Etiquetas

, ,

Os que se preguntan como o aínda presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva pode gozar dunha popularidade enorme logo de dous mandatos, cando aquí os presidentes esgotan os oito anos coa lingua fóra, xa saben por que. Inflúe, claro, ter deixado ao país como a potencia mundial emerxente. Xa se sabía que o Brasil tiña de sempre os vimbios, pero foron os gobernos de Lula os que o deron feito o cesto, e iso que no seu caso a situación herdada era ben mala. Un dos motivos polos que o vello sindicalista se vai igual ou mellor do que veu é a conexión cos temas que preocupan ou deberían preocupar á cidadanía, estean na axenda política ou non. Demostrouna nunha das súas intervencións de despedida do cargo: “o que me parece estraño é que o rapaz que está a desnudar á diplomacia norteamericana… como se chama…, uiquiliques, foi preso, e non haxa protestas pola liberdade de expresión […] o rapaz pon o que alí leu, e se hai bobadas, a culpa é de quen as escribiu, non de quen as divulgou” (a trapallada de transcrición é miña). Ou sexa, dixo o que pensa case todo mundo, coa excepción da inmensa maioría de gobernos e de medios de comunicación.

Mesmo as reaccións demostran quen as pilla ao voo. Putin, do que os informes dos embaixadores dos EEUU insinúan que é o xefe das mafias rusas, aproveita a caza a Wikileaeks para devolver o golpe cunha pregunta envelenada: “¿Por qué encarceraron a Assange? ¿E isto a democracia?”. En España, por exemplo, as declaracións dos líderes políticos son tan previsibles e tan interesadas como os “me gustas” que se din nas discotecas. Todas pensadas para sacar beneficios e/ou amolar ao outro, non para comunicarlle á cidadanía en xeral a súa postura sobre algo. En Galicia, os temas políticos son sota (as infraestruturas e cando virán, como en tempos de Curros Enríquez), cabalo (o urbanismo, como deixalo ceibo e logo queixarse das consecuencias) e rei (a lingua galega). Hai que peneirar páxinas e pantallas para atopar algunha reflexión dun político sobre un tema polémico, pero de influencia na xente, como o dos controladores e como a impresentable postura do sindicato de empresa que os agrupa lle deu pe ao Goberno para mostrar a man dura que, como sempre pasa, reclaman os de arriba para empregala cos de abaixo e os de abaixo porque pensan que non vai con eles. Escribiuno Carlos Aymerich, e para o único que lle serviu foi para que outro político, habitualmente sensato, aproveitara a ocasión para chamarlle marxista e promocionar a súa respectable opción partidaria. Coma este hai unha chea de exemplos.

Claro que, parafraseando a Lula, cando achuzan a quen divulga verdades, ninguén (ou pouca xente) protesta e a culpa non é de quen as fai, senón de quen llas permite. No seu goberno, o dun país que todos considerabamos terceiromundista, polo menos ata hai pouco, houbo casos de corrupción, que se levaron xente por diante. Aquí, que somos primeiro mundo e desenfundamos o certificado de demócratas para xustificar calquera cousa, os nosos corruptos son nosos antes que corruptos, e mesmo a un presunto lle van facer en Castellón unha estatua de 25 metros. E despois rímonos das cousas que conta o Uiquilique de Daguestán.

(para sábado 11 de decembro de 2010)

Advertisements