Etiquetas

Cando era insultantemente novo recordo unha campaña publicitaria que xerara unha grande polémica. “De fruta madre” era o slogan dun zume que a min me parecía brillante (o slogan, non a bebida) e tiveron que acabar retirando por ser considerado irrespectuoso. Logo fun dos que defendeu que os spots eran da mellor televisión que había. Agora os anuncios televisivos non é que me molesten por abondosos (son ben máis reiterativas as autopromocións de programas que son xa autopromocións en si mesmos) senón porque cheguei á conclusión de que hai algún idiota polo medio. E como están feitos a base de moitos cartos, hai que supoñer que os parvos non son os do lado de dentro. Os de fóra somos os parvos ou por iso nos toman.

Houbo un tempo no que boa parte das estratexias publicitarias baseábanse en proclamar que un produto era mellor que os outros, ou tiñan algo do que os outros carecían, fose bo ou non (como as raias de colores dun dentífrico, fenómeno sobre o que teño debatido sobre como as daban metido no tubo). Sempre se dixo que boa parte dos anuncios estaban feitos para vender esencialmente o propio anuncio, máis que o produto anunciado. Por exemplo, como ninguén decide mercar un automóbil porque o anuncian, os spots de coches estaban pensados para suxerir: este modelo é para mulleres sen pretensións, ese para ricos, aquel para mozos que están empezando, aqueloutro para pantasmas que pensan que ir empolingado nun 4×4 dá imaxe de aventureiro…

Probado que non son un talibán, ou iso espero, teranme que recoñecer que se están pasando. Por orde de idades: proliferan nenos imitando actitudes grupais e vestimentas de vendedores de crack, e todo para vender pipas (de xirasol) ou batidos de cacao como o que leva para a merenda do cole o meu fillo de catro anos (ao que vou ter que velar por se, influído pola publicidade, lle dá por sentarse no respaldo dos asentos do parque e cae para atrás). Logo están os anuncios xuvenís, nucleados todos arredor da idea “sé ti mesmo e consume o mesmo ca todos”. Agora que se achega a ameaza da Navidad, coa escusa de colocar unhas colonias (un sector publicitario do que o sentido do ridículo hai tempo que fuxiu despavorido) pululan os anuncios de efebos con poses de malotes refregándose como a desgusto con nínfulas que poñen morritos. Para o que o mundo publicitario entende, coa entusiasta complicidade dos incluídos, como prolongación da xuventude (de 25 a 45 anos), liberdade era unha consigna para vender pantalóns vaqueiros ata que a colleron por banda os dos móbiles (curiosamente, as empresas que máis agarrados te teñen). Por certo, non sei porque a telefonía e os produtos de hixiene íntima comparten esa obsesión polas moreas de xente presuntamente feliz empeñada en desenvolver actividades propias de gardería, como pintar paredes ou inchar globos. Se sae un tipo, ou varios, con chaqueta pero sen garabata, suxerindo que son arquitectos ou similares, é que un oferta para autónomos. Deberían facer un spot multidisciplinar, un crossover para arquitectas en período menstrual que necesitan un lote telefónico estar localizadas full time.

Os únicos anuncios que non insultan a intelixencia dos públicos obxectivos aos que se dirixen xa son os que venden produtos de limpeza (“Marta Álvarez. Ama de casa. Sevilla”), remedios para o dolor de cabeza ou adhesivos para dentaduras postizas. Tal e como están as cousas, non é que bote de menos a Manuel Luque, director xeral de Camps (“Busque, compare, y si encuentra algo mejor, cómprelo”), é que boto de menos o do Colacao (“yo soy aquel negrito…”).

(La Opinión 27 /11/2010, Faro de Vigo 29/11/2010)

Advertisements