Etiquetas

, ,

O outro día pasei a maior e máis útil parte da xornada participando nun debate sobre que está a pasar co xornalismo (o resto da xornada, facendo esta columna). A maiores das habituais radiografías de cómo se achega a apocalipse, e das opinións sobre como evitala que se nos solicitan amablemente aos que non fomos capaces de facer un can que non viñera reflectido nunha nómina, chegouse máis ou menos á conclusión de que a salvación, de habela, está no xornalismo de calidade. Eu tamén participo dela, aínda que mencionei que escollemos un mal momento para apostar pola calidade, porque cada vez nas redaccións hai menos xornalistas, e peor pagados. En canto me subo a unha mesa –séntome nela, quero dicir- transfórmome nun ser aparentemente sensato, así que tamén concordei en que os periodistas profesionais somos os garantes desa credibilidade. O malo é que cheguei á casa, metinme en Internet –aí debeu estar o fallo- e dei cunha chea de contraexemplos.

Foi nunha web, malaprensa.com, que se dedica a andar á procura dos desatinos que saen na prensa. Nos desatinos atribuíbles aos xornalistas, moito menos que os atribuíbles á realidade, e que adoitan ser de prensa escrita, porque é onde queda máis constancia deles, non porque haxa máis. O meu preferido é o dos presuntos prexuízos económicos que causaría a abolición das corridas de touros, aínda que para ser xustos, os prexuízos non serían presuntos, porque algúns habería, pero non os que calculaba hai un par de meses o redactor dun diario económico (non un xornal barato, o que podería xustificar a escasa calidade da noticia, senón especializado en economía): “La fiesta representa casi el 1,5% del PIB español. Además, las corridas y los festejos populares generan 2.500 millones de euros al año”. Como apuntaban en malaprensa.com, o PIB de España é un billón de euros, co que 2.500 millóns son o 0,25%. O 1,25% que queda ata o 1,5% debe ser da “festa” en xeral, desde a romaría da Franqueira ás de Nadal. A reportaxe do prestixioso diario económico tamén menciona que o sector do corno emprega a 7.000 traballadores. Comparando o persoal (7.000) coa creación de riqueza (2.500 millóns), resulta que cada traballador xera unha media de 357.000 euros ao ano. Máis ou menos como os 10.000 funcionarios que Alfonso Rueda, entón líder opositor, denunciara que creara a maiores a Xunta bipartita, cun gasto no capítulo de persoal da Administración de mil millóns de euros, co que cada novo empregado público ganaría de media 100.000 euros. E logo os que levan a fama son os controladores.

Claro que a maioría das veces as meteduras de zoco veñen porque se collen os datos como veñen, sen comprobalos, na seguridade de que eses señores tan simpáticos que os elaboran, non se equivocan. Por exemplo, unha noticia de que Madrid era a terceira cidade do mundo na que era máis caro ir ao cine, difundida hai un par de meses, non aclaraba que era as estudadas eran cinco, co que o titular podería ser tamén que en Madrid ir ao cine non é barato nin caro. Ou aquela outra que falaba do piso máis caro do mundo, un dúplex en Londres, que custaba uns 170 millóns de euros, 7.220 euros por metro cadrado. Home, barato non é, pero caro tampouco, porque xa por aquí hai pisos que custan esa porcentaxe, e máis no Madrid no que vive o que redactou a noticia. Ademais, para que cadren as cifras, o piso debería ter 23.545 m2, que é moito por moi dúplex que sexa.

Estes son erros case inocentes, como case todos os erros. Malaprensa.com inclúe tamén casos de datos sen máis respaldo que o que di alguén (“Este será el segundo mayor centro comercial de España y el tercero de Europa después de uno de París y otro de Moscú” dixo hai un tempo un empresario na presentación dun proxecto na Coruña. “Será entonces el cuarto”, aventurou un xornalista. “Bueno, el tercero o el cuarto”) de manipulacións igual de groseiras, e que tamén colan e se repiten por aí como datos contrastados. Quizais se deba a que no periodismo, como en todo, a calidade está en relación directa coa cantidade (coa cantidade de tempo que tes para redactar as noticias, entre outras cantidades).

(La Opinión de A Coruña, sábado 18 de decembro de 2010)

Advertisements