Etiquetas

, , ,

Non é por afearlle a conduta ao noso Goberno, e tampouco á non menos nosa oposición, polos seus esforzos respectivos, conxuntos ou separados, por velar polo futuro das nosas caixas –este “nosas” é menos contundente que os anteriores posesivos-, pero hai outros asuntos que deberían preocuparlles. Sinalar está feo, dicíame a miña nai, como dicían todas, pero así, sen sinalar demasiado, está por exemplo o do paro. Ou a asistencia social. Unha cousa non quita a outra, como sentenciaban as nais todas.

No do paro, os gobernos autonómicos, ou alomenos este, adoitan escusarse en que é cousa do goberno central. Efectivamente, eu penseino durante un tempo, e a normativa laboral é competencia do que un tanto impropiamente se chama o Estado, pero dúas conversas recentes fixéronme ver a equivocación (a miña, e xa veremos se tamén e escusa). Unha, onte mesmo falando nun tanatorio cun pequeno empresario moi do PP, que me dicía que ningunha empresa pecha se vai ben, e ningún empresario despide a un traballador do que estea contento, e recoñecíame que tampouco ningún ofrece máis postos de traballo dos que necesita. Ou sexa, que do sistema laboral depende o nivel do emprego, pero a modo. Outra, hai días, con Guillermo de la Dehesa, que tampouco é precisamente un anarcosindicalista, que dicía categoricamente que a creación de emprego dependía hoxe, máis que da macroeconomía, da microeconomía, e expresamente das comunidades autónomas, e en menor medida, dos concellos. Ou sexa, que a Xunta algo ten que ver, como aseguraba o propio Alberto Núñez Feijóo e os seus compañeiros de listas na campaña electoral, na que acusaban ao Goberno que pretendían substituír de ser causantes do paro existente. Agora que o substituíron, o paro medra en porcentaxes superiores á media española. Se daquela era verdade, tamén o é agora, e se daquela era mentira pois… pasado o día, pasada a romería. Poñamos que é a metade de cada cousa.

Pero o que é certo de todo é que, que eu coñeza, e non será por exceso de timidez á hora de pregoar os logros, non hai plan de emprego ningún, quitado o indirecto de poñer cartos para os que compran coches (medida que me absterei de criticar, dado que son beneficiario). Non hai un plan G para darlle ás cidades un aire de caos beirutí e de paso crear uns postos de traballo. Nin tampouco é que en Raxoi prefiran o estilo obra grande, ande ou non ande. Segundo o informe anual de SEOPAN, a patronal das grandes construtoras, a Xunta investiu en obra pública 537 millóns, tres veces menos que o Goberno Central en Galicia, cen millóns e pico menos que as corporacións locais e un 56% menos do que se investiu en 2008, baixando a niveis de hai dez anos. Galicia tivo a porcentaxe máis baixa de investimento autonómico por habitante de todas comunidades. E iso que case 200 deses 537 millóns corresponden aos dous primeiros meses de 2009, ao bipartito. Creo que hai un conselleiro desa área, e mesmo que ten bastante experiencia no sector público, no privado e viceversa.

Hai tamén alguén no Goberno responsable de Traballo e Benestar, pero obviamente debe estar centrado (centrada, que é conselleira) no Benestar. Desafortunadamente, ou traballan na sombra, ou nos últimos tempos o que se sabe é que teñen sen inaugurar residencias de vellos rematadas hai un ano, que desmantelaron servizos ou que cederon ao negocio privado o sistema a medias que recibiron en marzo. Tamén o hai de Medio Rural, penso, pero o que fixo nos últimos tempos é darlle 600.000 euros á Consellería de Presidencia para parches da Semana Verde de Silleda, coa escusa de recuperar as especies autóctonas (as de gando). Outra aposta pola galeguidade.

En definitiva, está moi ben que se preocupen polas caixas, con razón ou sen ela, pero máis alá delas hai moita vida. Citando outra vez ás nais/sogras, xa sabemos que quien mucho abarca, poco aprieta, pero algo haberá que abarcar. (E por favor, non tomen isto como unha demanda que os conselleiros saian máis nos papeis).

(sábado, 13 de febreiro de 10)

Advertisements