Etiquetas

, , ,

“Se se mira nun espello, non se recoñece”, dise para referirse a calquera que vai de algo cando é o contrario. Pois a min paréceme que a xente ilustre (entendo por ilustre calquera que fala nos titulares) cando se mira nun espello, ten que conter o impulso de darlle a man a ese descoñecido que ten diante. Non sei se será pola necesidade de enchelos o máis posible eses titulares, ou que os micrófonos afectan ao que se lle pon diante (eu estiven varios anos detrás e non noto nada), pero calquera declaración/titular/actitude que collan de calquera é contraria á outra anterior, se alguén se molesta en comprobalo, ou se fía de min.

O exemplo último é dos representantes do PP e do PSOE, votando no Congreso en contra do que os seus mesmos partidos aprobaron no Parlamento Galego, a transferencia das competencias de Tráfico. O penúltimo, Mariano Rajoy negándose a responder aos xornalistas e logo pedíndolle ao Apóstol (que obviamente, non lle vai contestar) cousas como que lle axude a ennobrecer a política, con Camps ao lado. O caso e máis rechamante é o de Jesús Neira, o que levou unha malleira por interpoñerse entre un maltratador e a súa vítima, e a quen os medios adoitan mencionar como o “profesor universitario Neira”, como se dar clase nunha universidade fose unha rareza comparable a domar leóns (aínda que haxa os seus paralelismos). A calquera se lle ocorre que o acto nobre e heroico dunha persoa non a cualifica para outro tipo de cometidos do ramo, como salvar a un bañista de afogarse non acredita ao rescatador para integrarse no organigrama da Sociedad Estatal de Salvamento Marítimo. Pero Esperanza Aguirre decidiu poñelo ao fronte dun Observatorio da Violencia de Xénero. En canto abriu a boca (Neira, non Aguirre) todo o mundo se deu conta do que antes só debían saber os seus alumnos: que era un botarate (heroico, iso si) e que opinaba de todo, menos do que polo lle pagaban, en todos os sitios. Sen embargo, nin Aguirre fixo nada nin os medios madrileños que teñen ás empresas públicas rexionais como os seus mellores clientes publicitarios insinuaron que o rei Neira andaba lixeiro de roupa e de cabeza, ata que el propio se espiu, facendo eses na M40 co seu BMW.

E xa que empeza o curso, unha das ofertas electorais, confirmada logo no folleto oficial do programa de goberno da Xunta, era rematar coa guerra que ao parecer había na educación e impoñer calma. Non sei se había unha guerra difusa (nos centros escolares onde tiña á miña tropa infantil, non a había, nin difusa nin concentrada), pero grazas á operación Libertad Duradera, temos o inicio de curso máis abrupto e desorganizado da historia. Profesores que non saben que dar nin en que idioma. Pais que se aprestan a defender a súa opinión sobre como lle deben educar ao neno e en qué. 300.000 libros que non se sabe que facer con eles porque as nosas autoridades consideran que dous e dous non suman catro, senón “cuatro”. A tradicional liña de pensamento sobre a educación do PP, a aposta por acentuar o esforzo dos rapaces e a autoridade dos profesores, convertida en que os alumnos poden usar o idioma que lles preste, independentemente do que se use na materia. A austeridade presupostaria conxugada con gastar  un millón de euros en propaganda de que a Xunta, pese á palpable realidade, o fai ben nese campo. Claro que a administración non é a única que se retrata neste asunto. Obxectar a unha lei por principios é un dereito das persoas, pero que unha forza política como o BNG chame a facelo aos profesores non é moi congruente con que antes se queixase, con razón, que o 40% dos centros incumprían os mínimos a impartir en galego. Claro que, como antes non lle pasaba nada aos profesores que non usaban o galego, en estrita lóxica agora non debería pasarlle nada aos que non o usen o castelán.

(La Opinión de A Coruña, 11 de setembro de 10)

Advertisements