Este tipo que lles escribe ganou sempre os garavanzos facendo o que lle mandan o mellor que sei. E o que me mandaban incluíu en moitas ocasións o que se chama “seguimento electoral”. É dicir, facer a información da campaña dun partido para poñer a un señor ou señores (tamén señoras) en sitios variados, nomeadamente corporacións ou parlamentos. Como todo, por una parte era canso –aínda que a prazo fixo, quince días, máis a noite electoral e a maiores a resaca- e por outra tiña os seus aspectos divertidos. A miña primeira vez foi cando os resultados saían ás tantas da mañá e había que ditalos por teléfono (“Covelo: AP, 1.876. PSdeG, 252”). Logo fíxeno a mor parte das veces para un medio público, e esa circunstancia non afectaba á porcentaxe de diversión, pero canso era considerablemente máis canso. Porque ademais de ter que escoitar os discursos (en realidade O Discurso), tiña que contarllos á audiencia como se fosen noticia, é dicir novidades, e cronometrando o tempo. Ou sexa que estaría en contra dese proxecto dos partidos maioritarios de facer obrigatorios os bloques electorais nas televisións privadas aínda que soamente fose por esa experiencia persoal.
No que coinciden PSOE, PP e parece ser que PNV, CiU e IU é en que “os requisitos de pluralidade, neutralidade informativa e proporcionalidade que a Xunta Electoral Central aplica a RTVE durante as campañas electorais” obriguen tamén ás demais, que deberán incluír ao final dos seus informativos un bloque específico sobre a campaña electoral que haberá de respectar escrupulosamente, como agora fan as públicas, o tempo dedicado a cada formación política en función da súa representación parlamentaria. O proxecto ampárase en que as cadeas privadas son empresas, pero xestionan mediante concesión un servizo público (por iso vostedes e eu non podemos ter unha televisión, aínda que nos apetecera). A cousa parece bonita -quitando que tanta coincidencia induce xa a sospeitar- pero non o é. Non o é porque o que as xuntas electorais non salvagardan en RTVE e no resto das RTVs públicas os criterios de pluralidade, neutralidade e proporcionalidade, senón que aseguran e controlan un reparto dun tempo de propaganda disfrazada de información. Non me refiro a eses tempos de propagan de balde onde saen partidos paveros, senón á parte que os informativos máis ou menos serios que van quedando dedican á política en tempo de eleccións.
De entrada, xa é discutible que se asignen tempos segundo os resultados das eleccións anteriores (ou sexa, que fair play, pouco), pero dado que eses espazos están ademais controlados por organismos –as xuntas electorais- que non teñen idea ningunha do que é a información e como se produce, nin teñen por que tela, o resultado é que o único que está garantido é que os partidos teñan un espazo informativo asegurado, produzan ou non información, haxa ou non noticia. E xa que a cousa está repartida asépticamente, o que se di ten que ser positivo, claro. E por se alguén ten a tentación de reflectir a actualidade, e non os desexos do cliente, os partidos maioritarios colleron o costume –ímoslle chamar costume- de gravar eles os seus propios actos e de prohibir a entrada de cámaras que non sexan as propias. Así que esa información neutral, plural e proporcional convértese en videoclips promocionais nos que a voz en off dun xornalista disfraza o produto de información. Iso é o que pasa nos medios públicos, e o que se proxecta que vaia pasar nos outros. Eu entendo o mosqueo das televisións privadas –ben, das xeneralistas, non penso que vaian meter mitins de Rajoy intercalados nas series de Calle 13 ou intervencións de Zapatero no medio de reportaxes de Canal Historia- porque en realidade estanlles impoñendo que emitan publicidade política de balde. Se queren que haxa información, déixenlla facer libremente, nos medios públicos e nos privados, aos que a fan como mellor saben.
(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo)
“as cadeas privadas son empresas, pero xestionan mediante concesión un servizo público (por iso vostedes e eu non podemos ter unha televisión, aínda que nos apetecera)”
E logo por que non podemos?
Concordo co alegato a favor da liberdade de prensa, pero esa parte rompe un pouco a filosofia de liberdade, non?
Moi boa Sak…
Teño gañas de seguir unha campaña electoral en Intereconomía, (por poñer un exemplo)…
A ver. Permítanme interpretar as verbas do Pereiro. Non podemos telas porque os que entramos aquí,non somos millonarios (se hai algún que o diga, que está ben falar con alguén a quen pedirlle un préstamo). Ademáis duns cen millóns de euros, deberíamos ter un amigo presidente ao que ofrecerlle a eternidade no posto, axudándolle a gañar eleccións e todo o que pida. Ou ter unha escopeta mediática tan grande e forte que non lle deixemos outra elección. Así se faría unha restructuración das ondas e ¡tocaríanos unha!. Pero podemos decir moi alto que temos direito. Non faltaría mais.
Efectivamente, M16, legalmente podemos facer un periódico (aínda que tamén necesitariamos ser millonarios), pero non ter unha emisora de radio ou TV. Claro que en internet podemos ter o que queremos. De momento.
Precisamente M16, habitualmente non escoito nin alto nin baixo que o da asignación de frecuencias de radio e televisión é un escándalo que fai por moitas aspas a iso da “liberdade de prensa”.
Para montar unha TV hai que ser millonario, para montar unha radio non e ademáis sobra espectro radioeléctrico para montala.