Etiquetas
Os desastres retratan sempre dous aspectos, tanto da cidadanía como das administracións: os sistemas de prevención ou de resposta, e a actitude. No caso do Prestige, a cidadanía pasou o exame con nota máis que alta, e as administracións suspenderon clamorosamente. No que respecta á capacidade de prever o desastre ou de remedialo, os gobernos galego e central foron unha calamidade, como lle pasou aos anteriores que se viron neses fregados. Pero no que acadaron as máis altas cotas da miseria foi na actitude: primeiro na de pretender agachar a traxedia, e logo na de embestir contra os que a denunciaban. No dos incendios forestais, a cidadanía non saca tan boa nota, e a administración –a Xunta, a quen lle corresponde o problema- non só suspende en eficacia, como é tradicional, senón que volve ás andadas na actitude: a de pretender ocultar a realidade.
En calquera democracia occidental como a que pretendemos ser, os datos das administracións –con moi poucas excepcións- están a disposición dos cidadáns, e por suposto, dos medios de comunicación. No Reino Unido, calquera pode comprobar en internet o uso concreto que lle dan aos cartos cos que contribúe. Aquí, tanto os datos como as interpretacións flúen de maneira unidireccional: as administracións facilitan os que lle peta, e cando lle peta, e ese proxecto de lei que anunciou o Goberno central moito me temo que acabará sendo unha normativa máis desas que se cumpre cando lle presta a autoridade. Calquera intento por parte dun xornalista de obter datos das administracións, fóra dos que teñen a ben difundir, ten que superar os filtros da boa disposición e/ou das instrucións que teñen os gabinetes de prensa.
No caso dos incendios forestais, argumentar a restrición dos datos, como argumentou a Xunta, en que a súa difusión pode constituír un “efecto chamada” é, de entrada, confundir a xestión dos datos coa súa propiedade. Pola mesma razón, tamén se poden reservar as cifras de delitos ou as do paro, porque animarían a delinquir e meterían medo na cidadanía, ou suporían un estímulo para os despedimentos e un factor de desánimo á hora de procurar traballo. E de saída, pretender manter na inopia á xente sobre o que realmente pasa é renunciar a unha das mellores ferramentas que hai contra esa lacra: a concienciación e a colaboración cidadá. E tamén un engano ou un erro de vulto sobre as causas dos incendios: quen prende o monte non son, na súa inmensa maioría, pirómanos (os que padecen unha tendencia patolóxica á provocación de incendios) ávidos consumidores de información, senón individuos que sacan desa actividade un beneficio, sexa inmobiliario ou madeireiro, vingarse de alguén ou poñer ao descuberto os marcos das súas propiedades.
A dos incendios forestais é unha lacra cun orixe concreto. Nos comezos dos anos 70, cando o monte empezou a deixar de ter un valor económico e o Estado expropiou os montes comunais para repoboacións sen contar cos seus propietarios. Desde entón, os sucesivos gobernos galegos pouco fixeron por atacar as orixes do problema. Esta, o único que fixo foi eliminar os intentos da anterior. O de habilitar as axudas para limpar o monte a mediados de agosto sería cómico se non fose tráxico. Os sucesivos gobernos centráronse nos métodos de extinción, con escasos resultados polo xeral. Esta fracasou miserablemente. Miserablemente en todos os sentidos: “con nosotros no había muertos”, dixo o daquela candidato a presidente Alberto Núñez Feijoo cando faleceron dúas persoas atrapadas nunha estrada. Unha declaración ignominiosa, é ademais unha mentira, porque sempre houbo mortos (pilotos de avións de extinción, vellos que tentaban apagar lumes). Agora, as vítimas do lume formaban parte dun operativo disposto polo seu goberno.
Non é ningunha novidade afirmar que a actual Xunta, máis que un Goberno, é unha xestoría. O manexo dos incendios demostra que ademais é unha xestoría que perde os papeis.
(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, 21 de agosto de 2010)
Estivo vostede especialmente duro esta vez, xefe. É o que ten a verdade, que a veces… é dura. E a memoria, e a consecuencia, e a sinceridade… esas cousas tan escasas en certas instancias.
Na miña humilde opinión, habería que facer dúas cousas para acabar cos lumes. Unha sinxela e aplicable tamén noutros eidos: que a xestión dos recursos, tanto no tocante ó coidado dos montes como na extinción, non estea en mans de cargos políticos. A outra é máis difícil: cortar todas as vías polas que os incendios lle poidan resultar beneficiosos a determinados sectores ou actividades (especulación inmobiliaria, industria madeireira, etc.)
Si, estou perdendo o sentido do humor…
Eu engadiría unha terceira vía (carai, como soa!). A educación necesaria para evitar que se peguen tiros por “quítame de aí o marco” ou “cághome na túa nai, que che é máis hetaira que a miña”…
Pingback: X. M. Pereiro: 'O lume queima algo máis que o monte'
Non concordo con F. Míguez no relativo as causas dos lumes. Pode que algún incendio puntual (no presente e en Galiza) teña intereses inmobiliarios ou madeireiros pero non son demasiados. Un terreo forestal que arde non pode ser recalificado e unha árbore queimada non serve nin para facer pasta de papel nin como material de construcción.
Na meirande parte dos casos o lume é provocado para “limpar” leiras ou para crear pasto para o gando. O que sucede é que é máis sinxelo crer na maldade intrínseca de construtoras e papeleiras que botar a culpa enriba do “campesiñado”.
De todos xeitos, Pereiro leva razón, o único xeito de parar isto e facer que o monte teña valor económico. E quizais ir rematando coas comunidades de montes non sería unha mala cousa
1.- Cómpre diferenciar entre “causa” e “orixe”. E a causa dos lumes é o estado do monte. O monte arde porque esta petado de materia combustíbel, fai unha calor que nindiola e sopra nordés.
2.- A madeira queimada non serve para pasta? Depende de ao que lle chamemos “queimada”.
3.- Antes de lle botar a “culpa” a ninguén convén estarmos seguros do que falamos, por exemplo: coñecer se unha área queimada ten perspectiva de ser utilizada para pasto ou se esa mesma área ten algún tipo de uso agrícola, que sería o que propiciaría a limpeza ou a roza. E na maioría dos casos vai ser que non.
4.- Nás áreas de maior incidencia de lumes nestes últimos anos, precisamente os que zafaron foron os montes veciñais. Os que arden son os montes abandoados, sen dividir e nos que hai que entran co bulldozer.
5.-Tan tópicos son uns tópicos (haiche moito terrorista forestal e é unha conspiración) coma os outros tópicos (a culpa do lume é do paisano que é moi cabrón e non ten respeito ningún pola paisaxe da que tanto gostan os urbanitas).
Presenciei varios incendios na zona de Oia, uns da outra catástrofe e outro agora nesta agosto. Unha cousa que chama a atención é o pasotismo dos paisanos (algúns donos dos montes) Uns simplemente permanecen tan tranquilos á porta da casa a ver se se da apagado, outros acoden a toda presa pero non para apagar ou axudar, senón para mirar, facer fotos e criticar ós das brigadas(dos que hai moito que falar) so un par de veciños acudiron con material digno para axudar. Estou falando de xente que se criou no monte e agora din que xa se encargan as brigadas.