Etiquetas

, ,

Hai días, remexendo papeis na casa familiar procurando outra cousa, atopei un cuestionario que lle mandara de rapaz, xa non lembro para que, ou mellor dito para ónde, a Uxío Novoneyra, co que daquela tiña amizade bastante para que me perdoara cousas como os erros de imprenta que se me escaparon cando deseñei os Poemas caligráficos que publicou na colección Cadernos da Gadaña de Brais Pinto. Atopei o cuestionario, que tiña tan esquecido como a súa finalidade, e as respostas, escritas coa aquela letra súa, grandeira coma el. Non atopei, e delas si teño memoria, as fotos que nos fixera Xurxo Lobato nunha noite de frío e viño en Lugo. O do achado de papeis parece un recurso estilístico para abarloarme ao Día das Letras, pero non o é.

O cuestionario non era precisamente moi orixinal. A primeira pregunta era a obvia: “Situación actual da poesía galega?” (actual debía ser comezos dos 80). “Hai unha certa atonía dos poetas maiores e un entrada de diversos grupos de rapaces con afán de renovación do idioma poético e das técnicas de composición. Muitos deles son poetas mozos de gran preparación e rigor en contra da simpleza dos epígonos ‘sociales’”. Aquela era a única pregunta sinxela na súa expresión. As demais, a causa da mestura de pedantería e reparo, eran máis ensarilladas. Por exemplo, inquiríalle se ía escribir máis co esta redacción: “A súa obra está circunscrita a dous libros e a unha terra, o Courel. Hai perspectivas de espallamento ou ensanchamento desas constantes?”. Uxío contestaba: “A miña incidencia no tema ‘Courel’ é indicio dunha teimosa propensión a realidade. Era un ir ó que tiña didiante. A propensión a realidade non é tendencia ó realismo. A realidade é máis ampre (amplia), abarcao todo. A Poesía é o son da integridade”.  Máis adiante desmentía un proxecto que eu lle escoitara dunha colección de relatos de ciencia-ficción. “Aquelo de escribir contos foi ventureiro. Escribín doce contos en doce días seguidos, parein e [ata] ôxe”.

Tamén tocaba un dos temas que facían aparecer sombras na súa face de oso amable. O da normativización. “Antes da unificación hai que ir a unha recoleución máis amplia do idioma popular, a unha cala máis fonda no sentido dise idioma. Mui poucos dos centos de escritores en galego posén o estilo da fala: esa rara libertá de movimentos que usa o falante verdadeiro, esa informalidá vital, ise xeito inconfundible que dá a carga histórica non desvirtuada e que dista tanto do galego riguroso, risible, que a min me ataca os nervios”. Tamén había sombra na resposta a última pregunta, “Que iba decir e non dixo, ou que quixo decir e non puido no Pedrón de Ouro”. A resposta, que daquela tachou por completo, era esta: “Dixen todo o que se me ocurriu. E volvo a recalcar que é inaceptable que periódicos diarios e radios que levan o nome a e a cabeceira de galegos non usen apenas a nosa lengua”.

A calquera que teña lido a obra de Novoneyra ou que a lea agora aguilloado por que lle dedican o Día das Letras estrañaralle que un poeta da súa calidade non teña maior recoñecemento fóra de Galicia. Penso que incluso lle estrañará a aqueles que consideran que os autores galegos están apoiados e sobrevalorados, sen pararse a pensar nunca se as figuras e as obras de Manuel Rivas ou Rosa Aneiros terían menos eco que as de Javier Marías ou Almudena Grandes se viviran en Madrid e escribiran en español, por non falar de reflexionar sobre as razóns que levaron a Suso de Toro a envaiñar a pluma. Tamén coido que é sorprendente a actualidade da entrevista (de gran parte dela). Non soamente polo que di explicitamente, senón polo que hai implícito nela. Que os poetas se teñan que seguir pronunciando sobre aspectos non literarios da lingua coa que traballan, por exemplo. E que aínda siga vixente como divisa aquel verso que escribiu hai 53 anos: “A forza do noso amor non pode ser inútil”.

(Faro de Vigo, 12/05/10, La Opinión A Coruña, 15/05/10)

Advertisements