Etiquetas

, , , ,

Non son precisamente un experto no mercado laboral, fóra da miña experiencia persoal e de varias alleas, e dalgunhas lecturas pilladas de aquí e de acolá. Pero xa o imaxinan e se soamente lles escribise do que son máis ou menos experto, seguramente os aburriría. Así que permítanme que comparta con vostedes as miñas dúbidas sobre a reforma laboral na que estamos inmersos, e tamén unha intuición: a tal reforma parécese moito ao mítico concurso de Televisión Española e da televisión española, que reinou nas pantallas de 1972 a 2004: Un, dos, tres… responda otra vez.

Entre o pouco que entendo está a necesidade de facer unha reforma laboral. O mercado de traballo en España é asimétrico, ríxido, desigual, barullento e notoriamente inxusto, por apuntar algo. Éo desde hai anos e pretender modificalo no medio dunha crise é indicativo diso tan español de non afrontar os problemas, por moito que se saiba da súa existencia, pero en fin. Entre o moito que non entendo está que se dea por sentado que despedir é caro e difícil. Se fose así, digo eu que non habería tantos parados. Si que é caro e difícil nalgúns casos, e doado e de balde na maioría (empezando porque aquí o 25%, dos contratos son temporais, que se despiden sos, mentres a media en Europa é do 13%). O que si posiblemente pasa é que moitas empresas non despiden a quen queren, incluso a quen o merece, senón a quen poden. Tampouco entendo como a reforma que vén de aprobar o Congreso (é dicir, os socialistas, con CiU e PNV facendo a vista gorda) e que se sancionará definitivamente en setembro despois de sestear agosto no Senado, teña como “finalidad fundamental evitar despidos”, segundo argumentou Zapatero. Obxectivamente facilítaos, e mesmo os subvenciona (a oito dos 20 días de indemnización invita o Estado). A miña ignorancia é tanta que tampouco albisco como se pode vender como unha causa obxectiva de despedimento que a empresa prevea que pode ter perdas ou “disminución persistente de su nivel de ingresos, que puedan afectar a su viabilidad o a su capacidad de mantener el volumen de empleo”, segundo o texto aprobado. Ou sexa, por un lado pódese despedir para manter o volume de emprego e por outro, como a procedencia ou improcedencia dos despedimentos seguirán dependendo dun  xuíz (“hay plena tutela judicial”, en palabras do presidente do Goberno) agora os maxistrados do social, a maiores de ver como un caso cadra na normativa laboral, deberán comprobar obxectivamente a economía real dunha empresa e saber de sinerxías, fluidez de stocks, economías de escala, ebitda e tutti cuanti.

Todas estas son algunhas das cousas que non entendo. Si comprendo que así, como revelou Zapatero, teremos a “confianza de los mercados” (recoñecendo conscientemente ou inconscientemente quen manda en realidade). Ou sexa –e aquí vai a intuición- o presidente do Goberno asume como decisións propias o que lle mandan, e compórtase como Kiko Ledgard cando se dirixía aos concursantes con informacións ambiguas sobre o contido dos regalos: “Yo nunca miento. Puedo callarme, puedo no decir toda la verdad, pero como presentador del Un, dos, tres no puedo mentir”. A min, cada vez que se pronuncia sobre reformas imprescindibles, paréceme escoitar aquela frase de Mayra Gómez Kemp aos concursantes, desvelando a medias o contido das tarxetas: “Y hasta aquí puedo leer”. E coincidirán en que a actitude de Rajoy está directamente inspirada na mecánica do concurso: soamente coñeceremos que contén o seu paquete de reformas se nos quedamos con el, é dicir, saberemos o que hai dentro unicamente se o escollemos como presidente.

A algúns poderalle parecer frívolo que un asunto tan serio me recorde a un concurso con coches e apartamentos en Torrevieja (Alicante). Teñen razón. Ao que de verdade se me parece é a outra creación de Narciso Ibáñez Serrador: Historias para no dormir.

(La Opinión de A Coruña, 7 de agosto de 2010)

Advertisements