Vaia por diante que lle estou moi agradecido á xente que tivo en consideración o meu texto “Dejen de marear el gallego” (título orixinal da columna, como comentei en facebook), que como me temía, provocou unha reacción que cabería cualificar como de choque anafiláctico, cando eu pretendía máis ou menos o contrario. Non que non se lera, claro. O cerne da cousa era sustentar que, nun momento en que hai sectores sociais galegos (para matalos, pero galegos) que están pasando dunha actitude morna ou de indiferenza sobre o idioma, a unha belixerante en contra, elevar a polémica pública o debate filolóxico é contraproducente para o idioma. Que poñer o foco de atención na corrección ou incorrección do galego que se fala (que como lle pasa a todos os idiomas, non é o standard culto, ou iso me explicaron hai tempo coa distinción entre “lingua” e “fala”, ou máis exactamente entre “lengua” y “habla”) desanima a moitos galegofalantes (neo ou paleo), por moito que acelere o pulso dos galegofalantes militantes (non menos reais, pero moito máis escasos) e dálle argumentos ao inimigo (vexan o famoso Papel que a FAES, lle dedicou ao asunto, se é posible sen proporcionarlle demasiadas entradas). No fondo era, co estilo demagóxico que me caracteriza (segundo algúns que agora parecen advertilo, e non antes) un alegato contra o “secuestro” (é un dicir, xa saben) do idioma polos filólogos. Se eles se queixan da perda de calidade do idioma falado, recomendaríalles que revisasen a trabe que posiblemente estea obstaculizando a súa visión á hora de comunicar.
Non era, pois, unha reivindicación dunha opción lingüística concreta, por moito que a teña, senón un chamamento a que hai que pensar en sumar, e non en etiquetar. Pensei que o delicado da situación do galego (como ven, son dos apocalípticos, aínda que me encanta escoitar os argumentos dos integrados, dos que din non vai tan mal a cousa) amortecería o resorte que dispara nestes casos a Lei de Berto. Saíume como o nabo, obviamente. Paseino moi ben lendo a maioría dos comentarios (e, se me permiten o chiste, citarei ao meu admirado Bierce, que definía a discusión como o método de confirmar aos demais nos seus erros). Houbo quen se confesou decepcionado, e sentíndoo de verdade, teño que dicir que a culpa é máis súa que miña, porque en realidade eu xa antes non estaba á altura na que me tiña. E houbo quen me acusou –en realidade varios, coincidindo en cualificativos e en argumentacións- de basearme en “preconceitos”. Seríam, en todo caso, “posconceitos”, porque a miña relación co idioma, afectos persoais aparte, é profesional, cunha ferramenta moi querida durante décadas, que en ocasións tiven que relear para poder utilizar, e que necesito ter sempre afiada desde hai tempo. Ben para obter a confianza dalgunha xente en circunstancias non propicias, ben para contarlle a moito máis persoal o que considero que lle teño que contar e como llo teño que contar. A miña relación co idioma, e a miña opción persoal non é, pois, o resultado dun enriquecedor debate no seo do correspondente departamento de filoloxía, nin tampouco un símbolo de orgullo patriótico que enarborar entre compañeiros de militancia na lingua.
Díxeno e reitéroo, a risco de meterme en sarillos, porque non dependo da aceptación do público (non penso emprender unha carreira política, ou literaria, nin liderar nada), e xa son maior para aprender as virtudes de calar o que realmente penso, e penso que debo dicir. Pero esta é a miña última intervención sobre o tema, porque, sinceramente, o mellor de debate foron os off topics, e porque, como dicía Churchill, unha boa conversación debe esgotar o tema, non aos interlocutores.
Pingback: X. M. Pereiro: 'Xa o sabia eu'
A min o debate pareceume moi decepcionante: non chegamos sequera aos douscentos comentarios!!! 😉
Espero que sexa a “última”, pero non a derradeira.
Eu ás veces boto de menos ó Fraga (o da Xunta non o de Vitoria) e a partir de agora xa podo botar de menos a Islandia.
O problema nom é que saia o debate do galego nos meios e nas rúas, o problema é o contrário, que a moitissima gente no pais lhe importa umha soberana merda a questom do idioma… A umha gram maioria. Se a meirande parte da populaçom estivesse preocupada por este debate o futuro do galego e a sua presenza social seria outra.
Discrepo. Eu daríalle a escoller entre “xa tempo lle era tamén”, “tarde piaches” e “tuiteemos máis e pensaremos menos”.
A miña si que é a derradeira.
Non comentara nada cando o outro artigo, creo, pero no equinocio do bipartito xa tiven mais dunha bronca por advertir o desatinado que resultaba tanto buscar a pureza do idioma. A putada foi que me tiveran que dar a razon unhas eleccions.
Home, eSe, non me dea ese disgusto!
“A putada foi que me tiveran que dar a razon unhas eleccions”.
Non podo estar de acordo. É máis que probable que nesgado debate mediático sobre a política lingüística do bipartito contribuíse ao o triunfo electoral do PP (*). Ora ben, aquel foi un debate sobre medidas en prol da normativización da lingua galega, e non un debate sobre a normativa, nin sobre a (im)pureza do galego oral. Non confundamos as cousas
Saúdos!
(*) Por certo, ao valorarmos e interpretarmos do triunfo do PP non deberiamos esquecer unha cousa:
PSdeG e BNG, xuntos, obtiveron uns pouquiños máis de votos ca o PP.
Léase:
“Ora ben, aquel foi un debate sobre medidas en prol da NORMALIZACIÓN da lingua galega, e non un debate sobre a normativa, nin sobre a (im)pureza do galego oral”.
Aqui o erro: o debate non era a accion normalizadora, senon como esta podia ser usada como arma polos contrarios. E ai gañaron eles, foi obvio: uns preocupandose de normativas mentras outros aproveitaban para usar a historia a modo de arma.
“Uns preocupandose de normativas mentras outros aproveitaban para usar a historia a modo de arma”.
Sentíndoo moito, debo manifestar de novo o meu desacordo. Quen eran eses “uns” que tanto se preocupaban de normativas? Os parlamentarios do PSdeG e do BNG? Os membros do goberno de Touriño? Os lingüistas e filólogos? Polo demais, eu non teño a impresión de que as controversias normativas ocupasen moito espazo nos medios de comunicación, ou chegasen a se converter en tema de conversa nas cafeterías. Aquí falouse da “imposición del gallego”, non do infinitivo conxugado nin da colocación dos pronomes átonos.
Home, na rua houbo un descontento porque moita xente no soubo diferenciar a normalizacion da lingua da imposicion. A simple existencia desta dubida xa indica unha cagada por parte de quenes estaban ao mando, e dende logo que foi unha oportunidade para segmentos dañinos que non veñen unicamente do PP. Agora, xa dicia arriba, isto xa o dicia no 2007 e o puteo resultante era considerable. Eu trasladaba o que escoitaba por diversos ambitos nos que me movia, principalmente por cuestions laborais, e non podo negar que me resultara un tanto indignante que se negara a posibilidade de non entender a realidade por parte da cidadania. Mais ou menos o que fai vostede negando a posibilidade de que se deran estas variables. Total, as perspectivas que se cumpliro foron as miñas, non as de todas aquelas personas que me dician que todo iso eran chuflas minoritarias.
A normativa e o correcto uso da lingua son temas importantes, pero o principal é solucionar a normalización, conseguido isto a calidade do idioma mellorará sen moito esforzo (ao revés non funciona).
Outra cousa, aprendamos do PP (sen chegar a ser coma eles), vanche gastar un millón de euros en propaganda do decreto do plurilingüísmo. O bipartito nin chegou a explicar mínimamente as bondades do seu decreto.