Etiquetas
conflicto palestino, flotilla da liberdade, Gaza, Hamas, Israel, Mavi Marmara, Oriente Medioi
A infamia do asalto israelí á flota de barcos que pretendía levar axuda humanitaria a Gaza, bloqueada desde hai catro anos, é unha demostración máis de que o peor dos conflitos, sobre todo dos armados e aínda máis dos que se alongan no tempo, non é soamente que morre xente: é que envilece a situación e fai peores aos sobrevivintes. Israel comezou sendo a única democracia na zona, un refuxio de progreso para xente perseguida longo tempo. O malo é que se fixo botando a un lado aos que alí estaban, que eran precisamente do máis civilizado da contorna, en comparación sobre todo cos seus veciños, sometidos a ditaduras políticas ou relixiosas. Despois de anos de loita e de milleiros de mortos en ningún dos lados a xente vive mellor nin máis tranquila, e nos dous estase impoñendo a marchas forzadas o fanatismo. O que foi un pobo civilizado é agora un estado que, grazas á impunidade que lle dan os seus aliados, fundamentalmente EEUU, masacra todo o que quere ou o que pode á poboación civil palestina, reforzando de paso aos máis extremistas dos seus inimigos.
O caso de Gaza é paradigmático. Alí, cando houbo eleccións, ganou Hamás, os que Israel e Occidente non querían (nin eu, se me preguntan). Hamás é un grupo considerado terrorista (e responsable de graves violacións aos dereitos humanos), pero na política es terrorista mentres non ganas (terroristas ou bandidos eran os guerrilleiros españois contra a invasión napoleónica, os norteamericanos que querían a independencia da Coroa inglesa e os mesmos israelís que loitaban por un estado en Palestina). Se ganas, pasas a ser un pai da patria. Como Hamás ganou as eleccións, en lugar de deixalos cocer na súa propia xestión, a ver se respondía ás expectativas do electorado, Israel decidiu castigar ao electorado, bloqueándoo ou bombardeándoo. E meténdose nunha espiral na que calquera acción se converte en traxedia, se busque ou non.
O ataque á “flotilla da liberdade” foi unha desas decisións. Segundo a xornalista hebrea Jana Beris, o responsable da Mariña israelí, o xeneral Eliezer Marom, instruíu aos militares antes do ataque: “A nosa intención non é chocar con ninguén nin mancar a ninguén. Non entren en conflitos nin discusións. Non reaccionen se lles cuspen, nin a insultos, nin se lles tiran un cigarro. Non entren neso”. Practicamente só temos as imaxes facilitadas polo Ministerio de Defensa de Israel, que para iso confiscaron móbiles e cámaras aos viaxeiros, pese a estar en augas internacionais, pero está claro que os asaltantes non fixeron demasiado caso desa orde, se é que se chegou a dar. Se no Mavi Marmara ían, como aseguraban os israelís, unha chea de activistas islámicos, de Hamás, de Al Qaeda e de Spectra, agachados entre xente como o escritor Henning Mankell, a premio Nobel da Paz 1976 Mairead McGuire, e parlamentarios de varios países, como mandan a catro soldados a descolgarse cunhas cordas no medio deses fanáticos ávidos de sangue? E por que hai tamén activistas feridos noutros barcos onde non houbo resistencia?
A xustificación do ataque feita por Benjamin Netanyahu, (“Lamentablemente, neste intercambio, polo menos dez persoas morreron”) é aínda menos cínica ca este titular dun xornal español: “Nueve activistas pro Hamas mueren cuando intentaban impedir violentamente el abordaje de su buque”. Netanyahu está afeito a considerar “intercambio” a loita de paus contra fusís, pero gustaríame ver a interpretación do xornal se os asaltados fosen mariñeiros e os asaltantes, piratas somalís. Os argumentos, e a exhibición dos tirapedras atopados (o modelo que hai nas tendas de souvenirs, por certo) e das bólas de xogar ao guá, recordan aqueles que empregaba o franquismo, cando os manifestantes voaban para apañar as balas que a policía disparaba ao aire.
As consecuencias inmediatas, de momento, foron que Netanyahu tivera que suspender unha viaxe a EEUU (e Aznar a presentación en París de Friends of Israel Initiative, un grupo proisraelí, facción dura), que EEUU tivera que templar gaitas na ONU outra vez e que Turquía deixe de ser o único aliado que tiña Israel na zona. Pero a medio e longo prazo serán que aumentarán as mortes, progresarán os fanatismos e cada vez todos tomarán peores decisións.
(Faro de Vigo,2/6/10- La Opinión A Coruña, 5/6/10)
Os peores conflictos armados son aqueles nos que só unha parte ten armas.
Fiquei asombrado o xoves ó meiodía ó escoitar ó inefable alcalde de Oleiros comentar a noticia dende o seu peculiar outeiro, a requerimento da xornalista da cadena Ser: nomeou non menos de dúas veces ó mito da presunta e sinistra “banca mundial controlada polos xudeus” como óbice implacable para que o resto do mundo civilizado non lle teña parado os pés ós falcóns israelíes. Non sei se algún de vostedes oíu dita intervención, pero a mín personalmente parecéume inexplicable que semellante apelación ó máis primario e noxento antisemitismo fose proferida nas ondas por un responsable público coa absoluta indiferencia da conductora do programa. Parecéume bastante sintomático do estado de cousas entre a opinión pública. Tamén me parece que o debate continuará emporcallado -e o conflito irresoluto- mentres, alén do irrefutable dereito do pobo palestino a vivir na súa terra, se siga a mesturar despreocupada e irresponsablemente antisionismo e antisemitismo (ou os seus simétricos do outro lado do espello, sionismo e xudaismo ou panxudaismo).
Unha consecuencia política importante é a que menciona Pereiro de que Turquía deixe de ser o único aliado de Israel na zona, e que busque -e logre- acordos con Brasil e China, o que leva a cambiar algunhas relacións internacionais.
O que sí non cambia é Estados Unidos. E como Estados Unidos non cambia, o seu actual portavoz -Barak Obama- non deixa de ser cómplice das matanzas israelíes igual que os anteriores portavoces. Porque presidir, presidir. Mandar, mandar, mandan os de sempre.
…eu, é que cando escoito ao meu alcalde falar, mesmo se é do tempo, métome debaixo da cama, non vaia se-lo conto….
Menos mal que (ademais de Portugal) nos fica a esperanza de que demograficamente Israel está incapacitado para ser un imperio.
E xa está ben de tanto xogar co “semitismo-antisemitismo”, que non ché é un asunto de cores senon de poderes. Acaso o poder de esmagar ó contrario (e pasarse por pelotas e ovarios as leises) depende de ter unha pel, unha relixión ou unha ideoloxía (sen poder!)?
Seica non van os comentarios?
Vaia…. levo dous días tentando enviar un comentario e véñenme rebotados. Probei co nick anterior e así funcionan…..
E que tiven un spam masivo e activei un plugin de seguridade a maiores que non debín de meter ben. Desculpas.
Nunca é tarde para ler “Fin de Século en Palestina”, de Miguel Anxo Murado, un libro no que se recollen experiencias, impresións e anécdotas dos anos que este xornalista lucense viviu en Palestina. Unha xoia altamente recomendable (se Gloria Lago visita isto,tamén hai versión en español. De nada)
Eu, particularmentem, fico co que Mustafa Barghouthi (palestino, laico e de esquerdas), ex ministro con Arafat, resumiu nunha conferencia que deu en Compostela en 2008: O que acontece en Israel é “simple y llanamente” apartheid. Se es xudeu: Nacionalidade, dereitos, territorio… E se es Palestino… Boeno, pois se es palestino, como diría miña aboa, “a foderse e a amar a Dios”.
Eu, neste conflicto, son neutral. Por iso apoio aos palestinos. Non sei se me explico…
Si, o libro de Murado está moi ben. Divertido e esclarecedor. Hai tamén un par de reportaxes de P.J. O’Rourke en Vacaciones en la guerra tamén divertidas e tamén esclarecedoras. Eu nesta cuestión estou a favor das vitimas e contra as os fanáticos, que van sendo maioría nos dous bandos.
Home, o de estar a favor das vítimas e contra os fanáticos é algo que quero pensar que se presupón a todos os que andamos a fedellar por esta páxina.
O carallo é como se concreta iso máis aló dunha declaración de intencións máis ben vaga que lembra ás da ONU ou a Unión Europea neste conflito. Moi bonitas, equidistantes e con efecto nulo.
Porque imaxinen esa frase en plena loita dura dos negros contra o apartheid en Sudáfrica, cando tamén tiñan organizacións armadas que poñían bombas e mataban a brancos (e negros) inocentes. Pois sonaría a equidistancia estilo Tatcher ou Reagan, que naquela altura negábanse a seguir o boicot internacional contra o goberno do apartheid aducindo que no outro bando (ou sexa, o dos negros) tamén se cocían fabas ¿Ou Mandela estivo preso por escreber poemas? Non, estivo no caldeiro por ser un dirixente dunha organización que practicaba a loita armada (ou terrorismo).
E, perdón polo rollo pero xa me lancei, non sei en número de fanáticos, pero no que é de vítimas,hai un desiquilibrio de moito nabo entre as dúas partes.
Apertas, noraboa polo blog e adiante con Galegolab
Entendo que falamos sobre unha base común, e que os palestinos teñen dereito a ter un estado como todo o mundo. O que quixen foi introducir máis matices que a simple e necesaria condena á agresión israelí. Coas miñas escasas habilidades con iso non enfío 600 palabras, e non quedo tranquilo se non puntualizo o máis posible. Sobre o de poñer bombas, xa me referín ao distinto raseiro que hai sobre se quen as pon ganan a guerra ou non. A diferencia entre Hamas e o Congreso Nacional Africano é que os do ANC non se metía nas crenzas dos seus simpatizantes (e desde logo, non pecaron de maximalismo). E sobre o outro fanatismo dos outros, o máis estarrecedor do conflito paréceme a imaxe deses xudeos que se xuntaban na fronteira de Gaza para aplaudir os bombardeos á poboación civil.