Antes os anos non daban para encher un dente. En doce meses pasaba unha cousa, ou dúas, e en épocas de abarrote, tres como moito. Agora non se dá resumido todo o salientable que aconteceu desde a resaca do día 1 de xaneiro aos preparativos da noite do 31 de decembro seguinte. Así, a bote pronto, sen ter que consultar todos os resumos nos medios que consultei, dirán que 2010 foi o da consolidación da crise económica. É máis, o ano en que descubrimos que esta crise á que non lle podemos botar a culpa ao petróleo ou ás guerras, senón á avaricia financeira pura e dura, non sairemos como se sae das gripes: escangallados pero con anticorpos. Sairemos –se é que saímos- fracos e debilitados e dispostos a que nos invada o mesmo virus de sempre. Nin refundar o capitalismo, nin reformalo, nin retocalo, nin miralo mal siquera. O ano no que constatamos que todos somos, economicamente, carne de canón.

E se non que llo digan a Zapatero, que este ano recoñeceu que nin ilusión podía vender, e que fai o que fai, o contrario do que dixo e esperabamos que faría, porque llo mandan. O ano no que a folga xeral máis necesaria das que recordo, a menos política e a máis xustificada, foi a máis vilipendiada de todas, máis cuestionado o seu resultado e máis atacados os seus convocantes (por moito que foran os mesmos que as outras, evidentemente), primeiro por non convocala e logo por facelo. O mesmo caso que o de Tomás Gómez, o Curro Jiménez da Federación Socialista Madrileña, que encheu tantos titulares e telediarios, tertulias e análisis como no seu día Obama, e do que nunca máis se soubo en canto conseguiu o seu fraco botín. Afortunadamente, a sociedade reaccionou demostrando que non somos un rabaño de ovellas mansas pouco despois, cando un dos numerosos colectivos que manteñen uns privilexios anacrónicos, os controladores aeroportuarios, paralizaron o transporte aéreo. Cos dereitos laborais que fagan o que queiran, pero as vacacións son sagradas.

Con todas esas conmocións cataclísmicas, non é de estrañar que pasaran desapercibidas noticias que en anos menos activos darían para acaparar portadas meses enteiros. ETA anunciou, sen que lle fixeran caso ningún, que tiña decidido hai un tempo parar de atentar, e o xuíz Garzón foi suspendido por investigar os crimes do franquismo, ante o pasmo mundial e a indiferenza (cando non aplauso) nacional. Dentro do capítulo de aquí non pasa nada dependendo de quen o faga, o exército israelí asaltou uns barcos en augas internacionais matando algúns pasaxeiros (pero eran turcos) e as forzas de seguridade de Marrocos arrasan un campamento de refuxiados saharauís (pero eran saharauís). A todo isto, houbo en terremoto en Haití que matou 250.000 persoas e fundiu aínda máis na miseria aos sobreviventes. Houbo gran axitación mediática (o enorme despliegue operativo modelo traxedia, incluído desprazamento de profesionais que non saben cruzar sos unha rúa se non os levan da man) durante un par de semanas, pero moito menos que o caso dos 33 mineiros chilenos atrapados baixo terra, que deu para os 69 días que durou o rescate.

Como non todo van ser dramas, o mundo alumou duas novas iconas: Lady Gaga e o iPad, e a fértil imaxinación hispana contraatacou creando dúas heroínas de referencia: Belén Esteban e Sara Carbonero. E non inclúo nos acontecementos do 2010 a Wikilieaks e o Campionato Mundial de Fútbol porque me parecen cousas evidentes: Estados Unidos fai o que lle peta para os seus intereses, coa axuda entusiasta dalgúns indíxenas, e en canto non convocaran a Raúl malo sería.

(La Opinión de A Coruña, 3-01-2011/Faro de Vigo 4-01-2011)

Advertisements