Etiquetas

, , , , , ,

Eu estiven unha vez en Tunisia (ese é o seu nome oficial e como se lles denomina internacionalmente e en galego. Túnez practicamente só se lle chama en español, e non sei se en serbocroata). Fun por razóns de traballo, e tratei máis con palestinos que con tunesinos, pero polo que recordo, os da capital (que si se chama Túnez) eran máis amables e menos pesados que os de Marrakech, e bastante cumpridores: en plena guerra do Golfo mandáronme á casa –dous meses despois- unha alfombra que mercara no bazar. Como todo o mundo, menos os gobernantes dos países veciños alegreime da revolta que mandou ao presidente Ben Alí e á súa familia a gastar en Arabia Saudita a tonelada e pico de ouro que mangaron. Como fixo Obama, felicito aos tunesinos e ás tunesinas, e aconséllolles (o consello é meu, non de Obama) que aproveiten o entusiasmo deste días, que non sei o que durará.

Hai que felicitalos porque se deron sacudido a un tunante e achegados, mentres aquí, que somos moi civilizados e moi europeos, houbo que agardar que morrera o tunante, aturar aos achegados, darlles carné de demócratas e aínda agora hai que discutir se lle conservamos os nomes nas rúas. É ben curioso, e reconfortante ou non, que tanto alí como aquí, todo o mundo sabía o que pasaba, pero alí non se moveu unha palla ata que apareceu negro sobre branco (para que logo falen dos perigos de Wikileaks para a orde mundial). Aquí, como alí, tamén tivemos aos nostálxicos do réxime metendo medo, e algunha bala que outra, para demostrar que sen pai da patria non hai orde. Alí, como aquí, os que administraban a ditadura dispuxéronse a pilotar a nova etapa, primeiro mostrando o pau e logo a cenoria. Afortunadamente para eles, en comparación con nós, a revolta ten o beneplácito dos Estados Unidos, e suponse que o permiso, que entenderon de vez que o réxime non era o baluarte contra o islamismo (como aquí non o era contra o comunismo) senón o seu caldo de cultivo. Desafortunadamente para eles, aquí tiñamos o apoio dos países veciños do que eles carecen. Aquí queriamos ser como os demais, e alí os demais queren ser coma eles. Ou sexa que son pesimista, ou máis ben optimista escéptico, sobre o que alí acabe pasando.

E son pesimista/optimista escéptico, porque moito me temo que nos Estados Unidos, despois das declaracións de Obama (nin unha mala palabra, nin unha boa obra rematada con xeito), alguén empece a sacudir o fantasma do islamismo, que é un perigo real, sobre todo cando lle dan carta de inimigo principal. E a Unión Europea, despois e facer o que fixo (nada) tampouco ten trazas de que vaia facer algo. O mesmo que a Internacional Socialista, que acolleu durante anos ao partido de Ben Alí. Ou sexa que se a xente en Tunisia anda desnortada, non parece que vaia haber moitos que lle indiquen por onde quizais poden ir. Exemplos hai a moreas, e por poñer un exemplo de actualidade, Haití. Despois da revolta que derrubou a Duvalier, un dos ditadores máis sanguinarios da Historia (e miren que hai competencia), houbo un neoduvalierismo, chegou o père Aristide, botárono por esquerdista ou por desorganizado, viñeron outros, e á xente xa non a mataba tanto a policía (ou non tanto), pero morría igual de fame. Agora volve Duvalier fillo (pero non os cartos que apañou), e como moito, vaise ter que enfrontar a unha acusación de evasión fiscal. Ben visto, o de que Franco morrera, aínda que fose ao mando, non deixa de ser unha vantaxe.

(La Opinión de A Coruña, 22 de xaneiro de 2011)

Advertisements