Vaia por diante que lle estou moi agradecido á xente que tivo en consideración o meu texto “Dejen de marear el gallego” (título orixinal da columna, como comentei en facebook), que como me temía, provocou unha reacción que cabería cualificar como de choque anafiláctico, cando eu pretendía máis ou menos o contrario. Non que non se lera, claro. O cerne da cousa era sustentar que, nun momento en que hai sectores sociais galegos (para matalos, pero galegos) que están pasando dunha actitude morna ou de indiferenza sobre o idioma, a unha belixerante en contra, elevar a polémica pública o debate filolóxico é contraproducente para o idioma. Que poñer o foco de atención na corrección ou incorrección do galego que se fala (que como lle pasa a todos os idiomas, non é o standard culto, ou iso me explicaron hai tempo coa distinción entre “lingua” e “fala”, ou máis exactamente entre “lengua” y “habla”) desanima a moitos galegofalantes (neo ou paleo), por moito que acelere o pulso dos galegofalantes militantes (non menos reais, pero moito máis escasos) e dálle argumentos ao inimigo (vexan o famoso Papel que a FAES, lle dedicou ao asunto, se é posible sen proporcionarlle demasiadas entradas). No fondo era, co estilo demagóxico que me caracteriza (segundo algúns que agora parecen advertilo, e non antes) un alegato contra o “secuestro” (é un dicir, xa saben) do idioma polos filólogos. Se eles se queixan da perda de calidade do idioma falado, recomendaríalles que revisasen a trabe que posiblemente estea obstaculizando a súa visión á hora de comunicar.

Non era, pois, unha reivindicación dunha opción lingüística concreta, por moito que a teña, senón un chamamento a que hai que pensar en sumar, e non en etiquetar. Pensei que o delicado da situación do galego (como ven, son dos apocalípticos, aínda que me encanta escoitar os argumentos dos integrados, dos que din non vai tan mal a cousa) amortecería o resorte que dispara nestes casos a Lei de Berto. Saíume como o nabo, obviamente. Paseino moi ben lendo a maioría dos comentarios (e, se me permiten o chiste, citarei ao meu admirado Bierce, que definía a discusión como o método de confirmar aos demais nos seus erros). Houbo quen se confesou decepcionado, e sentíndoo de verdade, teño que dicir que a culpa é máis súa que miña, porque en realidade eu xa antes non estaba á altura na que me tiña. E houbo quen me acusou –en realidade varios, coincidindo en cualificativos e en argumentacións- de basearme en “preconceitos”. Seríam, en todo caso, “posconceitos”, porque a miña relación co idioma, afectos persoais aparte, é profesional, cunha ferramenta moi querida durante décadas, que en ocasións tiven que relear para poder utilizar, e que necesito ter sempre afiada desde hai tempo. Ben para obter a confianza dalgunha xente en circunstancias non propicias, ben para contarlle a moito máis persoal o que considero que lle teño que contar e como llo teño que contar. A miña relación co idioma, e a miña opción persoal non é, pois, o resultado dun enriquecedor debate no seo do correspondente departamento de filoloxía, nin tampouco un símbolo de orgullo patriótico que enarborar entre compañeiros de militancia na lingua.

Díxeno e reitéroo, a risco de meterme en sarillos, porque non dependo da aceptación do público (non penso emprender unha carreira política, ou literaria, nin liderar nada), e xa son maior para aprender as virtudes de calar o que realmente penso, e penso que debo dicir. Pero esta é a miña última intervención sobre o tema, porque, sinceramente, o mellor de debate foron os off topics, e porque, como dicía Churchill, unha boa conversación debe esgotar o tema, non aos interlocutores.

Advertisements