Etiquetas

, ,

Por moitas jeremiadas que proclamen determinados predicadores, ou Rajoy cando se pon estupendo, o drama real de España, e non outro, é que a pouco que rasques, sae a caspa. A cousa vén de vello e reactualízase permanentemente, e se non, pensen no circo Michelle Obama. Durante a segunda metade do século XX, mentres no mundo civilizado, particularmente en Europa, se formaba a primeira sociedade na que as vantaxes da modernidade, incluída a cultura, se poñían ao alcance da maioría, España era un cuartel no que, como moito, unha parte da poboación tiña pase pernocta. Por aí fóra xurdían os Beatles, o pop, o rock, o Mini e o chamado amor libre (as relacións sexuais entre adultos sen máis requilorios que o mutuo acordo). Aquí había que agardar meses por un 600, Mi jaca e Soy minero campaban en todas as radios durante anos e o único reto de apareamento permitido eran os paseos pola na rúa, na que as mulleres ían por un lado e os homes por outro. Os turistas que, aos poucos, foron vindo, máis que unha viaxe física acometían unha viaxe no tempo.

Todo iso rematou formalmente nos anos 80, cando a xente, entusiasticamente secundada polas autoridades (ou viceversa) se apuntou a modernidade en todos os aspectos. Os artistas plásticos expoñían por aí adiante e os estranxeiros viñan aquí a concertos. No 92, as Olimpiadas de Barcelona e mesmo a Expo de Sevilla (neste caso, esquecendo o que custou) simbolizaron esa época. A voda de Paquirri e a Pantoja parecía un estertor da caspa. Ilusos.

Todo era un verniz superficial, como revelou en todo o seu esplendor a celebración do Campionato Mundial de Fútbol, Manolo Escobar rehidratado incluído. Agora, a visita da primeira dama mundial, acompañada da primeira filla pequena, revelou todo o pailanismo que atesouran as diversas clases dirixentes e a devoción pola superioridade que caracteriza ao pueblo llano. Entendo que as autoridades estean encantadas coa visita case presidencial, sobre todo se é certo iso o que di unha empresa de medición de audiencias, que estima que motivou 777 noticias en medios impresos (778 con esta que están lendo), 346 nas televisións e 300 na radio, que en conxunto valerían 19,3 millóns de euros, dos que á prensa lles corresponden 4,6 millóns (5912,20 € de media por noticia, cifra que penso poñer en coñecemento da administración deste xornal por se teñen a ben compensar a miña contribución). Segundo outra empresa, os 50.000 impactos na prensa internacional deses seis días de vacacións teñen un valor estimado en 800 millóns de euros. En todo caso, agardo que as autoridades locais marbellís non fagan como os seus antecesores e non aproveiten o tirón para estafarnos a todos os contribuíntes (ter, entre outros pufos, unha débeda de 300 millóns con Facenda é estafarnos a todos).

Pero sobre todo, resulta conmovedor o entusiasmo da xente, desde aqueles aos que deben unha rebaixa do salario a un telefonazo do esposo da veraneante ilustre ao presidente español, á jet que se mataba por ter calquera roce coa comitiva ou facer sospeitar que o tivo. A que se aglomera para inmortalizala na cámara do móbil, berrarlle o contenta que está de respirar o mesmo aire que alguén que sae tanto na televisión e que devora útiles informacións como que os cuartos (30) que ocuparon no hotel custan entre 250 e 6.000 euros por noite, e que menos porque estaban equipados con sabas de algodón exipcio de 400 fíos. A mesma que, imaxino, non acaba de entender como a presidenta consorte non pode aceptar regalos, e que se poñería como unha hidra se a muller de Zapatero fixera un desembarco similar, aínda que fose en pequeno, nunha praia do Caribe. En resumo, que a única evolución desde aquel ¡Vivan las caenas! e que agora as caenas son de Cartier.

(Faro de Vigo, 13/08/10, La Opinión de A Coruña, 14/08/10)

Advertisements