Etiquetas

,

“Isto é certo, que o dixeron en televisión”, contaba na rede social twitter que escoitara un hai pouco. “Iso era antes, agora dise: é certo, que o vin en internet”, contestáballe outro. É curioso como as vellas mañas do escepticismo popular que aseguraban que o papel ten conta do que lle poñen, ou que os periódicos dicían soamente dúas verdades: o prezo e a data (e a segunda non sempre) non se teñan actualizado e adaptado aos medios audiovisuais, que xa presiden a vida toda de polo menos dúas xeracións, e de paso aos medios baseados nas novas tecnoloxías. Non sei se será porque a xente é máis crédula en xeral, ou perdeu capacidade de argallar sentencias, ou pensa as cousas son máis verosímiles cando o intermediario –o xornalista- non é claramente visible. Calquera desas posibilidades é aínda máis tráxica que as outras dúas, se iso é posible.

É curioso no caso da televisión, na que a información está máis contaminada de espectáculo que o Danubio de lodos tóxicos. Enténdaseme: non estou en contra do espectáculo. Se vexo nunha pantalla que a un tipo que lle pica unha araña logo pode andar brincando polos tellados, non me paro a reflexionar se iso é posible ou non, pero esa suspensión voluntaria da realidade remata en canto me din que o que estou vendo son noticias. E o caso de internet é máis curioso, porque é o medio onde –afortunadamente- hai menos control, pero esa carencia tamén afecta –desgraciadamente- ao que se vende como información. É máis, é o caldo de cultivo do que se chama “periodismo cidadán”, que non é, como debería ser, a oportunidade tecnolóxica de que non faga falta unha empresa e un investimento económico para producir noticias, senón a opción de mesturar churras con merinas. Falando claro: todos os medios de comunicación devecen porque a xente chame e avise de noticias. Para os xornalistas é moito máis descansado que buscalas e que confirmalas, e para as empresas é máis barato. Mesmo houbo unha época na que os xornais norteamericanos tiñan instituída unha figura que era unha especie de avisador (sinto non ser máis preciso: a saber onde metín os meus apuntes da carreira), que cobraba algo por alertar de cousas que pasaban, e que logo nas redaccións se cubría, ou non.

Boa parte do que hoxe se chama “periodismo cidadá” (denominación que, como toda nestes tempos que en principio parece positiva, debería espertar prevención) é un perfeccionamento dese sistema. Perfeccionamento porque que o avisador non cobra, nin siquera en recoñecemento do seu espírito cívico, e a súa compensación é que pense que o consideren periodista. Hoxe calquera medio pide máis colaboración que un frade dos de antes, e cede o seu espazo –virtual, claro- a quen queira, pero o problema é que non confirma se o que di o colaborador é certo, ou relevante ou non. De feito, a BBC, que é ese espello no que a falta doutro mellor deberiámonos ver todos os que estamos nisto, dun lado ou doutro do negocio, vén de advertir no seu libro de estilo aos seus redactores que no dean por sentada a veracidade dunha imaxe ou dun texto recibidos dun usuario sen facer as debidas comprobacións, e tamén endurece as condicións aos programas que dean paso a conexións telefónicas coa audiencia ou que publiquen correos electrónicos. “O feito de que sexa un contido dispoñible no espazo público non nos dá dereito a explotalo sen ter en conta as consecuencias”, din as novas normas. Isto non pasa só coas cousas que veñen de internet: a defensora do lector dun xornal de Madrid reprendeu a un reporteiro porque reproduciu unha declaración dun entrevistado que dicía algo que non era verdade (que os comerciantes estranxeiros estaban exentos de impostos). Pero o entusiasmo dos medios polo “periodismo cidadán” non está a atraer tanto noticias, ese produto caro e raro, senón opinións persoais, tan respectables –en principio e antes de emitilas, logo hainas deleznables- como baratas e abundantes. Pasou na folga do 29-S, na que a maioría do “periodismo cidadán” consistiu en reproducir, pero en máis bruto, as opinións que xa se daban nos medios.

Ou sexa que si, pero a modo.

(La Opinión de A Coruña, sábado, 16 de outubro de 10)

Advertisements