interesante debate para min, que son un estudiante ao que lle quedan duas asignaturas mais o proxecto de fin carreira para rematar e miña formación universitaria nun campo que non é no que traballa Xose Manuel Pereiro, mais que por un irmán meu sei ben como de mal estan as cousas nel.
No mei eido, o tecnolóxico -o mesmo que eSedidió-, engado que non me gusta que se xeneralice e se prexulgue como emigrante laboral perpetuo os traballadores (ou futuros traballadores). Sobre todo se é por mor de cousas como a idea de “subir de categoria” a multinacionais. Eu todavía non comecei a traballar e so espero que despois dunha carreira universitaria tan dura e sofrida como foi para min a miña non teña que vivir e traballar con esa ansiedade emigrante. Mais para iso entendo que a pelóta e as regras do xogo decídense moi lonxe de empresas e accionistas como as que eSedidió trata de patronear e contra as que debe competir.
Espero ter contribuido a enriquecer o diálogo.
O debate é brillante, señores. Eu quixera meter tamén o meu dedo no ollo, coa mesma cuestión que vagalumecangas recolle. ¿E por qué as multinacionais absoerven o personal cualificado? ¿Podería ter algo que ver a función xerencial española?
Por certo, andiven a pescudar algo por ahí sobre un proxecto de Barreiros de camión militar e relacionando con aquilo a frase do Sr. Pereiro «Pero tamén se herdou un crecemento empresarial moito máis baseado no aproveitamento dos contactos e oportunidades de todo tipo que na estrita competitividade do produto ou servizo ofertado.» completase a lousa que temo atopar sepultando a inicitiva tecnolóxica en este país.
Coido que puxen mal o enlace anterior, sobra un paréntese ó final.
http://motorgiga.com/historia-motorgiga/barreiros-replica-el-abuelo/gmx-niv58-con30558.htm
eSedidio,non se desculpe que sen vostede,entre a magister autoritas do de la Dehesa e a correción política do traballador exemplar vítima do miserable patrón,eu xa ía bota_la sesta.
Un fenómeno de la Dehesa,do equipo galáctico de economistas ultra-neo-liberais dos governos González xunto a Boyer e Solchaga pasou a banqueiro de provincias e parece que agora fai ecumenismo económico.
Se non me trabuco,benquerido eSedidió,é vostede defensor da flexiguridade,modelo seguido en Dinamarca.O empresario pode despedir ó traballador sen facer moito gasto.O gasto faino o Estado pagando o paro e cursiños de formación.Imaxino que o feito dos controladores aéreos ou os ricachos en xeral pagaren máis impostos para lle dar esa seguridade ós traballadores non se considerará unha política de dereitas.
Iso si,o desemprego que temos non nolo quita de enriba nin de la Dehesa, nin un premio Nobel facendo horas extra.Coa mesma lexislación laboral andabamos polo 9% e agora andamos polo 20%.Esgotaronse os factores que nos facían medrar e polo de agora non se lle ocurren outros a ninguén.
Eu é que non quería dar a miña opinión sobre o señor ese dos libros gordos por non lle levar máis aínda a contraria ao noso líder espiritual, que xa son desviacionista abondo, pero sepa que comparto tanto como se poda a súa visión, sobre el e en xeral sobre os profetas a posteriori. Exemplos temos abondo.
No tocante ao outro, tiña pensado soltar outra homilía, pero para non ocupar espazo de máis en casa allea, e dado que teño post pendente, remítome a el cando teña algo máis de humor e de tempo.
Atopo agora un informe da nada sospeitosa Carmen Guisán, que me dá a razón (e por iso o poño aquí, claro)