Etiquetas
Saben aquel do pastor que proclamou que ía queimar un corán nos Estados Unidos? Así dito parece un chiste, e debería selo, pero estivo a piques de provocar un conflito serio en Estados Unidos, e nin alí nin no mundo todo contribuíu á tranquilidade xeral, moito menos á dos que consideramos que as relixións deben de reducirse ao ámbito privado de cada quen e ir rompendo cunha tradición de séculos de provocar ou axudar a que se derrame sangue. Eu non sei en que fase está ese pastor, se trasacordou xa do seu anterior trasacordo sobre queimar exemplares do libro dos musulmáns, pero nestes casos, acudindo á sabedoría popular, a culpa é de quen lle fai caso.
Porque a cousa ten o seu aquel. O tal reverendo, que me resisto a citar para non contribuír co meu grao de area a acrecentar a súa fama, pero que se chama igual que Terry Jones, o actor dos Monty Python, é un ex xerente de hotel cun notable parecido a Hulk Hogan, aquel loitador de wrestling (esa loita libre con disfrazados) famoso polos bigotes. Lidera en Florida unha igrexa fundamentalista autodenominada Dove World Outreach Center. (Sempre me pareceu una faltada iso de “autodenominada”, porque todas as organizacións se poñen nome a si mesmas, pero neste caso non me digan que chamarlle algo así como Centro de Alcance Mundial da Pomba a unha igrexa non é autodenominarse). Un dos columnistas de The Washington Post, Michael Gerson dicía a pasada semana que o feito de que un tronado dera encabezado informativos de alcance mundial, provocado protestas nunha chea de sitios e mesmo que manifestaran a súa inquietude figuras como o responsable das tropas en Afganistán, o xeneral David Petraeus e o presidente Obama revelaba a globalización da loucura e a potencia, inédita ata agora, do xesto idiota (eu, sen embargo, penso que hai unha longa tradición de xestos idiotas que alteraron o mundo).
Gerson, que foi nunha época xefe dos redactores dos discursos de George Bush, di que antes, para que unha parvada tivera repercusión, facía falta que quen a dixera tivera unha posición, persoal ou institucional. Agora, a T.J. chegoulle con facebook. “Na era de Internet, a estupidez é un dereito democrático, premiado pola audacia”, asegura o columnista norteamericano. Sen embargo, o 7 de setembro, catro días antes do convocado Día Internacional da Queima do Corán, a páxina en facebook so tiña 8.663 seguidores, unha cifra que conseguiron en 48 horas os grupos que xurdiron contra o teimas pexorativas de Rosa Díaz, e unha soa das páxinas contrarias ao Día da Queima hoxe rolda os 400.000 usuarios. Gerson recoñece que, a maiores dun medio de difusión non xerarquizado, foi necesaria a complicidade, involuntaria ou non, dos medios tradicionais, o que el denomina “a relación simbiótica entre os medios novos e vellos”. Tomaran o asunto en serio ou en broma, houbo tal sobredose de cobertura informativa da arroutada do reverendo que lle deu lexitimidade. Logo, a presión declarativa que hoxe hai conseguiu que se implicaran Obama e Petraeus, e da aí costa abaixo todos os santos se poñen en fila para facilitar a súa opinión. Tamén concorreron, segundo o columnista norteamericano, as peculiaridades teolóxicas do islam que fai dos musulmáns practicantes xente extremadamente susceptible cos símbolos (non debe estar ao tanto de cómo as gasta por aquí a Conferencia Episcopal, e de que os fanatismos aliméntanse entre si). Gerson, aínda considerando lóxica a reacción dos medios e das autoridades políticas, conclúe que “as provocacións deben ser marxinadas en lugar de enfrontarse a elas. Poderíamos empezar por aquí: Se un pastor ten menos de 50 fregueses, e a súa filla di que ‘necesita axuda’ [psiquiátrica], tal vez debería ser ignorado”.
Non lle vou levar á contraria a alguén que lle fixo discursos a Bush e que publica dúas columnas semanais en The Washington Post, pero na súa análise falta o aspecto fundamental de por qué un espelido cunha idea fixa alterou o mundo. Facebook deulle a voz e os medios o altavoz, pero non tería pasado case nada se non houbese millóns de persoas ás que iso, queimar un libro que para outros millóns de persoas é sagrado, lles parece unha boa idea, mesmo necesaria. Non hai semente que prenda se non hai terra que a reciba.
(La Opinión de A Coruña 18/09/10)
Sí. Ten razón Pereiro. Facebook deulle a voz e os medios o altavoz. Pero non tería pasado case nada se non houbese millóns de persoas ás que iso, queimar un libro que para outros millóns de persoas é sagrado, lles parece unha boa idea.
Efectivamente. Falta unha explicación, ou varias explicacións. Moit@s dos que escribimos nestes foros diremos barbaridades de canta xente votaría a Belén Esteban, e hai explicación -e explicacións- pero o feito tremendo está aí.
Belén Esteban merece máis confianza que diversas Organizacións, e non só non basta con botarlle a culpa a Esteban, á xente, aos medios porque botándolle a culpa só a eles, estáse escamoteando fallos importantes en Partidos, Organizacións que propician que ocorra o que está ocorrendo.
A culpa tédela os usuarios do feisbus, que parecedes parvos, todo o día a fedellar a ver quen mexa máis lonxe e cal é a cantamañanada que máis seareiros gaña. Eu estiven un mes por curiosidade, fixen dous amigos (o gurú que está á que salta e un ex-compañeiro de universidade que despois de facerse “amigo” meu e non dar máis sinais de vida entereime que morrera, e non é coña) e custoume un triunfo darme de baixa do puñetero tenderete.
Magoa que non se poidan queimar coranes,biblias e catecismos.Que non podamos falar dos deuses duns e doutros e rir dos cregos de todos. (E desculpen por rachar co bo rollito correcto)
Efectivamente, Pardo, bo matiz. O malo é que haxa millóns de persoas dispostas a queimar o libro dos outros e a montar a de dios -nunca mellor dito- se lle tocan o seu. Eu máis que de queimar, son de satirizar
Pois o matiz de Pardo será bo, pero moi intelixente non parece. Pero xa que están neso, poden vostedes queimar cantas biblias e catecismos queiran, non creo que tiveran maiores problemas e, pola contra, de seguro ian recibir moitos apoios no facebook. O de queimar corans mahometanos ten un chisco máis de peligrosidade, pero saiban que ningunha das opcións incendiarias está prohibida pola lei, creo.
sihomesi, vostede tamén podería axudar nesta loita satirizando as palabras do profeta de Alá nun artigo no El País, por exemplo. Non me negará que tería máis mérito (e máis do outro) que andar a meterse cos coengos da seo compostelana.
Aburiño
Pois, sinceramente, non lle vexo máis mérito a sermos satireiros co islam. Que eu saiba, os edificios de pedra que inzan Compostela (e outras cidades e vilas do país) son igrexas e mais conventos, non mesquitas. Os cóengos inflúen aínda máis nas ideas dos galegos ca os imáns; por tanto, tenche máis consecuencias na vida “real” dun nativo andar a tocarlle os fociños aos curas e non aos aiatolás.
De por parte, non lles me parece que polo Reino de España poidamos pedir explicacións polo túzaro que se poñen algúns cando lles tocan o libro, cando uns pimpíns foron xulgados na Audiencia Nacional por queimaren unha foto ou cando un dos temas predilectos da prensa da “vila e corte” consiste en pregoar cantas bandeiras (unha, dúas, tres…) hai nas casas consistoriais.
Un saúdo.
You completed certain good points there. I did a search on the subject matter and found most persons will go along with your blog. I don’t really know too much relating to this, i actually just wanted to get ideas out of your site, your post caught my attention.