Etiquetas

, ,

Eu son un afectado por un dos erros máis graves e ao tempo máis paveros na política educativa poñamos que recente, sen deixar de ser remota. Foi no antepenúltimo ou penúltimo goberno de Franco, que nomeou ministro de Educación a un tal Julio Rodríguez por equivocación. Non quero dicir que se equivocara ao nomealo, que tamén, senón que se equivocou de Julio Rodríguez, ou iso sempre se dixo sen que se desmentira. O ditador pensara nun Julio Rodríguez que era profesor en Murcia ou Canarias e por un erro de alguén e pola escasa orixinalidade do nome, a quen deron localizado e a quen finalmente designaron era a un Julio Rodríguez que era catedrático en Salamanca. Nada máis sentar no sillón, o ocorrente Rodríguez salmantino tivo a brillante idea de que os cursos escolares debían coincidir cos anos naturais, así que o meu primeiro ano de carreira foi tan breve como intenso: durou seis meses escasos, de xaneiro a xuño. Non sei se fun afectado para ben ou para mal, porque ao ano seguinte, sobrepasado por tanta intensidade, decidín facerme periodista, a ver se o curso me rendía máis e me deixaba máis tempo para ter contacto coa vida real. Por esta razón non debería cesar Jesús Vázquez como conselleiro de Educación.

Non estou suxerindo arteiramente que está no cargo substituíndo a outro Jesús Vazquez que resultou máis difícil de localizar. Tampouco quero dicir que non haxa razóns para quitalo. En realidade hai unha chea delas. De entrada, dirixe o departamento que non soamente é responsable do meirande despropósito pedagóxico despois do daquel Rodríguez, senón que pasará a historia como o autor dunha ruptura sen precedentes no delicado equilibrio que rexe o sistema educativo. Primeiro abriu a caixa de Pandora do que se vendeu como liberdade de educación, ou ensino á carta, baseándose no máis que discutible principio de que os pais dos alumnos son os propietarios do sistema educativo, os clientes que sempre teñen razón, e non os usuarios que en realidade son. (Imaxinen o mesmo principio aplicado á sanidade, e que a opinión dos enfermos prevalecera sobre a dos médicos). Logo pretendeu pechala azarapalladamente, cunha chea de sucesivas versións nas que cada unha mudaba os obxectivos, as intencións e os argumentos da anterior. Da liberdade pasamos ao trilingüismo, do trilingüismo ao fifty-fifty, do fifty-fifty a su-opinión-es-importante-pero-no-valdrá-para-nada, e de su-opinión-etc a quedaremos-como-estábamos-pero-no-se-me-preocupen-que-habrá-libertá. E todo, sen o máis mínimo sentido do ridículo, non mediante un debate científico pedagóxico, senón polo método que usan para vender chándals e lotes de bragas no feirón de Noia, pero releando entre si os propios vendedores. Tanta présa se deu que lle pillou os dedos coa tapa, ou viceversa, ao que lle axudaba a pechala, o secretario de Política Lingüística.

O curso que vén veremos as consecuencias de tanto consenso: alumnos que levarán os libros que lles peten a eles ou aos seus pais, profesores facendo cuadrantes de idiomas e textos como se en lugar de preparar un curso preparasen a invasión dun país mediano, e asociacións de pais e nais que, no canto de organizar comedores e excursións, reproducirán no seu seo os enfrontamentos parlamentarios, no mellor dos casos (no peor, a guerra de faccións tipo libanés).

Así que é moito mellor que siga Vázquez. En primeiro lugar porque a culpa non é toda del, senón de quen o mandou meterse no fregado. En segundo porque pedir a dimisión ou a destitución de alguén é o mellor sistema de soldalo ao posto. E terceiro porque calquera se fía de alguén que se deixase convencer para asumir esa herdanza. (Unicamente que dean localizado a Julio Rodríguez).

(La Opinión de A Coruña, sábado, 20 de marzo de 10)

Advertisements