Etiquetas

, , ,

Os fillos son unha bendición e todo o que queiran, pero non saben (eles) os sacrificios que facemos por eles. No meu caso, asistir ás cabalgatas de Reis e defender a lei antitabaco. Dúas experiencias que, desde logo, nunca afrontaría de non ser pai.

O das cabalgatas de Reis recórdanme en todo a Plácido, a película de Berlanga. En primeiro lugar, como o protagonista que encarna Cassen, hai que esquecer calquera outra preocupación para participar no acontecemento co ánimo axeitado á suposta ilusión infantil que esperta. Claro que eu non levo un motocarro, como Cassen, pero hai que sincronizar a familia coas familias dos amigos dos pequenos, escoller un lugar estratéxico do trazado, prever por onde se pode aparcar, e mesmo cal será o horario preciso, cedo para que por unha parte haxa sitio, pero tampouco tanto para que te coma o frío polos pés de tanto esperar. Despois, aturar os desexos de estrangular señoras que, coa escusa de poñer ao neto en primeira fila, te desprazan do sitio que tan calculado tiñas. E o peor chega cando ven a comitiva. Por un lado tes que apurarte a identificarlle ao pequeno a carroza correspondente (“esa é a do rei Gadis, non a de Melchor”), por outro desenvolver unha actividade de apañador de caramelos como se traballaras na recollida do algodón para Scarlett O’Hara, para non perder puntos coa criatura, por outra tornar dela (da criatura, non de Miss O’Hara) para que non se meta nas patas dos cabalos ou nas rodas dos todoterrenos mentras apaña os seus, e por outra parte esquivar os caramelazos que mandan algúns psicópatas disfrazados de paxes. Deben ser adolescentes aos que, como é natural, non lles mola ir disfrazados de Aladino, e no canto de rebelarse contra a familia páganas co público, ou adolescentes que canalizan algunha sociopatía latente asestando chuches porque non teñen a man un AK47. E por que ten todo, empezando polas nenas con lacitos que van de acompañantes, un aire tan casposo?

Igual que o do fume -e dígoo non como fumador, senón como fumador compulsivo-. Claro que é hipócrita que os gobernos se lucren cos impostos de algo que consideran prexudicial. Claro que raia tanto foco sobre os aspectos non saudables do comportamento dos cidadáns e tan pouco sobre os comportamentos non saudables de industrias e mesmo das institucións. Claro que é indigno que unha ministra chame á delación (xa postos, por que non se pode denunciar anonimamente a quen vai de fernandoalonso, carácter incluído, por unha vía pública?). Claro que nesta lei -e en boa parte das que recordo- hai aspectos ridículos e/ou inaplicables: a min chamáronme a atención por fumar fóra dun bar porque había un parque infantil, á unha da madrugada. Claro que hai parvos vingativos (unha das peores combinacións posibles) que demandan máis que se amole aos que se intoxican que a súa liberdade a non ser intoxicados. Claro que é unha intromisión na liberdade prohibir que apareza xente fumando nos medios de comunicación (darase aplicado a Callejeros?,vaise retocar o cine clásico para quitarlle o vicio a Bogart? Como identificaremos aos malos no cine moderno?). Claro que calquera produto do acordo dos dous grandes partidos é como para sospeitar (xa saben, xuntanza de pastores, ovella morta). Pero, alguén ten un argumento para obrigar a respirar fume a quen non quere?

O malo é que estas cousas, as cabalgatas e os fumes, sacan o peor de cada un. O animal que levamos dentro e algúns por fóra. Desde os bestas que a emprenderon a golpes con quen lles recordou a prohibición, ata os que vin devolvéndolle os proxectís-caramelo aos reis magos.

(La Opinión de A Coruña, 8 de xaneiro de 11)

Advertisements