Etiquetas

, , , ,

Non me conto entre os espectadores de La Noria, pero un amigo que foi para defender o dereito a falar noutro idioma distinto do castelán pasou o programa enteiro discutindo por diante cos outros contertulios e aturando por tras invectivas do público deste tipo: “¡Si no quieres hablar en español, vete de España, hijo de puta!”. O feito de que o Goberno mandase a este programa a un ministro, José Blanco, para explicar as medidas do axuste económico é o símbolo máis claro desas medidas (e tamén do temple do ministro de Fomento, todo hai que dicilo). Como eu non ía renunciar aos meus principios (ver La Noria) por moito que José Blanco fose facer de cristián pedagóxico no medio dos leóns, voulle tentar explicar as medidas ao meu xeito.

O primeiro son os antecedentes. A crise non xurdiu porque a xente ganaba moitos cartos e producía pouco, senón porque os gobernos e as autoridades económicas miraban para outro lado mentres os grupos financeiros trataban os cartos como se fosen de chicle. E xa se sabe que pasa cos chicles cando se sopra de máis: estoupan na cara. Estóupolles aos gobernos, que deixaron crear a burbulla inmobiliaria; ás institucións financeiras, ás que lles parecía mal que alguén entrase nun banco a pedir cambio e non a que lle deran un crédito, e aos cidadáns, que pensamos que se nolos daban, era porque eles sabían mellor ca nós que podiamos pagalos. A conclusión é que se o goberno ten unha chea de chicle na cara (un déficit público do 11% e unha débeda pública do 55% sobre o PIB), os bancos e os cidadáns españois teñen chicle ata o pescozo (a débeda privada anda polo 200% do PIB).

De todas formas, hai crises e crises (os grandes do sector financeiro ganaron en 2009 máis de 15.000 millóns de pesetas, mentres o paro sube dos catro millóns de vítimas, camiño dos cinco millóns). Pero a que lle importa ás mans nas que estamos é a do déficit público, así que o axuste defendido por Blanco en La Noria consiste sobre todo en aforrar 6.750 millóns de euros sacándollos aos funcionarios do salario e paralizando outros 6.000 millóns de investimentos públicos. É dicir, dous métodos de meter as mans nos petos da xente. Estes días circulan por medios de comunicación e redes sociais outras propostas. Retirar a exención fiscal que teñen os sorteos e loterías, e deixar en 5.000 os 25.000 asesores de libre designación que hai nas administracións españolas aforraría a mesma cantidade que lle quitarán aos funcionarios. Tamén dos gastos militares se sacarían uns cartos: os gastos previstos para os próximos anos no avión de combate Eurofighter son o dobre do que se aforrará en obra pública. Pero os funcionarios (e os pensionistas) están moito máis a man, e ademais conséguese, a maiores, o efecto de enfrontar ás vítimas entre si. O 58% da poboación apoia a medida, sen pararse a pensar que boa parte deses funcionarios son do ensino ou da medicina, sectores que ninguén sensato tocaría, e que en España hai 6,5 empregados públicos por cada 100 habitantes, mentres en Suecia son o dobre e en Dinamarca o triplo. Por certo, España é tamén dos países de Europa con menor gasto público de seu e de sempre, e se as contas van mal agora é porque hai poucos ingresos, por un lado porque hai menos actividade económica (e menos que vai haber), menos impostos e, sobre todo, moito máis fraude fiscal.

Pero imaxino que estes argumentos non son os axeitados para a audiencia de La Noria. Por iso proporía que Rajoy fose a Sálvame para explicar por que propón o mesmo ou máis e protesta como se non. E Feijoo a Supervivientes para que conte como dá zafado sen ter tomado medida ningunha contra a crise e para favorecer o emprego. Total, amolados imos estar igual, pero a amoladura estaría máis repartida.

(para sábado, 22 de maio de 2010)

Advertisements