Etiquetas

, , , , , , , , ,

Agora vai resultar que os vellos tiñan razón. Os vellos aqueles que rosmaban que este non era xeito de vivir, e que así non se podía seguir. Os líderes europeos véñenlle dar a razón a aqueles predicadores apocalípticos que deseñaban un futuro de lume e cinza para a economía. Winston Churchill advertiu no seu día á cidadanía que chegaban tempos de sangue, suor e lágrimas. O seu sucesor, David Cameron, prometeu o mesmo e aforrou unicamente o sangue. Vivimos por riba das nosas posibilidades todos, incluído eu, a pesar dos consellos paternos de nunca deixar a deber nin comprar a prazos. Vale. Pero despois de facer os sacrificios que nos piden e os que nos impoñen, alguén nos pode asegurar que xa está? Non vai pasar outra vez iso de que o incendio provocado porque a Macroeconomía andou xogando con lume acabe carbonizando a nosa Microeconomía? Temo que non.

Cando o lume aquel queimou as cellas de todos os que se empuxaban para atizar a fogueira financeira e sacar partido dela, houbo unha chea de declaracións rimbombantes, que poderiamos resumir naquela de “Hai que refundar o capitalismo”, que proclamou alguén tan pouco sospeitoso de bolchevismo como Nicolas Sarkozy.

Confeso que mesmo pensei que algo farían. Non falo xa de coutar os paraísos fiscais, eses tumores do sistema económico que parecen non molestar a ninguén, nin impoñer a taxa Tobin aos movementos de capital. Falo de facer algo, aínda que sexa facer que fan. E nada. Unha nova pantasma percorre Europa: en Alemaña, Angela Merkel asegura que a anunciada taxa aos bancos para crear un fondo por se hai que socorrelos outra vez se poñerá en marcha… en 2012. Aquí o PSOE lanza ameazas tan veladas como vagas de que subirá os impostos aos “ricos” (sen concretar quen son os “ricos”). Máis aquí, o partido anteriormente coñecido como PP (agora PTD, Partido de los Trabajadores y los Débiles) négase no Parlamento e fóra del a incrementar o tramo autonómico do IRPF aos salarios de máis de 100.000 euros.

Mentres se escoitan os ecos desa pantasma da Macroeconomía, os gobernos aferrollan aos que poden: os seus propios empregados, que non siquera poden argumentar incumprimento do convenio colectivo. Merkel anuncia que reducirá 15.000 funcionarios (e aquí non se conta que o fará non repoñendo as xubilacións), pero tamén 40.000 soldados, e que baixarán as prestacións sociais (os 1.800 euros por fillo quedarán en 1.200). Aquí, o goberno socialdemócrata nin siquera dá algunha de area entre tanta de cal como decreta. A folga dos funcionarios foi máis que mediocre, pero os que a secundaron, fose o 10 ou o 60%, son uns heroes. A maiores dos 100 ou 150 euros que cobrarán de menos o mes que ven, escolleron deixar de cobrar outros 50 ou 100 en sinal de protesta. E fixérono coa maioría da opinión pública en contra, que considera que, xa que hai tanto cego, está ben que aos choscos lles quiten un ollo. Xa pasou cando a reconversión naval, aquel traballo sucio que fixo outro goberno socialdemócrata, que concitou o apoio calado e cómplice da oposición e o máis estentóreo de quen acusaba aos reconvertidos de merecelo, por ganar de máis.

En resumo, no que respecta aos gobernos –socialdemócratas, conservadores ou PTD- está claro que non están aí para gobernar, senón para demostrar ante quen realmente manda as súas dotes de inflexibles xefes de persoal. “Estimular a confianza dos mercados”, chámase esa figura. E no que respecta á cidadanía, cando os xigantes financeiros abalaron non nos preocupamos porque a nós non nos afectaba directamente. Tampouco nos preocupamos cando houbo que inxectar liquidez no sistema bancario, porque os cartos eran do Estado. Agora veñen polos funcionarios e polos pensionistas, pero non pasa nada porque non somos empregados do Estado, nin vellos. Xa saben como sigue o conto.

(La Opinión de A Coruña, 12/6/2010)

Advertisements