Etiquetas

, ,

Miren que levo tempo afrontando resignada e gallardamente ese formato de loita libre parlamentaria que son as porfías entre presidente do Goberno e líder da oposición, e cada vez estou máis convencido de que son ao debate político máis ou menos o que as películas de Jean Claude Van Damme ao cine de acción: que tamén haxa moita labazada non quita que as interpretación sexan discretas tirando a malas e que a trama sexa máis que  previsible. E iso que, desta vez, o macht ía de algo de importancia vital e xeral: a crise económica e como saír dela. Como intuïamos todos, a cousa rematou sen unha conclusión clara, quitado a de que a Zapatero interésalle ter algún socio como burro dos paus e Rajoy non lle interesa nada que non sexa a rendición incondicional. Dise que dous non pelexan se un non quere, pero tamén que para bailar fan falta dous (ou polo menos debíase dicir cando o apoxeo do baile agarrado).

Como coinciden en salientar todos aqueles que seguiron o debate por obriga profesional de contárnolo, a cousa foi que Zapatero ofreceulle un pacto ao PP, que o PP rexeitou. Escápanseme as razóns polas que o presidente do Goberno ofrece un pacto ao mesmo tempo en que asegura que a crise económica estase a despexar. De ser certo que a crise escampa, non capto os beneficios políticos de darlle ao rival unha porcentaxe do éxito. Claro que, de non selo, sempre lle poderá reprochar a Rajoy que non puxo o lombo para axudar a paliala. Tampouco entendo moi ben as razóns do PP para negarse a un pacto se estamos na situación de emerxencia e catástrofe na que asegura que estamos. Ou é porque saben que a crise non vai remitir, fágase o que se faga, ou porque o único esforzo que queren facer pola cidadanía é o de fregar as mans agardando que a situación lle pase factura ao PSOE, ou é porque non queren aparecer como socios dos socialistas nas medidas impopulares que eles consideran que hai que adoptar. O certo é que a súa proposta tipo “déixame a min que ti non sabes” é normal entre dos rapaces que discuten sobre como inchar un balón, pero non para cambiar un goberno.

O pavero é que a esmagadora maioría da poboación (un 80%, segundo un estudio de Sigma 2) demanda ese pacto que Zapatero ofreceu de esguello e Rajoy rexeitou de plano, nunha xogada que volveu deixar ao PP en solitario e preguntándose onde se meteron os outros que ían canda eles a pedir explicacións. Claro que posiblemente outra gran maioría de cidadáns -ou e mesma- apostan firmemente porque se tomen medidas, quitado que se dea o caso de que lle afecten directa e persoalmente. Eu, se me permiten, expreso desde aquí a miña oposición, máis intuitiva que meditada, ao tal pacto sobre a crise. En primeiro lugar porque se é patente que no Goberno hai escaseza de imaxinación e certeza, está igualmente meridiano que na oposición tampouco reinan a inspiración e a firmeza. Ou sexa, que está por ver que catro ou seis ollos vexan máis ca dous. En segundo lugar, porque cando non hai ideas novas e existe un compromiso de telas, bótase man das vellas. E xa sabemos como acaban estas cousas: coa escusa de remediar aos xa amolados, acábase amolando a case todos.

(La Opinión de A Coruña, 20/02/10- Faro de Vigo, 24/02/10)

Advertisements