Etiquetas

, , ,

O outro día tiven que ir á sinatura do convenio do novo plan de transporte metropolitano da Coruña, ese que fará por fin que os usuarios non paguen polos transbordos, fenomenal invento que me asombrou a primeira vez que viaxei por Europa, a comezos dos anos 80. E que tamén implantará o billete único, do que xa se falaba como proposta a pouco de que eu comezara a traballar como xornalista. Ou sexa que por unha parte xa me podería retirar satisfeito por ter visto cumpridos os meus soños xuvenís sobre o transporte público, e por outro xa non podo argumentar que as autoridades non fan caso das demandas dos cidadáns. Como dixo máis finamente o presidente Feijóo, “un país está en marcha cando os seus políticos se preocupan polos cidadáns, e párase cando os cidadáns se preocupan pola política”. Eu levaba anos preocupado porque non vía aos políticos traballando no tema, e resulta que si, que estaban preocupados sen présa, aínda que con algo de pausa, polo que nos preocupa.

Como xornalista preocupado que son, para ambientarme dispúxenme a ir en transporte público ao Edificio Administrativo da Xunta (herdeiro das antigas sedes da Administración do Estado, polo que na Coruña coñéceno popularmente por Novos Ministerios). O seu sería telo collido na extrema da comarca, pero vivo onda a última parada que hai antes do termo municipal da Coruña, e tamén me parecía ridículo ir cara fóra e logo achegarme. Para ver cal coller, mirei na parada o que quedaba do mapa informativo de rutas e frecuencias. Estaba desfeito (evidentemente, a culpa é de quen os estraga, pero tamén de quen non os repón), pero tanto tiña, porque recordo que o único que entendía del cando estaba enteiro era a hora que empezaba o servizo e a hora que o remataba, información máis útil desde o punto de vista sindical que do de usuario, e que uns pasaban cada 20 minutos e outros cada máis, pero sen especificar a que hora. Afortunadamente, cando calculaba a hora límite na que tería que ir collendo un taxi, veu o bus. A información visible ao entrar era que non se podía falar co condutor, pero non o prezo, así que o saudei coa cabeza e deille un billete de cinco euros.

O traxecto co escaso tráfico de media mañá dura dez minutos, así que como experimento práctico, a viaxe non foi gran cousa, sobre todo tendo en conta que o edificio da Xunta queda ao lado da Estación de Autobuses, destino irremediable dos buses periféricos, e non tiven que esperar a facer transbordo ningún, de balde ou pagando. Si foi máis valioso enterarme que un colega que a veces vai a outra zona de Oleiros tampouco entende nada dos mapas de rutas, por moito estean enteiros. E tamén de que o novo plan contempla mellorar a información ao cidadán (aínda que normalmente significa que van facer publicidade).

Tamén reparei en que este é o terceiro convenio que se asina co mesmo obxectivo. Non é que sexa moi listo, é que o dixo o alcalde coruñés, Javier Losada, citando cucamente ao alcalde de Oleiros. Que xa o asinaran con Fraga e con Touriño, pero que desta vez iría. Volvín á casa, Estación de Buses mediante, e púxenme a comparar os convenios. Touriño asegurara que os billetes baixarían un 63% no peor dos casos (Feijóo un 50%, que me parece peor) e que a Xunta poñería o 80% do que custaba o plan e o resto o concello (Feijóo o 75%, que me parece máis xusto porque paga máis os beneficiados, e non todos os galegos). Estará en catro meses (Touriño). Estará antes de fin de ano (Feijóo). Tamén comparei as frases solemnes. “Da vontade de unión e de superación nace un camiño que fai este país imparable aínda nas circunstancias difíciles nas que estamos” (Touriño). “Cando aparecen camiños diverxentes, hai que escoller a suma de esforzos das administracións” (Feijóo). “Este será un modelo para todo o noso país” (os dous). Váianse preparando para ver como se asinan convenios a esgalla.

Advertisements