Etiquetas
Cameron, crise, economía, funcionarios, Merkel, PP, PSOE, recortes sociais, reforma laboral, UE
Agora vai resultar que os vellos tiñan razón. Os vellos aqueles que rosmaban que este non era xeito de vivir, e que así non se podía seguir. Os líderes europeos véñenlle dar a razón a aqueles predicadores apocalípticos que deseñaban un futuro de lume e cinza para a economía. Winston Churchill advertiu no seu día á cidadanía que chegaban tempos de sangue, suor e lágrimas. O seu sucesor, David Cameron, prometeu o mesmo e aforrou unicamente o sangue. Vivimos por riba das nosas posibilidades todos, incluído eu, a pesar dos consellos paternos de nunca deixar a deber nin comprar a prazos. Vale. Pero despois de facer os sacrificios que nos piden e os que nos impoñen, alguén nos pode asegurar que xa está? Non vai pasar outra vez iso de que o incendio provocado porque a Macroeconomía andou xogando con lume acabe carbonizando a nosa Microeconomía? Temo que non.
Cando o lume aquel queimou as cellas de todos os que se empuxaban para atizar a fogueira financeira e sacar partido dela, houbo unha chea de declaracións rimbombantes, que poderiamos resumir naquela de “Hai que refundar o capitalismo”, que proclamou alguén tan pouco sospeitoso de bolchevismo como Nicolas Sarkozy.
Confeso que mesmo pensei que algo farían. Non falo xa de coutar os paraísos fiscais, eses tumores do sistema económico que parecen non molestar a ninguén, nin impoñer a taxa Tobin aos movementos de capital. Falo de facer algo, aínda que sexa facer que fan. E nada. Unha nova pantasma percorre Europa: en Alemaña, Angela Merkel asegura que a anunciada taxa aos bancos para crear un fondo por se hai que socorrelos outra vez se poñerá en marcha… en 2012. Aquí o PSOE lanza ameazas tan veladas como vagas de que subirá os impostos aos “ricos” (sen concretar quen son os “ricos”). Máis aquí, o partido anteriormente coñecido como PP (agora PTD, Partido de los Trabajadores y los Débiles) négase no Parlamento e fóra del a incrementar o tramo autonómico do IRPF aos salarios de máis de 100.000 euros.
Mentres se escoitan os ecos desa pantasma da Macroeconomía, os gobernos aferrollan aos que poden: os seus propios empregados, que non siquera poden argumentar incumprimento do convenio colectivo. Merkel anuncia que reducirá 15.000 funcionarios (e aquí non se conta que o fará non repoñendo as xubilacións), pero tamén 40.000 soldados, e que baixarán as prestacións sociais (os 1.800 euros por fillo quedarán en 1.200). Aquí, o goberno socialdemócrata nin siquera dá algunha de area entre tanta de cal como decreta. A folga dos funcionarios foi máis que mediocre, pero os que a secundaron, fose o 10 ou o 60%, son uns heroes. A maiores dos 100 ou 150 euros que cobrarán de menos o mes que ven, escolleron deixar de cobrar outros 50 ou 100 en sinal de protesta. E fixérono coa maioría da opinión pública en contra, que considera que, xa que hai tanto cego, está ben que aos choscos lles quiten un ollo. Xa pasou cando a reconversión naval, aquel traballo sucio que fixo outro goberno socialdemócrata, que concitou o apoio calado e cómplice da oposición e o máis estentóreo de quen acusaba aos reconvertidos de merecelo, por ganar de máis.
En resumo, no que respecta aos gobernos –socialdemócratas, conservadores ou PTD- está claro que non están aí para gobernar, senón para demostrar ante quen realmente manda as súas dotes de inflexibles xefes de persoal. “Estimular a confianza dos mercados”, chámase esa figura. E no que respecta á cidadanía, cando os xigantes financeiros abalaron non nos preocupamos porque a nós non nos afectaba directamente. Tampouco nos preocupamos cando houbo que inxectar liquidez no sistema bancario, porque os cartos eran do Estado. Agora veñen polos funcionarios e polos pensionistas, pero non pasa nada porque non somos empregados do Estado, nin vellos. Xa saben como sigue o conto.
(La Opinión de A Coruña, 12/6/2010)
Agora veñen as dores de cabeza. Resaca chámanlle a isto…
Saúdos
Un pouco tarde, pero quero amosar a miña discrepancia (moita) cun aspecto do artigo no tocante ó “funcionaribus corporation”:
1) Dubido que o señor Larra fose autor de “negras lendas”.
2) Dubido que entre comunistas, homosexuais e xudeus teña moita cabida a palabra funcionarios.E aínda contando que hai comunistas, homosexuais e xudeus que teñen moito que rascar, pero esperando ós “funcionarios” nazis…
Neses anos que vivimos estupendamente, hai para min una mostra de por onde nos metían o calote, que non sei se compartirá vostede conmigo. Nun ano disparouse o precio dos cereais, e a culpa botáronlla á demanda dos países emerxentes e os biocombustibles. Ó ano seguinte o precio dos cereais caiu, pero disparouse o do petróleo, e a culpa foi outra vez para a demanda dos países emerxentes (que deberan de pasar a facer o pan de poliestireno expandido, digo eu), e dos biocombustibles nin se falou máis. No ano tres do timeline, acontecen dúas cousas simultáneamente: o precio do petróleo caiu de golpe e descubriuse que se deran créditos que non se cobrarían porque se investiran en valores con un precio inflado coma… as vivendas dos negros “NINJA”.
Lamento moito que o seu gremio aínda non fixese unha autocrítica sobre a falla de análise das informacións que se deron durante a burbulla, nin na súa detonación, ou de cómo fixeron de amplificadores das cortinas de fume… ou da presión que fixeron, en España, para que moitos da miña xeración se endeudaran ata o século XXII con aquela moda de que os novos non se daban independizado.
Estimado Míguez, está a profesión como para parar calotes. O dos biocombustibles tivo unha vida breve, pero houbo dous máis graves. O dos plans de pensións privados, que houbo unha auténtica epidemia de gurús económicos proclamándoos -non deron nin unha, e os plans sons ruinosos na súa maioría, como xa escribín nalgures- e no que se refire ao da vivenda para a xente nova, tamén dixen -na TVG, pero penso que non o escribín- por que razón uns mozos de vinte e pico anos teñen que ter un piso en propiedade (do banco). Eu vivin de aluguer ata case os corenta, e non estás atado a vivir no mesmo sitio e cos mesmos veciños. Outra cousa é que o aluguer fiscalmente estea penado, e economicamente nos ultimos anos fose unha alternativa ruinosa.
Quen ou que demo son esas criaturas ás que chaman “mercados”? Está claro que mandan neste planeta máis ca todos os gobernos xuntos.
Non serán alieníxenas que invadiron a Terra?
Non será que a famosa emisión radiofónica do mozo Orson Wells era verídica e despois os mesmos invasores a fixeron pasar por ficción?
De non ser así, se son terrícolas, como poderíamos envialos a outro mundo para que nos deixaran vivir en paz neste?