Etiquetas
Desde logo, os que se queixaban de que o periodismo de investigación estaba morto, estrangulado pola crise económica dos medios e envelenado polas filtracións interesadas, ben equivocados estaban. Resucitouno Wikileaks, esa organización que recibe material informativo agachado, verifícao e distribúeo e que está a ser unha auténtica transfusión de sangue nova para o corpo exánime do xornalismo. Polo menos para o xornalismo entendido ao xeito clásico: contar cousas que alguén non quere que se saiban. Pero máis importante aínda que a resurrección da investigación é constatar o peso fundamental da palabra escrita.
Porque, sexamos serios, información decisiva de Wikileaks foi aquel vídeo no que os tripulantes dun helicóptero estadounidense dispararon en Irak contra uns civís desarmados, incluído un fotógrafo, como se fose aquel videoxogo do PP catalán que permitía aniquilar inmigrantes e independentistas. As revelacións de agora, o cablegate, son a abrumadora –en cantidade e calidade- confirmación escrita do que xa se sabía. Que a Berlusconi lle gustan as festas máis que a Ronaldo (o de antes), que Putin é máis chulo que Ronaldo (o de agora) e Mourinho xuntos, que Aznar ten síndrome de abstinencia e pensa que as demandas da sociedade son as señoras e os cabaleiros que lle din que por que se foi. A cúpula xudicial española está máis atenta aos desexos da Embaixada dos EEUU que aos dereitos dos litigantes. Os gobernantes de nacións receptoras de axudas internacionais sacan do país os cartos no mesmo avión que llelos trouxo. Os sátrapas post-soviéticos teñen costumes pre-zaristas e os estados do mundo libre está dispostos a todo para non perder un peso. Polo que lin –pouco, que teño alerxia aos bestsellers– os informes dos embaixadores son pouco máis que un díxome-díxome e un motivo de reflexión para revisar o gasto que supoñen e para analizar se o consumo excesivo de Ferrero-Rocher afecta ás capacidades cognoscitivas.
Así, sen pensar moito (pensando menos aínda) son capaz de argallar o informe que un suposto embaixador de Galicia ante Madrid enviaría ao suposto Ministerio de Asuntos Exteriores en San Caetano: “Na capital de España todo é tráxico, decisivo e inminente. Confunden a realidade cos artigos de opinión e o debate político coa loita libre americana. Zapatero está desnortado, pero sobre todo cabreado porque din que o está, e Mariano Rajoy preocúpase pola imaxe que ten de folgazán, pero unicamente na media hora diaria que lle dedica á política. Os outros líderes actúan como se participasen en El hotel de los famosos ou en Supervivientes. Nota: manden melindres, que quedei sen Ferreros”.
En realidade, a dimensión da acción de Wikileaks revélase pola reacción que esperta. Un asesor do presidente de Canadá di publicamente que hai que asasinar a Julian Assange, o seu fundador (de Wikileaks, non do Canadá), e expresan a mesma democrática e civilizada opinión un senador ou algo así dos EEUU e un analista político da cadea Fox. A Interpol, que non atendeu a petición de busca dos presuntos asesinos de José Couso, ponse en marcha co entusiasmo dun lexionario de permiso para deter a Assange por un presunto delito de abuso sexual (ai, Sánchez Dragó, da que te salvaches!). Os poderes fácticos que permiten a existencia de paraísos fiscais que lavan os cartos das mafias loitan a lume e ferro contra os servidores que acollen a Wikileaks, ante a protesta de organizacións tan radicais como a Associated Press e a Asociación de Diarios de América. Parece ser que, como plan B por se o do acoso non pita, alguén nos EEUU propuxo aplicarlle a Assange unha lei contra a espionaxe de 1917. Xa postos, por que non a lei de Fugas?
(La Opinión de A Coruña, 4/12/10)
Son coma nenos… Convén ler “O noso home en La Habana” do señor Greene. Ven moi a conto! e é que a cousa é para rir por non chorar
Excelente artigo como de costume, Sr. Pereiro.
Só un pero, a que se refire con “costumes pre-zaristas”? Penso que para moita xente (incluídos eu e a aquela aspirante a Miss España), en Rusia antes dos Zares había… ejem, um…
Con respecto ao tema do artigo a persecución a Assange por calquera medio recorda ás primeiras tempadas de Prison Break. E dá un pouco de medo, a verdade. Non digo que deixen impunes delitos sexuais (tipo Polansky) pero todo ten un regusto un pouco ácedo
Se alguén pensaba que a maioría do planeta vive en democracia viñeron Assange e a crise financeira (sobre todo a hipócrita resposta dos que nos governan á crise financeira) para demostrarnos que pouco avanzamos desde a idade feudal. Incluso hai xa quen define a nosa éra como a idade feudal global, razóns non lle faltan.
Poderán deter a Assange e pechar todos os servidores que queiran, na internet seguirán aparecendo máis assanges e máis wikileaks.
…ou iso agardamos, Caralladas
E eu sigo decindo que estas democracias son como as oposicións (a “facerse” funcionario)…
Julian liberdade!
Pingback: Wikileaks | O levantador de minas
Pingback: Brétemas » WikiLeaks e os dereitos dos cibercidadáns
E cómo lhe aproveita ao tal Assange todo isto?. É umha pregunta que me fago, tamén para saber, non para ir contra ele. Isto é o espectácula da vida. Uns descobren segredos, outros publícannos em El Pais, outros lemos, outros queren asasinar ao Tal Assange. Cada quén xoga o seu papel; para iso lhes pagam.
Pero a min o que me apaixona estes días, deverdá-deverdá-deverdá… é a que están a montar os estudantes ingleses. Diría, o boceto do que querem armar, por comparaçao ao maio francés.
Saúde.