Etiquetas

, ,

Quizais estea farto das análises sobre a folga xeral do mércores que vén, da súa oportunidade e posibles consecuencias, ou quizais necesitado. Quizais o único que lle interesa é a porra sobre canto de seguida será, ou non. E quizais, con argumentos ou sen eles, vostede teña unha idea fixa sobre o asunto. No terceiro caso, teña en conta aquilo que dicía Jacinto Benavente de que as ideas fixas sempre parecen grandes ideas, non por ser grandes, senón porque enchen todo un cerebro. No segundo, xa se sabe que en todo, ou polo menos na política e no fútbol, cadaquén fala da feira segundo lle vai nela, pero no das folgas non hai marcadores nin números de escanos. Se é dos que están no primeiro caso, e non lles importa que escriba dese sobado asunto, non haxa medo que non lles vou romper a cabeza. Vai ser unha cousa liviá.

Tan lixeira como as mensaxes en Twitter, esa rede social que non admite máis que 140 caracteres, co que o que parece unha limitación en realidade é un estímulo para mandar recados ou toques de atención, detallar fragmentos de vida ou, cando o tuiteiro está inspirado, destilar frases como haikus, eses micropoemas xaponeses tan fermosos como estritos na súa composición. Un dos tradicionalmente máis inspirados é unha rapaza, Ascárida, que leva uns días debullando a cousa. “Lenda urbana de folga xeral 1: a coacción vén dos sindicatos e o seu brazo armado, os piquetes”, rezaba o primeiro dos tweets. Pois si. Aos sindicatos pódese achacar moitas cousas e sobre todo dúas: que non teñan máis afiliados (do que non teñen toda a culpa, precisamente) e que non sexan máis eficaces (diso teñen máis). Pero é curioso que moitas das altas instancias que antes lles recriminaban que non fixeran protestas máis duras contra a crise, agora lles reprochen que convoquen unha folga. E logo, mellorou a situación?, antes é que non contribuían bastante ao desgaste do goberno e agora xa non fai falta porque o goberno se desgasta só? Algúns sindicalistas non serán os xenros ideais, pero tampouco é que na parte contraria abonden os exemplos de ser humano presentable. Os sindicatos son como son, pero é do pouco que podemos interpoñer entre nós e o vale todo.

“Lenda urbana de folga xeral 2: hai outras maneiras de protestar”. Ah si? Somos todo orellas. “Lenda urbana de folga xeral 3: a folga prexudica aos traballadores”. O que prexudica aos traballadores son, ultimamente, as medidas laborais que toma o goberno e as que tomaría a oposición. Recoñéceno mesmo os que as defenden e sitúan o seu posible efecto positivo nun futuro indeterminado. “Lenda urbana de folga xeral 4: a crise arránxase traballando e non facendo folgas”. Esta é a miña preferida. A crise foi culpa dos que traballaban e a febre amáñase non mirando cales son os síntomas e como remedialos, senón dicíndolle ao enfermo que non sexa maula e taxándolle as aspirinas. “Lenda urbana de folga xeral 5: eu non vou á folga porque me descontan pero se me para un piquete…” Esta non deixa de ser comprensible. É unha variante de “ter, teñen razón, pero eu non llela dou”, “queremos cambiar o mundo, pero conservar o posto de traballo” ou “vai ti, que eu teño un vaso”, e tamén esa é reveladora diso que descoñecen os seguidores das lendas urbanas laborais: que secundar folgas costa cartos a quen o fai. E por último, de momento: “Lenda urbana de folga xeral 6: son de esquerdas e estou en contra da folga”. Si home si.

(La Opinión de A Coruña, 25/09/2010)

Advertisements