Etiquetas
Son o afortunado beneficiario do chamado bono social, esa tarifa reducida un chisco que teñen as compañías eléctricas. Tamén serei dos prexudicados pola inauguración de Ikea, en concreto polos atascos que medrarán exponencialmente en toda esa saída da cidade. Os dous casos simbolizan o desasistido que está o cidadán fronte ás prácticas empresariais, en boa parte pola actitude das autoridades que tiñan que velar por iso. (Eu diría que en grande parte non é un problema de desidia, senón de complicidade, pero non o vou dicir, porque quero que esta columna me salia máis ben costumbrista que de denuncia).
O Goberno de España decidiu que, ante a liberalización do mercado eléctrico, os usuarios de economía máis desfavorecida, como familias numerosas ou pensionistas, deberían conservar as condicións que tiñan de antes. Mal pensado non está, por raro que pareza, porque en España as liberalizacións teñen o efecto oposto aos que veñen nos manuais de economía: aquí poder escoller entre varias empresas de distribución, das gasolinas aos móbiles, leva aparellada unha suba dos prezos, non me digan por qué, pero así é. O caso é que, despois de xuntar documentos como o certificado de empadroamento e o libro de familia, e de levalos a compulsar, mandei a miña solicitude en setembro pasado. Mandeina por correo postal, tal e como recomendaban de forma un tanto estraña nesta época. Pasou o tempo, e foron pasaron os kilovatios a prezo liberalizado, sen noticias do meu bono. Aló por decembro chamei ao teléfono do cliente, para ver como ía a cousa. Alí non sabían nada, e tentaron remitirme ao sitio onde mandara os papeis. “Si, mire, mandeinos a onde me dixeron, un apartado de correos. Paréceme un tanto inútil tentar pedirlle explicacións a unha caixa de correos cando vostede destacan en todas as facturas este número de atención ao cliente”. Despois dunha longa conversa quedei como estaba, pero máis quente sen facer consumo eléctrico ningún. Pasou o Nadal e pasaron máis kilovatios, e cambiou o ano, pero non o prezo. Chegou febreiro, e unha carta: tiña que achegar máis documentación. O libro de familia enteiro e compulsado non valía, e tiña que mandar o certificado de familia numerosa. Compulsei e mandei (desta vez por correo electrónico, que xa está ben). Pois xa estaba pensando en desempolvar o número de socio da OCU para queixarme, cando na última factura vexo que xa estou favorecido co bono de marras. Case medio ano e unha chea de kilovatios liberalizados despois. Curiosamente, á miña señora nai, achuzada por min para que o pedira, non sufriu atasco administrativo ningún, e denegáronllo en apenas 15 días. Debe ser que quen fixo a lei non pensou en prazos ou atascos. E iso nunha situación de libre competencia.
O da cidade de compras Marineda Plaza, o último pero non o derradeiro logro do complexo comercial-inmobiliario coruñés (similar en influencia ao complexo militar-industrial ao que o presidente dos EEUU Eisenhower consideraba responsable da carreira de armamentos), estaba xa visto. Co engado de Ikea, o anterior goberno municipal planificou a aterraxe do artefacto, desde propiciar a compra dos terreos (coa colaboración da empresa da familia política do entón alcalde) ata desviar a Terceira Ronda, e acabando por eliminarlle aos propietarios a obriga de dotar de servizos á zona, polo método de declarala urbana consolidada. Os promotores mesmo apareceron como mecenas anunciando que se farían cargo dunha rotonda. Agora, a un par de meses da inauguración, todo o mundo se alarma de alí, onde se unen unha das dúas saídas da cidade e un polígono industrial-comercial, vai haber atascos nos atascos que xa había, e que a cousa non ten nome. Ben, nome si que ten, pero non o vou dicir porque xa dixen que quería que esta fose unha columna costumbrista, e non de denuncia.
(La Opinión 13 /3/10/ Faro de Vigo, 16/3/10)
Vai permitir que me poña un pouco teórico-técnico, xefe, para explicarlle por qué eu non comparto a súa preocupación. Serei benevolente, resumindo unha conclusión (de andar por casa) xa de entrada: porque xa non pode ser peor. Agora, se me permite, vamos ó allo.
Se nalgún momento ten tempo de ler este artigo da Scientific American (¿Para cando unha Scientific Galician?), onde se explica, con exemplos, o feito constatado de que reducindo o número de estradas dunha cidade o seu tráfico colle fluidez. A teoría, aplicada ó caso coruñés é bastante sinxela: dende que abriron o centro comercial “Espacio Coruña”, sumado co “Dolce Vita”, todos os sábados que pasei pola Avda. Alfonso Molina, o tráfico estaba absolutamente colapsado, con colas de entrada que se perdían nos adentros a AP-9. Co efecto chamada do “Marineda Plaza”, poden pasar dúas cousas:
A primeira, na liña do que apunta o artigo referido, é que os primeiros días se monte un pifostio descomunal, que esixa un dispositivo especial da DGT, e ó terceiro intento, a xente empece a ter unha “experiencia de usuario” tan negativa que renuncie a seguir perdendo tempo e saúde nese embotamento e busque outras alternativas, sexa de maneiras ou momentos para chegar ó mesmo sitio, ou sexa de destino para o seu tempo e cartos. Unha consecuencia non desbotable deste escenario sería que alguén pedise unha estación do AVE na Grela.
A segunda, contrariando á ciencia, é que a peña insista en atascar os accesos coruñeses, fin de semana tras fin de semana, e como todos sabemos que os centros comerciais son unha necesidade básica das persoas, atenderán esa necesidade con novos viais, por exemplo, arrasando a bulldozer media Elviña, para entrar na Grela directamente, e tamén (porque os viais nunca sobran) tratarían de meter, dende Cambre ou Culleredo, unha terceira autovía nos 500 metros que separan a A-6 da Terceira Ronda, e despois empatar todo con unha ramificación da Vía Ártabra ata o Carrefour de Coristanco. Sen que falle unha segunda ponte sobre a ría (Mera-Coruña, por exemplo, pero mellor Ares-Coruña).
Este segundo escenario chocaría coas sesudas investigacións científicas recollidas no artigo de marras, e significarían que os habitantes da Península Ibérica, ou a lo menos dunha parte, están dotados de unha excepcional estupidez na me nego a crer rotunda e irónicamente.
Perdón polo ladrillazo de comentario.
Como non podía ser doutro xeito, non montei ben o enlace, entre outras gambadas. Prégolle que edite o código.
http://www.scientificamerican.com/article.cfm?id=removing-roads-and-traffic-lights&SID=mail&sc=emailfriend