Hai moitos que temen pola desaparición da familia como célula da sociedade, nos disolventes tempos que vivimos. Hai outros –ou os mesmos- que lle sacan rendemento sociopolítico a ese temor. Non haxa medo. E non soamente porque a familia nunca foi o que era, senón porque seguirá sendo o que é mentres haxa actos sociais. O que se chama familia historicamente foi, nalgúns ámbitos, un señor no cimo e debaixo unha serie de señoras e unha consecuente requitropa de fillos. Noutras culturas, sinaladamente na titulada tradición cristián, eran un señor que mandaba, unha señora que obedecía, uns descendentes que facían o que lles mandaban, uns ascendentes que facían o que lles deixaban e unha serie de acoplados de distintos graos de parentesco que andaban por alí. Agora, na nosa contorna, a familia no sentido intenso é unha unidade de produción económica e de interrelación social que oscila entre un solitario compoñente nalgunhas ocasións, a varios de máis dunha xeración, nos casos máis raros. No medio, hai todo tipo de combinacións, de sexo e idades, e mesmo dependendo das épocas: hai individuos e/ou parellas que teñen máis ou menos fillos, ou ningún, segundo sexa curso escolar ou vacacións, ou de que fin de semana se trate. No sentido extenso é unha lista de convidados fixos a unha serie de celebracións rituais, que cada día son máis en número e de reforzado cumprimento persoal e socialmente. Ese, os chamados ritos de paso, é o cemento da institución.

Por exemplo, os que temían que a nosa versión do rito de entrada en sociedade, os bautizos, andaba de capa caída, reparen nos fenómenos que apuntan á súa reactivación. Certo é que xa non se celebran de forma automática e obrigada, coma antes, debido por un lado á evidente laicización da sociedade, e por outro á redución da rede familiar que antes permitía combinar a organización de saraos coa atención a un recén nacido, e agora faino certamente incompatible. Pero hai un incremento significativo de visitas a domicilio para inspección do cativo e procura de sinais físicos de parentesco, hai infantes que se bautizan cando xa botaron os dentes, e mesmo está a novidosa creación do bautizo civil, instituído por algúns concellos para aqueles pais ansiosos de presentar en público á descendencia que queren ser coherentes coas súas crenzas (ou coa falta delas), ou para cando os coherentes son os curas que se negan a oficiar como se fosen relixiosas cerimonias que no fondo son civís.

E se no asunto bautizos, o seu rexurdir é unha tendencia, o que é unha potencia son as primeiras comuñóns, o que en todas as culturas e relixións é o rito de entrada ao uso de razón e de apandar coa vida, desde o Bar Mitzvah ou Bat Mitzvah dos xudeus á caza do primeiro león dos masais. A variante local dese rito, segundo o que recordo, consistía en medio ano de vida de adestramento doutrinal e coreográfico (no colexio no que a fixen, estritamente masculino, naquel acto contabamos con anxos, interpretados por alumnas do centro irmao estritamente feminino) e de debates cos colegas e coa familia sobre se molaba máis ir de almirante ou de simple mariñeiro, para ter a recompensa dunha chocolatada colectiva, feliz pese á ameaza do manchar o traxe. Agora ignoro como son a catequese e a coreografía, pero sei que unha chea de nenos e nenas entran en sociedade protagonizando e asumindo de cheo dous dos seus valores fundamentais: o consumo e a festa rachada. Hoxe calquera primeira comuñón (quitado as que se fan entre cristiáns de base, supoño) teñen tanto festexo e tanta circulación de regalos como unha voda mediana hai 40 anos. A maiores, coas nosas perspectivas demográficas non hai que ser Rappel para intuír que o sector sepelio subirá igual que os valores en Bolsa dunha multinacional cando anuncia despedimentos masivos, a pouco que os tanatorios vaian depurando a liña de servizos aos clientes, polo de agora reducidos ao esencial.

Fíxense se hai tanta demanda de rito de paso que ata se está a consolidar a pasos axigantados unha modalidade nova: as festas sorpresa polos 50 anos. Supoño que é unha maneira de celebrar a idade á que antes soamente chegaban os vellos-vellos, e agora é o recoñecemento que chega cando un xa ten a vida asentada, no profesional e no persoal (a esa idade, soamente se divorcia xente tipo Flavio Briatore ou os que levaban estirando de máis a situación). Mentres haxa acto social, haberá familia.

(Faro de Vigo, 30/04/10 La Opinión de A Coruña, 1/05/10)

Advertisements