Etiquetas

, , , , , , , ,

Imaxino que coñecen o chiste, difundido en forma de anécdota real, do garda urbano que lle dá paso á vez a dous coches con direccións coincidentes, e que cando chocan, resume filosoficamente: “Xa o sabía eu”. Pois o do caso Malaya xa o sabía eu, e o do golpe en Ecuador tamén mo temía. O Caso Malaya, para quen o tremendo debate sobre a modernidade ou antigüidade dos métodos sindicais que trona nos medios os teñan completamente absortos, é o xuízo contra a trama de corrupción en Marbella que comezou esta semana, cinco anos despois de que comezaran as investigacións.

95 imputados –tres ex alcaldes, 17 concelleiros, media ducia de altos funcionarios e uns 20 empresarios de distinto pelo- para os que se pide un total de 500 anos de prisión e multas que suman uns 4.000 millóns de euros. O principal encausado é Juan Antonio Roca, un discreto personaxe que ninguén coñecía fóra de Marbella, pero dentro dela todo o mundo sabía que era quen mandaba. Así apañou uns 200 millóns de euros, mentres que mandados seus, como un tal Julián Muñoz, pasou en dez anos de camareiro a alcalde e de estar sometido ao sufrido convenio da hostelería a facerse un peto de 3,5 millóns de euros. E esas cantidades son unicamente as que a investigación xudicial considera que pode probar. Un auténtico saqueo que en calquera país civilizado provocaría a entrega en masa de pasaportes de cidadáns indignados que renunciarían a formar parte dun sistema que permite roubos desa magnitude na administración pública e dimisións en cadea de todo canto cargo puido parar o atraco e non o fixo.

Aquí non soamente houbo unha parte considerable da cidadanía que lle ría as presuntas gracias ao autor intelectual da operación, un delincuente de longa traxectoria e altos vuelos chamado Jesús Gil, senón que llelas ri aos cómplices que o sobreviviron. O mesmo día en que se fixo público que a parella do camareiro-alcalde, Isabel Pantoja, alternará os escenarios co banquillo xudicial, un satisfeito alcalde de Oropesa anunciaba que se venderan en pouco máis dunha hora todas as entradas para un concerto –en escenario- da cantante nas festas da localidade. (O santo patrón de Oropesa debe estar igual de encantado). Pois o xuízo soamente deu conquistado os honores da primeira plana cando empezou, quizais porque como a trama corrupta non era de ningún dos grandes partidos e polo tanto non é susceptible de producir esa escalada de declaracións rimbombantes cruzadas que hoxe se considera información política. Ou quizais porque estamos todos ocupados no debate sobre a actualidade ou obsolescencia do modelo sindical.

O mesmo pasa co de Ecuador. Hai días, un tal John Perkins advertía que algo se estaba argallando contra Correa en Ecuador: “Correa está facendo cambios moi importantes para os ecuatorianos. Fixo a primeira constitución do mundo que di que a natureza ten dereitos. Iso é moi difícil de aceptar para as compañías petroleiras”. O tal Perkins non é un friki conspiranoico. Foi un axente privado que traballou para axencias de Estados Unidos como a CIA e, como describe nun dos seus libros, Confesiones de un Gánster Económico, o seu labor consistía en localizar países con abundantes recursos naturais e logo tratan de conseguir que as corporacións estadounidenses os apañen ao prezo máis baixo posible (como Halliburton en Irak). Cando non se dá provocado unha guerra, o método A consiste en corromper as autoridades que faga falta, ou amañar un préstamo co Banco Mundial o máis grande posible (quen se resiste a un préstamo, sobre todo se non o tes que devolver ti) para que o país quede empufado e teña que vender os recursos como sexa. O método B, se o cliente se resiste ao A, consiste en provocar desestabilizacións e golpes de estado. Nada que non saiba ata o garda urbano do chiste. Quitado que non é un chiste.

(La Opinión de A Coruña, 2 de outubro de 10)

Advertisements