Parecería que o noso goberno, obsesionado co tema das caixas, non fai outra cousa (aínda que facer non sexa a expresión correcta, porque tampouco é que se vexan os resultados dese teórico esforzo), pero pola calada e pouco a pouco, estanos liberando a todos dunha chea de imposicións que non nos deixaban vivir. A última, precisamente, a das normas do hábitat que regulaban as características das vivendas, que o último consello da Xunta tivo a ben anular, ou máis exactamente, “suavizar” (palabra que evidencia que o trato que antes as leis lle daban ás vivendas era rudo e áspero).
Segundo as informacións máis precisas no seu día, “das disposicións desaparecen todas as referencias á orientación dos edificios, as horas de sol e os voladizos, porque o Goberno do PP entende que son aspectos que non afectan á habitabilidade e que si deben figurar nos planeamentos municipais. Da mesma forma elimínanse todas as especificacións sobre a reutilización de augas grises e o gas radón por considerar que deben ser reguladas polas normas sanitarias e ambientais, e sobre as condicións de eficiencia enerxética, xa que estas se establecen no código técnico de edificación”. O de que as horas de sol dunha vivenda non afecta á súa habitabilidade soamente o pode subscribir alguén que viva nunha casa perfectamente illada e que se poda permitir unha calefacción ben potente. O de que son aspectos que deben de figurar noutras normativas é o mesmo que defender que non debería haber normas de seguridade laboral, por entender que se a un traballador dunha obra lle cae algo na cabeza descuberta e lla abre, é unha cuestión de sanidade. Pero mellor non seguir por aí, para non dar ideas. A nova normativa elimina tamén a esixencia dunha porcentaxe de cuartos exteriores, e establece que chega con que dea afora a estancia máis grande (algo coherente co que as horas de sol non importan), e permite que os corredores podan ter soamente 90 centímetros de ancho nalgúns sitios (tampouco importa, quitado que teñas que andar nunha cadeira de rodas). Para que non todo sexa beneficio para os que ganan sempre, impón iso si, que haxa trasteiros ou rochos, impedindo habilmente que fagan vivendas nos baixocubertas, moi apropiadas para espíritos románticos ou corpos pequenos.
A norma deconstrutiva, felicitouse o presidente da Xunta, fíxose co consenso de todos os sectores: concellos, colexios de arquitectos e aparelladores e promotores. Aínda que non se felicitase el, xa o felicitaron promotores e concellos. Eu entendo que os construtores estean contentos, porque nunha urbanización coruñesa os edificios erguéronse a trasmán do sol para que entraran máis pisos, e agora –logo de mercalas- os veciños comprobaron que soamente teñen horas de sol do sexto cara arriba (menos mal que xa sabemos que son innecesarias). Pero non entendo o dos concellos. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), tiña presentado un recurso as normas anteriores, non porque estiveran a favor dos construtores e en contra dos veciños, negan, senón porque invadían as competencias municipais, afirman. Claro que as competencias municipais non impediron que en todas partes haxa vivendas cunha habitabilidade discutible e que a xente viva nelas, e o concello que goberna o presidente da Fegamp, Ames, é un exemplo das consecuencias dese rigor urbanístico municipal. Agora terán unha máis ampla marxe de manobra para seguir velando polo tal rigor, porque a nova normativa concede aos gobernos municipais a facultade de incumprila cando o consideren necesario, pero eu insisto en que, visto o resultado da xestión urbanística dos concellos, é como se ao goberno de Haití lle reforzan a xestión da asistencia social.
(6 de marzo en LA OPINIÓN)
Todo isto fáime lembrar uns anos atrás, cando aínda pensabamos que eramos ricos e os constructores pedían máis madeira… acordánse de cando os aznaritas proclamaban que a modificación da Lei do chan declarando urbanizable todo agás as zonas protexidas suporía a liberación de tantas hectáreas que os precios das vivendas habían baixar e tal e tumba? Pois ista modificación das normas do hábitat han ter menos impacto aínda, agás que se considere que tocar as narices dos do fenecido bipartito sexa un fín en sí mesmo.
Prezado X.Manuel:
é a primeira vez que me dirixo a tí de forma directa (aínda que sexa a través do ciberespazo), e quería tan só agradecerche a forma que tes de arricancarnos sempre un sonriso por nefasto que sexa o tema que abordas; eu son incapaz de afrontar así as cousas… consulto a prensa ou escoito o radio (da tv mellor non falar) e danche ganas de…
Supoño que a veteranía é un grao, e que aínda me queda moito por tragar e cicatrizar, agardo poder tomar exemplo do teu xeito de encarar as cousas e non desesperar.
GRAZAS, non deixes de escreber
“Deste xeito evítase a imposibilidade de construír edificios de vivendas en soares onde o
planeamento prevé o uso residencial pero as estritas condicións da norma do hábitat
impedían de facto o cumprimento das determinacións en materia de habitabilidade.” Parrafo extraído da xustificación da nova lei enviada o coag. Creo que con esto queda claro cales son as prioridades deste goberno.
Eu e outros moitos compañeiros, como arquitectos, non nos sentimos representados no papel que está adquirindo o noso colexio como defensor do promotor/especulador. A lei do “habitat” non era perfecta, como todas, pero redactar unha nova co único obxetivo de manter os beneficios dos especuladores recolectores de terra non me parece a solución. Por que si un terreo e habitable ou inhabitable polas suas características, e non polo que polo que diga un papel.
En fin, sinto extenderme tanto, noraboa por ofrecernos esta pequena excelente fiestra de realidade con un filtro cómico. Rincóns coma este fan que internet mereza a pena. Un saudo.
Pingback: chuza.org
Eu estou bastante de acordo co señor cãosemdono; eu diría que os grandes defensores da galiña dos ovos de ouro aínda non aprenderon que foron eles quen a mataron, pero parece improbable que resucite. En calquera caso, que iso non nos faga perder a perspectiva. Volverán e seguirase a construir, e para entón é mellor deixar ben atada unha normativa que protexa máis ós usuarios. Desafortunadamente, para iso ninguén recolle sinaturas.
Ostras, onte esquecín tomar a medicación!. Pois aproveitando a síndrome de abstinencia, véxome na obriga de afirmar que, ademáis das normas do hábitat e todas esas cousas das que fala e que seguro que ten razón, o que compriría é que promotores, construtores, políticos, arquitectos e urbanistas quitaran as súas suxas máns do solo rural, por mal nome chamado “rústico” no senso pexorativo do termo, supoño. Tanto ou máis grave que todas as desfeitas reais ou supostas que se están a perpetrar e toda esa leria é o contido da modificación da mal chamada lei do solo, referente á extensión das zonas de ampliación de núcleo rural, que pasou paseniña e silandeiramente todos os “filtros” políticos, técnicos e xornalísticos sen que ninguén piase. Claro que a este ritmo todos seremos urbanitas, tomaremos nespresso, teremos páxina no feisbús e iremos de sendeirismo a ver vacas. Coitadiños…..
Xa eSedidió, pero é que non se dá abasto. Non sei se preparar o seguinte ciberataque contra os municipios pola Lei do Solo, polas mocións de censura e as súas características máis paveras (a maiores das causas urbanísticas)… Seguro que ominho sabe dalgunhas.
E Caín, graz(i)as polos ánimos, pero tranquilo que sigo, alomenos mentres non me toque a lotería que non xogo.
Permítame suxerlle, estimado Sr. Pereiro: aplique o método científico-técnico, e faga unha lista con todas as posibilidades, despois coloque esa lista nunha táboa na que puntúe obxectivamente aspectos das respectivas temáticas coma o interese social, a urxencia, as posibilidades literarias… sume todos os puntos, e despois escriba o que lle dea a gana, que seguro que acerta; ten vostede a puntería máis que acreditada.