Iso que se di sempre que o da política é como unha adicción nunca o considerei tan certo como agora en que, no medio dunha crise económica grande (pero non tanto como a política) hai xente que pide eleccións anticipadas. Digo que é unha adicción, porque, a ver que levante a man a quen lle apetece agora unhas eleccións. A quen queira que se resolva a crise!, ergue a man e a voz un no fondo. Eu non vou discutir con alguén que pensa que facendo eleccións se resolve unha crise, porque presupón que cree que as vai ganar quen cree que poda resolvela, o que non deixa de ser dous supoñeres. Pero que teña en conta que, desde que se convocan ata que se fan, e logo de aí en seis meses, está todo paralizado, posibles medidas anticrise incluídas e sobre todo, porque se xa goberno e oposición andan xa ao ralentí, o medo a meter a pata cunha convocatoria electoral á vista fará que apaguen o motor. Claro que a xente que ergue a man ten as súas razóns.

Por exemplo, Alberto Núñez Feijoo lin por aí que pediu eleccións anticipadas, e non queda outra que darlle a razón. No que el leva gobernando, entre o primeiro trimestre de 2009 e o primeiro de 2010, destruíronse en Galicia 71.400 empregos. Ou sexa, hai 71.400 ocupados menos que hai un ano, cando o candidato popular achacaba a crise á xestión de Touriño e se comprometía a amañar o asunto. Segundo debullou nun artigo o voceiro de Economía e Industria do PSdeG, Abel Losada, deses postos de traballo perdidos, a metade, 36.300, foron no sector industrial e soamente (soamente é un dicir pouco afortunado) 4.100 na construcción, o sector presuntamente máis afectado pola crise. A previsión da Consellería de Traballo de que remataría o ano cun paro do 15% cumpriuse xa nos tres primeiros meses de 2010. Os traballadores afectados por EREs subiu neste primeiro ano de Feijoo un 150% e pecharon máis de 3.000 empresas. Aproveitando ao máximo a análise de Losada, o goberno galego deixou de gastar (que non é o mesmo que aforrar, es esta consideración é miña) e a licitación en obra pública baixou espectacularmente. En resumo, Galicia ten o maior número de parados da súa historia e dera eliminado nun ano o diferencial positivo de crecemento que tiña co resto de España. Unha situación que, efectivamente, enche de razón a quen solicite que se convoquen eleccións… en Galicia. Pero habendo razóns obxectivas, hai tamén outras en contra. Unha, a que xa dixen. Se agora a Xunta (e a oposición) non fan moito coa tranquilidade que dá ter tres anos de relativo relax, xa me dirán cunhas eleccións á vista.

E sobre todo, polo que vexo que facer unhas eleccións, aquí ou alá, sería peor remedio que a enfermidade é que a crise económica quizais pase, ou non, pero a crise política é máis fonda e o que é peor, máis negada. Os que piden eleccións (alá, non aquí) fanse cruces coas referencias á economía española que veñen na prensa económica especializada.

Pero o último que realmente influíu na opinión pública europea é que España exilia ao xuíz que pretendeu investigar ao franquismo, e o último símbolo de España que se difundiu é a imaxe dun ser humano vestido dunha maneira un tanto rechamante (protagonista dun espectáculo que a presidenta da Comunidade de Madrid, entre outros, considera ben de interese cultural), ao que lle sae o corno dun touro pola boca. E iso me temo que non hai eleccións (aquí ou alá) que o amañen.

(Faro de Vigo, 26/5/10, La Opinión A Coruña, 29/5/10)

Advertisements