Etiquetas

, , , , ,

Permítanme un desafogo persoal. Cada estou máis desanimado cando me vexo na obriga moral de comentarlles cousas que considero que debe comentarlles. Falo dos debates parlamentarios cruciais e decisivos para o estado da nación ganadora da Copa Mundial de Fútbol. E aos protagonistas, pese a que no envite lles vai algo aínda máis que o soldo, tampouco é que se lles vexa moi animados, tal e como se comportan nel. Sinceramente, dos debates dos que levo falado –non vou ser tan hipócrita como para dicir que aturado- non vin outro tan comentado, e que tan decepcionados deixou aos que o seguiron.


Teño que evidenciar a miña desgana cun dato real: tiña as suficientes escusas para non velo que non reaccionei ata que me asaltou nun bar a intervención de Rosa Díez, esa política profesional –no senso máis pexorativa do concepto- que vende ser exactamente o contrario, tentando compensar cunha sobredose de demagoxia o feito de que non é a Sara Carbonero (famosa, cunha profesión  e estreitamente relacionada cun símbolo de España). Así que me resignei a seguir como podía o resto do debate e as análises pertinentes. A conclusión que saquei é que os líderes políticos, como lle escoitei a un veterano parlamentario do PP, todos van ao seu, menos eu que vou ao meu. Porque do que se trataba era de debater de cómo lle vai ao país (esa é a definición de España na que maioritariamente se recoñecen os españois, segundo a última enquisa do CIS), non como lle vai a eles, e foi ao contrario.

Nun resumo que recoñezo que é demasiado resumir, pero verídico, Zapatero consumiu varias horas en dicir isto: “Si, facémolo mal. Non nos sae mellor, pero é o que hai. Se antes non fixemos o que tiñamos que facer é porque non nos mandaran facelo, pero vostedes criticábanme antes porque non o facía e agora porque o facemos, pero farían o mesmo que facemos nós”. O discurso de Rajoy é aínda máis sintetizable, sen saírse da verdade: “Todos sabemos que a cousa está mal. Non tanto como me gustaría, pero mal. E a culpa é súa, sr Zapatero, e para que se amañe chega con que se vaia. Así que ahuecando, e rapidiño, que me estou perdendo o Tour”. Nin sequera hai debate ideolóxico. Por exemplo: o que o Goberno fai e a oposición faría aínda que non o diga é o que manda o Mercado. Por qué? Hai outra alternativa? Se hai que facer o que mandan, ¿qué é o que se debate?, a prontitude en obedecer?, se hai que poñer -con perdón- a vaselina ou tentar remitirlles a factura por se lles desgrava? Mentres as súas señorías se esgotan en reiterar o obvio, pasan desapercibidos feitos como que os 3.000 caraduras fiscais españois descubertos por casualidade soamente nun banco, o HSBC, defraudaron un total de 2.600 millóns de euros (por se as cifras marean: 6.700 millóns é o que se aforrará o Estado coa rebaixa do soldo aos funcionarios. 1.600 millóns coa conxelación das pensións). Nin o Partido Socialista Obrero Español nin o Partido Popular (de los Trabajadores) sacaron a relucir o dato, aínda que fose coa intención populista de denunciar aos que agachan os beneficios mentres ás velliñas lles conxelan o salario miserable que reciben. Algunha das súas señorías, ou amigos coñecidos, figura nesa lista de delincuentes que, entre outros privilexios, gozan do anonimato?  Soamente se me ocorre reiterar o que dicía a miña aboa Balbina cando os vía pola televisión: “Parece que se matan a logo son todos moi amigos”.

En definitiva, máis que pais da patria temos cuñados da patria. Eses que se che presentan na casa para pedirche as ferramentas ou o coche, aos que lle hai que aturar as manías nas ceas de Nadal e as borracheiras nas festas familiares, e todo porque a túa irmá ou o teu irmán casou con eles, e mira que llo advertiches.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo)

Advertisements