Etiquetas
Nisto da crise económica e como saír dela hai menos suspense sobre cal vai ser o resultado final ca nunha novela de Corín Tellado. E non é que vaia rematar precisamente cun bico apaixonado e profundo, pero o proceso si que ten asombrosos paralelismos co dunha relación amorosa. Primeiro viviamos nunha desas felicidades aparentes que soamente son posibles sen lle facer casos aos verdadeiros problemas de fondo. O mundo económico era como un matrimonio apacible, todo sorrisos. Uns ganaban cartos, algúns moitos, e outros tiñan traballo, moitos algún. Pero como pasa sempre, a seguridade de que todo vai seguir así, sen esforzos a maiores, acaba rachando. Algúns dos que ganaban moito conseguiron que as normas nas que se baseaba aquela estabilidade se relaxaran. O mercado regularase por si mesmo, dicían uns e acataban outros. Traducido ao mundo paralelo das relacións afectivas, ela sempre cría que el tiña que pasar traballando moitas noites. Ata que se descubriu que non, que no que el traballaba polas noites era, como se dicía antes, no alambre.
Por se hai que recordalo, esta crise comezou porque a especulación financeira fóra de control substituíu á creación real de riqueza. Nun primeiro momento, o marido sinalado como culpable da desfeita chorou, fixo acto de contrición, convocou cumios internacionais e mandou avisos a todo o mundo, especialmente ás amigas da prexudicada, de que se ía reformar. Pero como pasa sempre, o que é can, é can toda a vida. En canto pasou o momento de indignación, pasaron as promesas de arrepentimento. Nos Estados Unidos, que é onde se sabe canto gana a xente esa, non pasaron meses desde que determinadas entidades financeiras tiveran que ser reflotadas con diñeiro público, e xa estaban os seus dirixentes concedéndose pluses multimillonarios (en compensación por ter conseguido que o Estado soltara a pasta, supoño). Hai pouco, o presidente do Banco Central Europeo opúñase a establecer taxas á banca para facer un peto co que afrontar futuras crises e que sexa o sector, e non como agora os contribuíntes, que poña os cartos se veñen mal dadas. E escusa é que o exceso de normas poden influír negativamente na recuperación. Imaxino que os donos das minas de fina do século XIX tamén consideraron que prohibir o traballo infantil repercutía negativamente nos seus beneficios e nos custes de explotación, porque tiñan que pagar salarios de adulto e facer os túneles máis grandes.
Agora estamos na seguinte fase. Na de culpabilización da parella. A culpa é deses salarios altos que son máis baixos ca media europea. E a parella ten interiorizados eses argumentos, porque todos os expertos, os que levan anos anunciando en estudios pagados polos fondos de pensións privados que os fondos de pensións públicos non van poder aguantar, os que nin cheiraron a que se nos veu enriba, están todo o día roñando con eles. Coa teoría, nunca demostrada, de que a mellor maneira de que haxa menos paro é que os salarios sexan máis baixos. Como se os empresarios tiveran un gasto en persoal concreto e fixo, e o repartisen entre os máis traballadores posibles. Como se os salarios non estivesen determinados polo mercado, como todo, e fosen altos ou baixos dependendo das directrices dos gobernos. Que se creen postos de traballo depende, polo pouco que sei, das expectativas que teñen os empregadores de colocar os produtos que elaboren, e de cobralos. Pero xa sei que sei pouco, e co pouco que sei, menos entendo como abaratar o despedimento axuda a crear emprego. E moito menos aínda me cabe na cabeza esa proposta do Goberno de loitar contra o paro pagando con fondos públicos parte dos gastos de despedir xente.
Debe ser que xa estamos na etapa esa de que a culpa é túa, que es unha abandonada e non te arreglas con xeito.
(Faro de Vigo, 21/4/10 La Opinión de A Coruña, 24/4/10)
“E moito menos aínda me cabe na cabeza esa proposta do Goberno de loitar contra o paro pagando con fondos públicos parte dos gastos de despedir xente”
Iso a min tampouco, e o dos bancos xa lles vale, que non dan un puto crédito nin que teñan seguro que van cobrar e ben.
pois vostede para ‘non saber’ xa sabe bastante máis que moitos que din que saben (e non teñen pxxx idea do que falan).
O de pagar con fondos públicos os gastos de despedir (ou prexubilar, que é pior) xente nin é novo nin descoñecido. O problema debe ser entón que agora está a afectar, non a TVE nin a Telefónica nin aos Bancos, senón a pringaos que nin teñen glamour nin ná de ná, e a iso non hai dereito, home.
É vello axudar con fondos públicos os despedimentos en empresas -mesmo en empresas con beneficios, que xa é o colmo-. O que é novo é pagar con fondos públicos os despedimentos… como forma de loitar contra o paro!
Algo de razón ten, ou case toda. Kafkiano élle kafkiano, non lle digo que non, pero…. case mellor pase pola miña e cóntolle a miña versión nun día ou dous, que non me quero enrollar de máis.
O concepto é moi sinxelo os nosos representantes (tanto os políticos como os de opinión, exceptuandoo a vostede, entre poucos) tratan de convencernos da paradoxa de que poñer a solución da crise en mans dos seus culpables. Eu, persoalmente, case teño máis fe nos amuletos de San Andres de Teixido ou nos Milagres de Amil.