Etiquetas

, , , ,

Bótenlle un ollo aos temas que ocupan os espazos e os tempos máis destacados dos medios de comunicación, e polo tanto, aos asuntos que lle presuntamente lle interesan á cidadanía. E se non, bótollo eu, que para iso estou: a sanción de Cristiano Ronaldo, a elección de presidente do PP de Ourense, a rebatiña por acoller un almacén de residuos radiactivos e o iPad, ese novo trebello. A primeira vista, todo parecen novidades, pero como explicaba Vladimir Propp, un teórico do conto (refírome a un teórico lingüístico do conto popular), toda canta novidade ou conto haxa non é máis ca unha repetición das tramas de sempre. A realidade imita á arte, pero mal.

O de CR Superstar dividiu ao mundo occidental en dúas liñas de pensamento: os que pensan que é un macarra que debe apandar con dous partidos de sanción e os que pensan que é un macarra marabilloso que debe ter barra libre para desenvolver a súa arte e vender camisetas e gayumbos. É un episodio máis da fascinación polo canalla, como a atracción que temos polo pirata John Silver en A illa do tesouro, polo capitán Renault de Casablanca ou polo Harry Lime de El tercer hombre. O que pasa é que ultimamente baixamos un pouco o nivel niso de poñer nos altares a xente común. Que é común de máis. Non só CR. Pasa tamén con Belén Esteban, a nova “princesa del pueblo”, como lle chaman. Entendería esa identificación que provoca en determinados ambientes se a mala, a Campanario, tivese algo. Que fose unha aristócrata escuálida e elitista, ou polo menos unha loura filla de rico, e non unha gordecha do montón que lle anda a amañar a pensión de extranjis á nai. A loita fratricida á que sempre se deixan levar as clases populares.

Exactamente o mesmo que a elección de presidente do PP de Ourense non deixa de ser unha das moitas loitas fratricidas que enchen a literatura desde a Biblia. Como os dramas de Shakespeare, está chea de sangue, proclamas e traizóns (e esa peculiar forma que ten o PP de entender e practicar a democracia interna: os mesmos métodos son lícitos para captar votos da xente, pero non para captar votos dos militantes. O apoio de Louzán ao candidato Feijoo foi irreprochable, o de Baltar ao candidato Baltar, impresentable). Sen embargo, recoñezan que a loita pouco exemplar entre o mellor representante daquela teoría fraguiana de que os fillos de políticos teñen mellor preparación e un alcalde discreto que terá outros méritos, pero o que se lle coñece é o valor de presentarse voluntario cando llo pide o mando superior, non acada as dimensións do enfrontamento Feijoo-Cuiña, aquela disputa telúrica entre o señorito apadriñado e o delfín traizoado, tan intensa como a de Joseph Cotten e Gregory Peck en Duelo al sol. Que o que estea en disputa sexa agora o liderado dunha organización provincial e non Jennifer Jones rebaixa aínda máis a épica.

E non me digan que o da poxa municipal para albergar o almacén temporal de residuos case eternos, un capítulo máis da conmovedora historia das autoridades que agardan que alguén veña e amañe todo, non lles recorda a Bienvenido, Mister Marshall. Eu sempre pensei que unha decisión deste tipo tiña máis condicionantes técnicos que o simple desexo de notoriedade duns gobernos municipais, a ansia irrefreable de ganar eleccións, aínda que sexa municipais, ou o vicio de atraer cartos, veñan de quen veñan ou para o que veñan. Pero debe ser que non, co que a tirapuxa residual pon ao sistema político español á altura de… El camarote de los Hermanos Marx?, Sopa de ganso? En canto ao iPad, é o engado máis vello do mundo: algo ben bonito pensado para que ti fagas o mínimo e consumas ao máximo o que fan outros.

(sábado, 30 de xaneiro de 10)

Advertisements