Etiquetas

, ,

A campaña electoral pola que escollemos o actual goberno da Xunta estivo centrada en boa parte en que tipo de mobiliario debe ter o despacho do presidente, que marca e modelo de coche se debe usar para transportalo (o presidente, non o mobiliario) e se un vicepresidente pode subir a un iate ou soamente ás barcos do río. Na actual campaña electoral en Cataluña, nun dos vídeos electorais escóitanse uns ruídos orgásmicos cando unha cidadá deposita o seu voto a unha opción concreta, e no doutra candidatura tamén se usa como argumento programático/orgamástico a roupa interior (na campaña de hai catro anos recordarán que un candidato que aparecía tal como o trouxeron ao mundo, pero máis crecido, conseguiu tres escanos). Non é que, como no resto da propaganda, sexa máis importante a creatividade do publicitario que as características do publicitado. É que no actual comportamento da clase política, esas trapalladas son máis definitorias que a ideoloxía ou o programa, como vemos estes días coa traxedia saharauí.

Os que viron a televisión en branco e negro recordarán que o Sahara Occidental era un territorio ocupado por España, que consolidou despois do proceso de descolonización do Magreb, que deu orixe a Marrocos e a Mauritania. En 1958, despois dunha guerra da que aquí non se soubo nada, argallada polo príncipe marroquí Muley Hassan, Franco entregou a Marrocos a franxa norte do Sahara Occidental, o chamado Protectorado do Sur. Conservou a capital, Sidi Ifni ata 1969, cando a entregou para facerlle algo de caso a unha resolución da ONU que pedía a descolonización de Ifni e o Sáhara Occidental. O do Sahara Occidental durou ata que Muley Hassan, xa rei Hassan II, organizou a Marcha Verde, en 1975. Moribundo o vello xeneral africanista, o réxime que encabezaba e que tiña aquí firmeza bastante para fusilar rapaces, alí envaiñouna. España fixo un paripé chamado Acuerdo de Madrid, con Marrocos e Mauritania polo que o territorio pasaba a unha administración temporal dos tres países. Da xente  que vivía nel non sei se se falaba, pero xa Ambrose Bierce definía aos indíxenas como “seres de escaso mérito que entorpecen o chan dun país recén descuberto. Pronto deixan de entorpecer; logo, fertilizan”. A cousa acabou como acabou. Centos de miles de persoas que viven no que era o seu país e agora unha cárcere a ceo aberto, ou ciscados polo deserto, mandando a algúns nenos ao país que os vendeu a que vexan como funcionan as billas e os interruptores da luz.

Así levamos anos e anos, sabendo o que hai, sen que os gobernos de PSOE e PP fixeran nada, colaborando con Estados Unidos, e sobre todo Francia, en tapar a vergoña. Os socialistas, que sempre teñen dispostos os principios por se hai que botar unha man deles, agora revístense de pragmatismo e alicátanse de intereses de España. Os populares fan unha pausa na súa liña política de recentralizar España e defenden a autodeterminación dos saharauís. Uns e outros acaban de pactar en Estrasburgo para que no próximo plenario do Parlamento Europeo non se debata unha resolución sobre o Sahara Occidental, como vén de denunciar a representante do BNG, Ana Miranda. E que o que se decide en Europa vai para a sección de Economía, non para a de Política. Xa Rosa Díez cando era eurodeputada formaba parte da comisión que había sobre o asunto, e nunca a pisou, pero non tivo inconveniente en acudir presta a facerse unha foto con Aminatou Haidar cando a situación da activista saharauí estaba nas primeiras planas.

Por iso me parece normal que se vote en base a fotos ou a falsos orgasmos.

(La Opinión de A Coruña, 20/11/2010, Faro de Vigo, 23/1172010)

Advertisements